As achegas cidadás para as multas ao activismo non se deteñen

Álvaro e Isabel, tras o desaloxo en Elviña CC-BY-SA M. Pereira

Stop Desafiuzamentos A Coruña logrou recadar máis xa dos 7.000 euros que solicitaba á cidadanía a través de pequenas achegas voluntarias para poder facer ao importe total das sancións impostas a varios activistas que colaboraran na paralización do desaloxo da anciá Aurelia Rey en 2013. Precisamente, o vindeiro 18 de febreiro foi o día final do prazo marcado polo colectivo para alcanzar unha cantidade, nunha data na que se cumprirán dous anos daquel intento de despexo no centro da cidade. A finais do pasado mes de xaneiro, eran xa uns 7.500 euros os acadados nunha iniciativa lanzada a través de Roberto Rivas, o bombeiro que se negou a colaborar no desaloxo, e que foi un dos multados pola Subdelegación do Goberno. Antes do límite fixado, as cantidades poderán ser sufragadas grazas á colaboración popular. 

Stop Desafiuzamentos da Coruña recadou xa máis dos 7.000 euros necesarios para pagar as multas polo desaloxo de Aurelia Rey

Non obstante, as multas non se deteñen. Ao igual que pasa con activistas contra os desafiuzamentos que se mobilizaron en Aríns ou os que participan nas diferentes concentracións contra a rotonda que o Concello de Vigo prevé instalar en Coia, as sancións seguen a chegar aos manifestantes. Sexan como for. No caso de Stop Desafiuzamentos na Coruña, as últimas chegaron tras a participación nas protestas contra o último desaloxo levado a cabo en Elviña por mor do polémico proxecto do parque Ofimático. Son 4.250 euros. A cantidade total das sancións impostas pola policía e que serán recorridas, en parte porque aseguran que ningunha persoa foi identificada, polo que entenden que hai un rexistro en poder das forzas de seguridade. 

Dez persoas foron sancionadas por participar nas mobilizacións contra o desaloxo no Ofimático

Trátase de dez multas polas mobilizacións que se levaron a cabo antes e durante o desaloxo, sendo incluso un dos sancionados o fillo do dono da casa que foi derrubada. Neste caso, reclámanselle 600 euros, 200 menos que as tres persoas que subiron ao tellado e se encadearon nel para deter o desafiuzamento, entre eles tamén o bombeiro Roberto Rivas. Todo, malia que estas tres persoas accederan a abandonar a vivenda logo de acordar coa policía local que non habería represalias. As multas chegaron de parte da policía nacional. 

Xuízo contra un veciño de Coia

Por outra banda, o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, amosou este luns a súa solidariedade con Xurxo R.M., activista contra a rotonda de Coia, ao que solicitan unha condena de dous anos e medio de cadea e unha multa de 1.200 euros. 

Un veciño de Coia será xulgado este mércores por supostas lesións a un axente; pídenlle máis de dous anos de cadea

O xuízo contra este integrante do movemento veciñal de Coia en defensa dos dereitos sociais será este mércores, ás 10:30 da mañá. Xurxo foi detido no desaloxo da protesta da rotonda de Coia o pasado 7 de xaneiro, no que participaron máis de corente policías municipais. O veciño vigués foi acusado dunhas supostas lesións a un axente que son negadas por varias testemuñas. Ademais, outros dous activistas están imputados a partir de relatos parciais da policía.

A Asemblea de Coia chamou xa "a toda a cidadanía a participar" nun acto de apoio ás portas do xulgado na data do xuízo "no que as mentiras policiais dirixidas poden rematar nunha condena inxusta a unha persoa que participa nun movemento que practica non violencia e a desobediencia civil".

“O réxime está esgotado”, contextualiza Beiras, “e utiliza a represión para intentar que a cidadanía renuncie a defender os seus dereitos e as conquistas de décadas e décadas de loita”. Segundo o portavoz de AGE, quen reivindica como propias as esixencias do movemento veciñal vigués de dereitos sociais e políticas centradas nas persoas, “é a propia cidadanía organizada, como as veciñas e veciños de Coia, a que fai posíbel a mudanza de réxime cara a outro en que a democracia e a liberdade teñan contido real”.

Stop Desafiuzamentos Compostela pide ao Valedor unha investigación "imparcial" sobre a actuación en Aríns, que rematou con catro procesados

Unha situación semellante vive tamén Stop Desafiuzamentos Compostela, que levou a cabo unha campaña de autoinculpación na que se implicaron unhas 200 persoas logo de que varias persoas foran detidas tras intentar deter o desaloxo dunha familia en Aríns hai máis de tres meses.

O colectivo xa trasladou unha queixa formal ante o Valedor do Pobo pola que lle solicita que active unha investigación “imparcial, autónoma e independente” sobre a actuación acontecida en setembro no desafiuzamento dunha familia en Aríns e que rematou con catro persoas procesadas.

A plataforma achega vídeos e imaxes de televisión que, aclaran, desminten a versión policial do acontecido naquel día, e afirman que os atestados policias foron “falseados”. Na queixa pídenlle que impulse unha investigación que “determine responsabilidades” sobre o que considera “detención ilegal” naquel despexo do home que actuaba como mediador da familia. Tamén solicita ao Valedor que reclame ao Parlamento datos sobre cantas persoas teñen sido sometidas a “procedementos administrativos sancionadores con resultado de sanción por diferentes subdelegacións desde o 2010”.

Concentrados ante a casa de Aurelia Rey na Coruña CC-BY-SA M. Pereira
Veciños e veciñas de Coia, ante unha das máquinas da obra © Asemblea de Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.