0 Gardados para despois

Mulleres fronte ao cancro e contra unha lei inxusta

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"O Sergas cúrate e a Seguridade Social e o Inem mátante de fame". Beatriz Figueroa fixo desta frase o seu lema cando, en pleno tratamento do seu cancro de mama, a Seguridade Social lle negou a prestación por incapacidade temporal e, malia ter cotizados máis de 20 anos, a abocou a sobrevivir co subsidio de 426 euros por ter rematada a prestación por desemprego. A avogada e xornalista viguesa sacou forzas de onde non as había para iniciar unha loita en todas as frontes, dende a folga de fame ata a recolleita de máis de medio millón de sinaturas a través de Change.org, apoios que se traduciron nunha proposición de reforma da Lei Xeral da Seguridade Social defendida no Congreso por Olaia Fernández Davila (BNG) e apoiada por toda a oposición, pero vetada polo PP. O pasado novembro Beatriz gañou a súa batalla nos tribunais e agora serve de guía para moitas mulleres que pasan pola mesma situación.

Tras uns meses de descanso e cadrando co Día Mundial contra o Cancro Beatriz Figueroa regresou ás portas da sede do INSS en Vigo para anunciar a reactivación da súa recollida de sinaturas. Agora o obxectivo é chegar ao millón de apoios para así lograr unha mudanza da lei que impida que as persoas enfermas de cancro teñan que enfrontarse por unha banda ás visitas ao hospital, ás intervencións cirúrxicas, ás sesións de quimio e radioterapia e aos efectos secundarios e, pola outra, ao estrangulamento da súa situación económica.

Raquel

Este martes ao carón de Beatriz estaba Raquel, unha mariñeira moañesa de 49 anos á que lle diagnosticaron cancro de mama en febreiro de 2010. A comezos de 2012 a Seguridade Social concedeulle a "incapacidade permanente total" para traballar no mar e no Instituto Social da Mariña mesmo lle recomendaron que "buscase un traballiño" noutro sector. Pero "aos oito meses, quitáronma", relata en conversa con Praza Pública. "Recorrín, porque non estaba de acordo" e sobre todo porque o tratamento e as secuelas do propio cancro, do que aínda se está a recuperar, lle impide embarcarse cada día e erguer "dezaseis quilos de peso" con normalidade e seguridade.

A Raquel, mariñeira, suxeríronlle que fose traballar para estar "entretida"

Pero as evidencias desta incompatibilidade non foron observadas na Casa do Mar de Vigo, onde a Raquel lle dixeron que "traballando estaría máis entretida, que así non comía a cabeza" e "se me pasaría a depresión e a ansiedade que teño". A base desta decisión, relata, foi "unha analítica" na que, obviamente, "non sae" o seu principal problema físico, a dificultade para manexar un dos seus brazos. "Dende a fiestra" da funcionaria que a enviou a traballar "o mar vese moi bonito" pero dende o barco "non tanto", ilustra, nun contexto no que nin sequera "podo faltar" se a medicación que segue a tomar lle provoca mareos ou náuseas. No barco figura que hai dúas persoas enroladas, ela e o seu marido, "e se a Xunta e a Garda Civil ven que falto, múltannos, e non están os tempos para pagar unha multa".

Ana

A loita de Beatriz Figueroa tamén lle dá folgos a Ana, lucense de 44 anos que pelexa contra o cancro dende comezos de 2013 e contra a Seguridade Social dende o pasado setembro, cando lle desestimaron a incapacidade que solicitara. "A min, a enfermidade non me colleu no paro", o que implica "unha vantaxe, entre aspas", porque puido pasar á situación de baixa e non  á contrarreloxo do esgotamento do desemprego. Así e todo, "no momento en que empezas a saír do mundo de medicación, de quimio, de radio... Dáste de fuciños con que che din que che queren dar a alta". "Os médicos dinche que non podes traballar e na Seguridade Social, que estás fenómenal".

"Os médicos dinche que non podes traballar e na Seguridade Social, que estás fenomenal"

Para Ana, traballadora do sector da loxística, os efectos do cancro e das "patoloxías engadidas" aféctanlle "aos dous brazos" e provócanlle unha "doenza de estómago" e "dor crónica" que, en conxunto, a obrigan a "tomar 19 pastillas todos os días" e fan que "poñer o organismo a andar" cada xornada sexa todo un esforzo. A dificultade para erguer os brazos, a sensación de frío permanente ou os problemas para se erguer cada mañá non impediron que, cando iniciou os trámites ante o INSS; "me preguntasen se ía polos beneficios fiscais". "Eu non elixín estar así", proclama Ana, quen censura que en ocasións "me tachen de hipocondríaca". "O médico de cabeceira dicíame que non tiña nada e acabei cun cancro de mama bilateral", lembra.

A loita que non cesa

Malia todas estas circunstancias Ana, Raquel e moitas outras manifestan a súa intención de seguir na loita polos seus dereitos e os das demais persoas enfermas. E nesta senda, explican ambas, o exemplo de Beatriz Figueroa parécelles "admirable". Beatriz "defende o dela e o das demais sen ningún interese persoal", di Ana, que combina a recuperación, os exercicios e as conversas de WhatsApp entre compañeiras da AECC coa tensión que a acompaña nos días previos a cada revisión, na que "cada tres meses che din se o cancro volveu ou non". Mentres, espera "polo xuízo" no que tentará lograr o recoñecemento da incapacidade, "que me sae en abril de 2016".

O exemplo de Beatriz Figueroa sérvelles de "esperanza" no medio da recuperación e da loita burocrática e legal

A Raquel o exemplo de Beatriz serviulle "de esperanza e fe" para reincorporarse á loita cando "xa me rendera, chegara a un punto no que xa non podía máis" e "choraba polas esquinas ao ver o meu marido traballar" mentres "xa me doía todo, non o podía soportar". Ela, advirte, tentará seguir "facendo ruído todos os días" e esixindo que "revisen os traballos de cada persoa, de verdade" e comproben que "non somos inútiles" pero que "o traballo do mar, por moito que se queira", non se pode realizar mentres se sofren estes problemas de saúde.

A mariñeira reivindica  os dereitos dos doentes de cancro pero tamén "da Hepatite ou da ELA". "Dáme rabia cando vexo os estudantes e os investigadores marchar mentres os políticos levan os cartos a Suíza". A súa doenza, di, ten cura "porque houbo investigadores que deron co que hai", por iso "é unha vergoña que nos teñamos que poñer a recoller sinaturas".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.