"Como as casas son dogma e non se poden mover, móvese a lagoa"

Lagoa da Frouxeira, en Valdoviño © ADEGA

O Consello da Xunta aprobou o pasado xoves Plano de Conservación da Lagoa da Frouxeira (Valdoviño), unha medida que chega con doce anos de atraso (segundo o fixado pola Lei 9/2001 de Conservación da Natureza) e que, ademais, está a recibir numerosas críticas por parte das organizacións ecoloxistas, como veu sucedendo dende a presentación do borrador do plano.

A lagoa é un espazo protexido con seis figuras distintas (ZEPVN, humidal protexido, humidal sensible, LIC, ZEPA...), entre elas a internacional Ramsar, pero todas estas proteccións non impediron que nos últimos anos o lugar sufrise numerosas agresións exercidas precisamente polo departmento que debía velar pola súa integridade: a Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Dende hai anos, cando chega o outono grupos de bulldozer realizan traballos para o baleirado artificial da lagoa, para evitar o asolagamento do paseo marítimo que a circunda e das vivendas construídas a escasos metros do espazo protexido. O Plano de Conservación da lagoa non só non impedirá que se siga levando a cabo esta cuestionable actuación, senón que servirá de base legal para xustificala. "O documento de planificación establece un protocolo de actuación para evitar a ruptura violenta da barreira natural da lagoa, coa apertura dunha canle temporal que reproduce a canle natural de desaugadoiro e que minimiza o risco de afección neste espazo, nos seus hábitats e nas persoas", destaca a Xunta, un eufemismo para lle dar carta legal aos traballos de baleirado da Frouxeira.

"Este documento é a coartada para xustificar o que levan facendo varios anos: xestionar a base de bulldozers un espazo protexido con seis figuras, unha delas internacional"

"Este documento é a coartada para xustificar o que levan facendo varios anos: xestionar a base de bulldozers un espazo protexido con seis figuras, unha delas internacional. Necesitaban un soporte legal, unha xustificación técnica e por iso fixeron un plano de conservación ad hoc", destaca Fins Eirexas, de ADEGA. Para Eirexas o Plano de Conservación "pasa por riba das actuais eivas e problemas da lagoa e das agresións que sufriu a Frouxeira" e recunca na "teima das administracións de xestionala como se fose unha lagoa urbana. É inaudito un humidal a tempo parcial".

Fins Eirexas fai fincapé no que para el é a principal causa do mal estado da lagoa: "a urbanización de toda a contorna e a construción dun paseo marítimo sobre unha zona inundable". "Como o paseo marítimo e as casas, algunhas delas con licenzas de dubidosa legalidade, son dogma, non se poden mover, o que se move é a lagoa", di. De igual xeito, Verdegaia sinala que o plano busca "ter a seguridade xurídica para seguir controlando de forma artificial o réxime hidrolóxico da lagoa" e denuncia que "obedece a intereses particulares e partidistas" sen darlle solución a cuestións ambientais importantes coma a presenza de "28 especies exóticas invasoras das que só se pretende erradicar cinco". 

"Cónstanos que Ramsar lle tirou das orellas ao Ministerio e que o Ministerio lle pasou a bóla á Xunta", que tivo que "redactar este documento a toda presa, para xustificar e manter a súa nefasta xestión"

ADEGA leva anos criticando estas actuacións, o mesmo que outras organizacións ecoloxistas, como Verdegaia ou a SGHN, que presentaran un gran número de alegacións a este plano cando foi presentado. Porén, a Xunta non atendeu ás súas demandas e mantivo inalterado o plano. ADEGA tamén elevou as súas denuncias ante Ramsar, a convención internacional que protexe os humidais máis importantes do planeta. Para Eirexas, estas denuncias foron fundamentais para forzar a Xunta a aprobar este Plano de Conservación: "cónstanos que Ramsar lle tirou das orellas ao Ministerio e que o Ministerio lle pasou a bóla á Xunta", que tivo que "redactar este documento a toda presa, para xustificar e manter a súa nefasta xestión ante as presións e as explicacións que lle pediu o Ramsar".

A entidade ecoloxista vai seguir reclamando ante Ramsar que se asegure unha protección efectiva do espazo, que corre un grande risco nestes momentos: "Queremos que Ramsar actúe máis aló e que inclúa este espazo dentro do rexistro de Montreux, no que se inclúen aqueles humedais que están gravemente ameazados por accións humanas. Sería un xeito de poñer a Frouxeira onde debe estar, que é na UVI ambiental". "A súa inclusión no rexistro obrigaría a poñer en marcha medidas que garantisen a súa conservación e, se non, seríalle retirada a categoría de humidal Ramsar, o que sería un auténtico pau para o Estado e para a Xunta, porque poñeríaos diante da súa incompetencia", advirte.

Outra vía posible sería a xudicial, sobre todo para incidir no que para Eirexas é a causa da maior parte das agresións sufridas pola lagoa: "a preponderancia dos usos urbanísticos, algúns ilegais, e a construción dese paseo marítimo, todo un exemplo de como non se debe xestionar un espazo sensible na costa". "A Frouxeira debería ser un exemplo de como se debe xestionar un espazo altamente sensible e está sendo exactamente o contrario", di. E tamén para denunciar outras cuestións relacionadas, coma a redución do espazo protexido e da área de dominio público. Porén, Eirexas explica as dificultades destes procedementos: "Demostrar unha intencionalidade penal, un dolo, nestas actuacións é moi difícil, aínda que nós estamos convencidos de que é así".

"Nós imos actuar como se estivésemos nun país normal, coma se os espazos protexidos e as leis ambientais valeran para algo e fosen de obrigado cumprimento"

"A porta que nos queda é a de Ramsar. Queremos que a nefasta actuación da Xunta quede ao descuberto ante Ramsar, o mesmo que a inacción do Ministerio", explica. "Nós imos actuar como se estivésemos nun país normal, coma se os espazos protexidos e as leis ambientais valeran para algo e fosen de obrigado cumprimento, en primeiro lugar para as administracións", conclúe.

O espazo protexido da Lagoa da Frouxeira © bichosedemaisfamilia.blogspot.com.es
Obras de apertura dunha canle para desecar a lagoa © Adega
Desfeita causada polas obras © Adega
Apertura da canle artificial para o baleirado da lagoa, en 2012 © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.