A finais de novembro botou a andar en San Sadurniño un programa experimental de recollida de lixo "porta a porta" polas casas, impulsado polo Concello co apoio de ADEGA. O proxecto debe sertvir para ver a viabilidade dun sistema alternativo de recollida e compostaxe dos residuos domésticos co que se agardan reducir custos económicos e ambientais, ademais de facerlle máis cómoda á veciñanza a xestión do lixo.
Os primeiros resultados deste proxecto, destaca ADEGA, "son moi prometedores". A redución de residuos é moi significativa, xa que se recolleu só un contedor de fracción resto de todas a casas durante toda a semana. "A calidade da separación das demais fraccións é tamén moi boa", sinalan. A entidade conclúe que "se hai vontade política para mudar o sistema, como é o caso de San Sadurniño, e se proporcionan os materiais e información necesaria, a xente colabora e síntese orgullosa de facer as cousas ben".
En total son 60 as vivendas que aceptaron participar, situadas na zona limítrofe de San Sadurniño e Naraío e a parroquia de Ferreira, case 200 veciños e veciñas. A estas casas proporcionóuselles un colector para o lixo inorgánico e, se o necesitaba, tamén un composteiro para o orgánico. A novidade do sistema é que o servizo de recollida retira unicamente os restos do colector xenérico e os plásticos, latas, bricks, etc. mentres que os veciños autoxestionan o lixo orgánico (restos de comida, varreduras, podas...), ben como mantenza dos animais ou para producir esterco, igual que se fixo toda a vida nas zonas rurais. ADEGA lembra que a materia orgánica supón o 50 por cento da tonelaxe total que se envía a Sogama. Coa recollida "porta por porta" combinada coa compostaxe caseira estímase que se podería reducir á metade unha factura que nestes momentos é de 80 euros por tonelada.
Coa recollida "porta por porta" combinada coa compostaxe caseira estímase que se podería reducir á metade unha factura que nestes momentos é de 80 euros por tonelada
A iniciativa complétase cunha campaña informativa -tamén casa a casa- que desenvolve ADEGA, para explicar como empregar o composteiro e os usos do compost xerado. A entidade salienta que a colaboración de toda a veciñanza neste proxecto é "excelente". "Moitas e moitos opinan que o servizo mellorou xa que non se teñen que desprazar e agora están os contedores ao pé da casa. Tamén comentaron que antes era máis doado ao ir todo o lixo xunto e que nas primeiras semanas tiñan que pensar onde ía cada cousa. Mais agora xa coñecen perfectamente onde vai cada fracción e 'se é bo para todos tampouco custa tanto', comentou unha veciña", explican.
ADEGA salienta que comprobaron tamén "a toma de consciencia do lixo producido"
ADEGA salienta que comprobaron tamén "a toma de consciencia do lixo producido". "Un dos comentarios máis repetido nesta xornada é que non eran conscientes da cantidade de restos orgánicos que ía para o contedor, de feito xa se recibiron novas solicitudes de composteiro a maiores dos xa repartidos", din. Dende a asociación comentan que "ao principio pódese pensar que no rural o orgánico vai todo para os animais, pero en moitos casos e por preguiza, vai todo no caldeiro do lixo". “Xa colleramos malos vicios nos últimos anos” comentou unha veciña.