O TSXG dá a razón a Caballero e permite manter en pé a cruz franquista de Vigo

Ducias de colectivos reclaman a derruba da Cruz do Castro, en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

O TSXG vén de revogar a sentenza que ordenaba derrubar da Cruz do Castro de Vigo, polo que estima así o recurso presentado polo Concello que apelou ao pleno do ano 1981 no que a Corporación aprobou por unanimidade baleirar o conxunto histórico da cidade dos elementos franquistas e do que se deriva, segundo o alcalde Abel Caballero, que o monumento non exalta a ditadura franquista. 

A sección segunda da Sala, segundo informa o propio alto tribunal, estima deste xeito o recurso de apelación interposto polo Concello de Vigo contra a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 da cidade, que dera a razón á Asociación viguesa pola memoria histórica do 36, autora da demanda. O ditame non pode ser recorrido. 

O TSXG entende que a Cruz do Castro non exalta a ditadura e que é "representativa dos caídos por ambos os dous lados"

O TSXG entende que a Cruz do Castro xa non ten un significado de exaltación da Guerra Civil e da ditadura fascista "unha vez desaparecida toda a simboloxía fascista". "Contemplada a día de hoxe á marxe das crenzas superadas que motivaron a súa construción, como moitos outros monumentos ao longo da historia da humanidade, ha de levar ao coñecemento e reflexión polas xeracións presentes e futuras sobre un pasado xa superado pero que non ha de esquecerse, habendo de considerarse representativo dos caídos por ambos os dous bandos", consideras os maxistrados. 

Os maxistrados cren que "habendo desaparecido a súa carga política, [a Cruz] pode ser contemplada como un elemento relixioso, aínda que non fora o seu significado orixinario, posto que é evidente que se trata dunha cruz latina".

A sentenza ten un voto particular dunha maxistrada que entende que a cruz tería que ser retirada atendendo á Lei da Memoria Histórica

O ditame feito público conta co voto particular dunha maxistrada que entende que a cruz si debe ser retirada en atención á Lei da Memoria Histórica aprobada en 2007. Esta xuíza entende que a sentenza apelada tería que ser confirmada xa antes por ser "clara, precisa, congruente e motivada".

A Cruz do Castro foi unha iniciativa da Falange, que escolleu o lugar onde se situaría o monumento, aprobado logo polo Concello franquista. Foi inaugurada o 14 de setembro de 1961 coa presenza do ditador e serviu para numerosos actos de exaltación fascista.

A retirada deste símbolo é unha petición que leva anos amosándose na rúa a través de diferentes mobilizacións. Ademais, xa en 2008 se fixo a súa primeira solicitude formal, á que seguirían varios escritos da Asociación pola Memoria Histórica. Recolléronse máis de 4.000 sinaturas e contouse co apoio de moreas de asociacións, forzas políticas e diferentes colectivos, pero o goberno municipal nunca respondeu.

A retirada deste símbolo é unha reclamación de hai anos, apoiada por milleiros de sinaturas e colectivos

Ante o silencio oficial, o 19 de xullo de 2011 o colectivo insistía no reclamo ao abeiro legal do dereito de petición (recollido no artigo 29 da Constitución e regulado na Lei 4/2001) amparándose na Lei 52/2007 de memoria histórica. Malia que a administración municipal tiña obriga legal de respostar, non o fixo, e a asociación presentou unha demanda para a protección dos dereitos fundamentais diante do xulgado número 1 de Vigo, que o 19 de decembro de 2011 obrigaba ao Concello a se pronunciar expresamente sobre a solicitude, inadmitíndoa "motivadamente" ou tramitando o procedemento oportuno.

A resposta non chegaría até o 1 de marzo de 2013, case cinco anos despois da presentación da primeira petición formal. A Xunta de Goberno Local resolvía nesa data denegar a petición de retirar o monumento fascista. Ante esa negativa, a asociación promoveu o recurso contencioso-administrativo, diante do xulgado número 2 da cidade, do que nacerá o proceso xudicial que concluíu coa sentenza que mandata o Concello a retirar a Cruz da ladeira do monte do Castro.

O pasado mes de setembro, PP e PSOE volvéronse para rexeitar a demolición da cruz franquista. No pleno da corporación local do 29 de setembro, os votos de populares e socialistas rexeitaron unha moción do BNG na que se solicitaba que non se recorrese a sentenza xudicial que obriga a derrubala por considerala un símbolo franquista que atenta contra a dignidade das vítimas.

Homenaxe aos asasinados e represaliados polo franquismo ao pé da Cruz do Castro CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
Ducias de colectivos reclaman a derruba da Cruz do Castro, en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.