Os grupos galegos de PAH e Stop Desafiuzamentos reuníronse este sábado en Compostela, nunha xuntanza que terá continuidade o vindeiro 7 de marzo en Xixón, no encontro estatal de todos os colectivos de loitan polo dereito á vivenda.
As entidades reunidas cualificaron de "papel mollado" a proposta da Xunta, enmarcándoa no actual período pre-electoral: "leis e medidas que só buscan titular en prensa e que nunca teñen un bo desenvolvemento posterior"
Entre outros asuntos, os colectivos analizaron as medidas postas en marcha polo Goberno galego, coma o bono-aluguer dun máximo de 150 euros ao mes para as familias en risco de desaloxo. As entidades reunidas cualificaron de "papel mollado" a proposta, enmarcándoa no actual período pre-electoral: "leis e medidas que só buscan titular en prensa e que nunca teñen un bo desenvolvemento posterior", dixeron.
Os colectivos reunidos puxeron en relación esta nova proposta da Xunta coa promesa, de hai un par de anos, de entregar 500 vivendas, a familias expulsadas dos seus fogares. "Só se entregaron 43 en dous anos", lembraron e subliñaron que cada mes son desafiuzadas 200 familias en Galicia. Destacaron que moitas destas expulsións se producen de maneira "silenciosa", pois "moitas familias seguen sentíndose avergoñadas de perder a súa vivenda. Entregan as chaves, baixan as orellas e marchan a casa dos seus familiares".
Os colectivos puxeron en relación esta nova proposta coa promesa, de hai un par de anos, de entregar 500 vivendas, a familias expulsadas dos seus fogares. "Só se entregaron 43 en dous anos", lembraron
As entidades tamén acordaron a realización de accións conxuntas: "Faremos unha segunda visita aos decanos dos Xulgados esixindo que dunha vez por todas empecen a tomarse en serio as resolucións do Tribunal de Xustiza Europeo e deixen de prevaricar, non se pode poñer na rúa a unha familia sen alternativa habitacional", sinalaron. Tamén acordaron incrementar os mecanismos de coordinación entre plataformas: "seguiremos na mesma liña de confluír naquelas mobilizacións que requiran unha presenza colectiva importante", din.
Esixíronlle ao IGVS que poña "a disposición das familias, sen máis dilación, as vivendas baleiras das que dispón
De igual xeito, esixíronlle ao IGVS que poña "a disposición das familias, sen máis dilación, as vivendas baleiras das que dispón; non é de recibo que a xente estea na rúa cando hai vivendas baleiras de propiedade pública". Lembraron, igualmente, que o vindeiro 15 de maio finaliza o prazo dado pola lei 1/2013 para a suspensión dos lanzamentos de colectivos especialmente vulnerables; os grupos antidesafiuzamentos de toda España están a traballar nunha campaña para demandar que se amplíe o prazo e denunciar "o seu alto grao de incumprimento".
Os grupos tamén anunciaron a súa intención de "retomar" o proxecto dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) centrada en tres puntos: "a paralización inmediata de todos os desafiuzamentos, a "posta a disposición" de quen o necesite "dos pisos baleiros en mans dos bancos" e a aprobación dunha noeva lei de vivenda e solo en Galicia. Os colectivos aprobaron a formación dunha comisión técnica que realizará unha proposta para a súa posterior aprobación.
"Séguenos dando máis medo que nos boten das nosas casas que que nos peguen, nos multen ou nos xulguen por defender os dereitos humanos"
As entidades denunciaron así mesmo "a represión que estamos a padecer os movementos sociais". "É necesario manifestar de xeito contundente que non poden pararnos coas súas invencións, nin coas súas multas, de tal forma que emprenderemos campañas de autoinculpacións para demostrar que tanto os membros que conformamos este movemento, coma as persoas que sen formar parte deste, simpatizan e empatizan coa causa", destacan. "Séguenos dando máis medo que nos boten das nosas casas que que nos peguen, nos multen ou nos xulguen por defender os dereitos humanos", engaden.