"Esta votación vai ter consecuencias. O vaso da nosa paciencia está absolutamente sobordado. Adoptaremos todas as accións que estean ao noso alcance para facerlle ver a esta xente toda a dor que infrinxe". Quique Costas, voceiro da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C, fala á saída do Parlamento, amosa unha indisimulada indignación ante a negativa do Partido Popular a votar a favor dunha proposición non de lei (PNL) para instar a Xunta e ao Goberno central a garantir o acceso ás novas terapias para tratar a enfermidade, coma o Sovaldi, de acordo ao criterio dos médicos especialistas que atenden cada caso.
A proposta, presentada por AGE, contou co voto favorable de PSdeG-PSOE, BNG e Grupo Mixto, pero non dos populares, que se escudaron en que “a día de hoxe todos os pacientes que cumpren os criterios establecidos están tendo e terán acceso á medicación que necesitan” e que "o Sergas está a garantir a homoxeneidade e a equidade de acceso aos antivirais gracias ao asesoramento dunha subcomisión colexiada integrada por facultativos especialistas”. Porén, a realidade é que esa subcomisión, que debe estudar cada unha das peticións de tratamento realizadas polos médicos, está a denegalas en moitas ocasións e noutras adía a resolución durante meses ou as deixa sen resposta. De feito, este martes faleceu na Coruña unha paciente que demandara en agosto o novo tratamento, pero a quen só lle foi concedido a partir do pasado 15 de xaneiro. Demasiado tarde para ela.
Por ese caso e por varios outros (hai dúas semanas outro enfermo, de Cangas, faleceu mentres agardaba polo tratamento) e pola incerteza xeral que viven os milleiros de afectados e as súas familias, hoxe no Parlamento o ánimo non estaba para retóricas políticas nin para eufemismos. Representantes da Plataforma de Afectados, que seguían a votación dende a tribuna, comezaron a berrar, pedindo "transparencia", chamándolles aos deputados e deputadas do PP "sinvergonzas" e "asasinos" e acusándoos de permitir que morran "por diñeiro". De igual xeito, o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras acusou os populares de seren "cómplices de asasinato" e os afectados abandonaron o hemiciclo, expulsados, lembrando o falecemento da enferma coruñesa e sinalando que "só nos queda o dereito de morrer".
Unha das demandas da Plataforma, dende hai semanas, é que a Consellaría faga pública a identidade das nove persoas que integran a subcomisión que decide a aplicación do Sovaldi
Unha das demandas da Plataforma, dende hai semanas, é que a Consellaría faga pública a identidade das nove persoas que integran a subcomisión que decide a aplicación do Sovaldi. Porén, o Goberno galego vén negándose a iso reiteradamente, argumentando que se busca evitar que estas persoas poidan ser vítimas de presións e de ameazas. Porén, a Plataforma lanzou este mércores unha advertencia e un ultimato de 48 horas. Se antes do venres a Consellaría non fai públicos os nomes, será o colectivo de enfermos e enfermas quen o faga, nunha rolda de prensa que tería lugar o sábado pola mañá en Compostela. "É inaudito que sexa clandestina unha subcomisión que adopta decisións sobre dereitos fundamentais, coma o dereito á saúde. Non hai amparo legal para iso e sábeno", do Quique Costas, que descualifica a excusa empregada polos populares: "Se é por iso, daquela non debería facerse pública a composición de ningún tribunal de oposición".
“O de hoxe foi unha declaración de guerra en toda regra por parte do PP. Era unha proposición de lei que estaba redactada dun xeito que ata para o PP debía ser imposible dicir que non”, conclúe Costas. “Ata agora fomos moi críticos co Goberno galego e español, pero co PP tivemos unha relación correcta coma co resto das forzas. Adoptaremos todas as accións que estean ao noso alcance para facerlle ver a esta xente toda a dor que infrinxe", engade.
Reaccións dos partidos
"Adoptaremos todas as accións que estean ao noso alcance para facerlle ver a esta xente toda a dor que infrinxe", di Quique Costas
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a ao Goberno de España a garantir que o acceso ás novas terapias para os doentes de Hepatite C que o precisan se produza de acordo co criterio dos médicos especialistas que os atenden en cada caso, dispoñendo todos os recursos que sexan precisos para a atención dos casos definidos como de tratamento urxente pola Asociación Española para el Estudio del Hígado". Así dicia o texto que o PP se negou a apoiar, defendendo que na actualidade todos os enfermos e enfermas galegas que necesitan estes tratamentos xa os están recibindo. O deputado Aurelio Núñez Centeno argumentou ademais que “a velocidade de comercialización destes novos medicamentos xustifican a existencia de protocolos actualizados e o principio de prudencia para garantir un uso seguro dos mesmos”,
Porén, a posición dos conservadores espertou duras críticas en PSdeG-PSOE, AGE e BNG. “A xente está morrendo e a Xunta non fai nada”, afirmou Eva Solla (AGE), que acusou os populares de "pregarse á especulación farmacéutica”. “Son falsas as razóns médicas que empregan, todo isto débese apenas a razóns económicas”, engadiu. Na sesión da tarde, ademais, o grupo socialista preguntoulle á conselleira de Sanidade cal era o número total de enfermos e enfermas galegas de hepatite que neste momento estaban recbindo o Sovaldi.
O grupo socialista preguntoulle á conselleira de Sanidade cal era o número total de enfermos e enfermas galegas de hepatite que neste momento estaban recbindo o Sovaldi
Polo BNG Montse Prado cualificou a posición dos populares de “obscena, inmoral e indecente” e sinalou que “cando vostedes apertan o botón para votar en contra, están dicindo non á petición de axilizar o tratamento médico que pode salvar vidas”. Prado denunciou tamén o "escurantismo co que se xestiona a información e os datos sobre esta doenza por parte da Xunta". “Como é posible que non podamos coñecer a composición da subcomisión de sanidade que determina quen ten acceso ao tratamento?”, preguntou, ao tempo que demandou que sexan criterios “exclusivamente médicos” os que determinen o tratamento que deben recibir os afectados e afectadas. Acusou a Consellería de Sanidade, finalmente, de aplicar criterios “aínda máis restritivos” dos que marca o propio Ministerio, que se "endurecen" cando o paciente supera os 70 anos.