O pasado mes de maio o Goberno municipal de Ferrol aprobou unha nova taxa para todas as vivendas da zona urbana, duns 70 euros anuais, para pagar a nova rede de saneamento e depuración. A taxa comezou a aplicarse en agosto e nas últimas semanas comezaron a chegar os primeiros recibos de cobro aos fogares, incrementando o malestar ante o novo imposto, que moitos consideran inxustificado, entre outras cousas porque 20.000 mil das 33.000 vivendas obrigadas a pagalo non están recibindo o seu servizo, por non estar conectadas á nova rede.
20.000 mil das 33.000 vivendas obrigadas a pagalo non están recibindo o seu servizo, por non estar conectadas á nova rede
Antes da aprobación deste canon, o proxecto de saneamento da ría xa espertara numerosas críticas nas forzas políticas da oposición, entidades sociais e ecoloxistas, que o cualificaron de "obsoleto" e "custoso", un proxecto consistente "nunha depuración intensiva e unitaria (mestura de augas residuais e pluviais), que implica ademais unha depuración insuficiente e insustentábel, cuns altísimos consumos enerxéticos e custos de mantemento" sinalaban en xullo oito colectivos nun manifesto. Estas críticas uníanse ás realizadas meses antes por SGHN, Adega e Verdegaia, que presentaron unha alternativa a unhas obras que superaban os 60 millóns de euros.
Antes da aprobación deste canon, o proxecto de saneamento da ría xa espertara numerosas críticas nas forzas políticas da oposición, entidades sociais e ecoloxistas, que o cualificaron de "obsoleto" e "custoso"
As forzas da oposición levan meses protestando contra a taxa aprobada polo Goberno local, unhas críticas que tamén chegaron dende o veciño Concello de Narón. O BNG recolleu sinaturas contra a taxa e presentou máis de 600 alegacións, sinalando que "non é lóxico que sexan os veciños os que teñamos que asumir o coste dunha insfraestrutura declarada de interese xeral". Os socialistas manifestaron estar de acordo co novo imposto, pero non coa súa contía e criticaron que o Concello aceptase asumir en solitario os gastos da posta en marcha da nova estación depuradora, que para o PSdeG-PSOE deberían corresponder á Xunta. Esquerda Unida lembrou que o incremento impositivo incumpría o compromiso notarial adquirido polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, na campaña electoral de 2011.
Coa chegada dos primeiros recibos, nas últimas semanas, as críticas redobráronse. Dende EU pediuse que non se fixese cobro ningún ata que os índices de depuración na ría ferrolá demostrasen unha limpieza e descontaminación efectivas e, en ningún caso, ás vivendas aínda non conectadas á rede. Así mesmo, vén de crearse un grupo de Facebook onde é visible o malestar xerado pola medida. Son varios os usuarios e usuarias que ameazaron con devolver ou impagar ou recibos, e mesmo se preparan accións colectivas para esta protestas.
Tamén se incrementan as voces que apostan por unha remunicipalización do servizo, unha demanda que en Ferrol realizaron en varias ocasións tanto EU coma o BNG
Ante esta situación, tamén se incrementan as voces que apostan por unha remunicipalización do servizo, unha demanda que en Ferrol realizaron en varias ocasións tanto EU coma o BNG. "Un goberno de esquerdas debe dende o primeiro día estudar as fórmulas para a remunicipalización do servizo, que xeraría emprego, abarataría os custos e permitiría unha xestión máis adecuada", afirmaba hai uns días Jorge Suárez (EU). A medida tamén será impulsada polo BNG en concellos de todo o país, pois forma parte do programa marco da formación para as vindeiras muncipais. De feito, a formación nacionalista impulsou mocións neste senso en localidades coma Vigo, Cambados, Ames ou Cangas. De igual xeito, Teo iniciou hai uns días o proceso para asumir a xestión do servizo de auga; a decisión, aprobada cos votos de Anova e PSdeG-PSOE, debe ser aprobada agora pola Deputación.