Ducias de manifestacións de estudantes de Secundaria e do ensino universitario percorreron esta mañá as rúas das cidades e de varias vilas galegas "por un ensino público e galego" e en protesta contra as novas medidas da política educativa do Goberno central do PP, nomeadamente o decreto 3+2 que suporá a eliminación de titulacións e a fusión de graos e que facilitará -tal e como advirten as organizacións convocantes- a competencia das universidades privadas, que non poden competir nin en calidade nin en prezo coa oferta pública de graos, pero si o poden facer na de máster.
As mobilizacións celebráronse nunha xornada na que Comités, Liga Estudantil Galega, Agir, Acción Universitaria, Estudantes sen Futuro e varias asembleas de alumnos uníronse tamén nunha convocatoria de folga xeral que o Sindicato de Estudantes chamara a empezar xa no día anterior. Segundo os primeiros datos achegados polos convocantes, o seguimento do paro neste xoves foi alto e amplo, con moitas aulas e centros baleiros en Galicia. As estimacións falaban de entre un 80 e un 90%, entre a universidade e os institutos.
As organizacións convocantes falan dun amplo seguimento da xornada de folga no ensino secundario e universitario
Ao berro de "fóra as empresas da universidade" ou "Feijóo, escoita, o ensino está en loita", foron milleiros os mozos que saíron á rúa en toda Galicia en varias maifestacións que volven rexeitar a política educativa levada a cabo polo ministro Wert, outra das figuras máis criticadas.
"Queremos estudar e non emigrar", reivindicaron tamén os estudantes, que advirten dun decreto 3+2 que provocará a fusión de graos, que se reducirán a tres anos e a 180 créditos desde os catro anos e os 240 actuais, unha medida que para as organizacións convocantes suporá a súa devaluación e a obrigatoriedade de cursar dous anos de máster -que agora dura un- e asumir prezos elevados para unha maioría dos alumnos. "Non, non, non ao 3+2", berraron mozos, algúns deles identificados pola policía en Vigo, Santiago e Cee, segundo denuncian organizacións como Galiza Nova.
"Queremos estudar e non emigrar" foi algún dos lemas máis presentas nas marchas
Os sindicatos estudantís galegos e as diversas asembleas convocantes da xornada de protesta deste xoves protestan tamén contra os recortes, a masificación das aulas, a precarización do profesorado e contra unha universidade que "é cada vez máis un servizo que moi poucas podemos pagar". Así, opóñense a que lles "quiten as bolsas, a que endurezan os requisitos para obtelas mentres recortan e deixan a campus e institutos en situacións dramáticas" e anuncian a súau pelexa "contra un ensino que cada vez custa máis pagar ás clases populares e cunha calidade cada vez menor".
Ao tempo, Comités, Liga e o resto das organizacións apostan por "botar das aulas o patriarcado" e censuran un goberno que "fomenta con sumas indecentes de cartos aos colexios que segregan por sexos". "Mentres eles impoñen relixión, negación do corpo e de nós mesmas e perpetuación de vellos valores, nós loitamos por unha educación en igualdade que nos axude a construír novas relacións", reivindican, mentres advirten do "perigo" no que se atopa a lingua galega, "tanto no ensino como na sociedade".
"Contra os recortes no ensino, por unha educación popular, non patriarcal, galega, científica e de calidade", resumen os convocantes, que sacaron a rúa centos de mozos en manifestacións nas cidades e en concentracións en vilas como Allariz, Ribadeo, Vilalba ou Cee, onde os axentes levaron a cabo identificacións advertindo de que a concentración non fora notificada. O Sindicato de Estudantes tamén levou a cabo manifestacións en cinco cidades galegas.
>> HABERÁ AMPLIACIÓN