O barco xa está na rotonda de Coia tras unha enorme escolta policial nocturna

Escolta policial ao barco Alfageme, de camiño a Coia CC-BY-NC-SA GZFoto

Centos de antidisturbios e policías locais escoltando un barco pola rúa, á noite e coa veciñanza en contra. Parece surreal pero non o é. O Bernardo Alfageme atópase xa na rotonda de Coia logo de dous meses de resistencia cidadá e tras ser acompañado por forzas de seguridade desde a Autoridade Portuaria ata o barrio vigués. 

As protestas veciñais non puideron evitar a colocación do barco na rotonda, tras unha enorme escolta policial

De nada serviron as protestas -outra vez- que desde as 20.30 horas tiñan concentrados varios veciños no seu último inento por evitar a colocación dun barco que é todo un símbolo, tal e como lembra a Asemblea de Coia, do tipo de política levada a cabo por Abel Caballero en Vigo. "Os cartos na rotonda e as familias sen comer!", volvéronlle berrar tamén aos policías que deixaron en nada a resistencia pasiva do barrio. 

Mentres os antidisturbios escoltaban o barco, varias patrullas municipais acordoaban a zona e varios furgóns policiais esperaban nas rúas máis achegadas. E o traslado fíxose con nocturnidade, case á 1.30 da madrugada e tres horas máis tarde do que se agardaba. A policía rodeou os veciños no cordón olicial, que foron retidos mentres o buque navegaba polas rúas de Vigo, nunha escea tan peculiar como estraña, nun camiño de máis de catro quilómetros entre forzas de seguridade e reproches cidadás. 

Nove persoas acabaron lesionadas logo dunha carga tras o último intento por evitar o paso do Alfageme

Houbo intentos da veciñanza, que chegou a unirse nunha cadea para evitar o paso do barco aproveitando que este batera co túnel na entrada á avenida Castelao, tal e como relata Vigodixital, pero a policía foise encargando de liberar o camiño e nove persoas foron lesionadas polas cargas dos axentes, segundo informou a Asemblea de Coia. Mentres, outro grupo era retido xunto á rotonda para evitar que se achegasen máis a ela. 

Sexa como for, o barco está desde esta madrugada na rotonda, onde se levan a cabo os últimos traballos de cara á inauguración oficial, que será nos vindeiros días. Mentres, a Asemblea de Coia decidirá en asemblea que accións tomar a partir de agora. Polo momento, vén de convocar unha concentración ás 18 horas de novo na rotonda onde vén de ser colocado o Alfageme. "Nin en barcos, nin en policía; os cartos para as persoas", censura o colectivo veciñal.

A loita dos veciños é contra un símbolo, un desbaldimento de cartos "mentres hai 32.000 desempregados no concello"

A polémica do barco vén de lonxe. A cidadanía critica o elevado custo da obra (de cando menos 100.000 euros, como recoñece o goberno local), que se sumarían a outros gastos xerados por este barco, que dende que foi adquirido polo Concello acumula un desbaldimento de cartos públicos de case un millón de euros. Lembran que en todo o concello hai 32.000 persoas desempregadas. Propoñen tamén localizacións alternativas para a instalación deste barco, como por exemplo o Museo do Mar de Galicia, situado na cidade, unha proposta que foi aprobada pola maioría do pleno municipal, ou tamén na finca Zulueta, próxima ao museo. Pero o alcalde Caballero e o grupo socialista, malia a oposición de PP e BNG, seguiu adiante cun proxecto cuxas protestas levan xa varios detidos, algúns deles con importantes acusacións e pendentes de sentenza xudicial, e unha importante mobilización da cidadanía. O pleno municipal -cos votos de populares e nacionalistas- votou en contra das obras o pasado 22 de decembro, tal e como fixera dous meses antes. 

Desde que comezaron as protestas, tres persoas foron detidas e 25 máis denunciadas ante a Fiscalía e a Subdelegación do Goberno, segundo o goberno local. Precisamente, a actuación da policía local e o elevado despregamento de axentes durante as protestas levou a BNG, EU, Anova e 60 organizacións máis a unirse nun manifesto de apoio á loita dos veciños e contra a "política represiva" levada a cabo polo Concello de Vigo. 

Escolta policial ao barco Alfageme, de camiño a Coia CC-BY-NC-SA GZFoto
Escolta policial ao barco Alfageme, de camiño a Coia CC-BY-NC-SA GZFoto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.