Ofensiva política (e xudicial) pola pensión que Noruega nega aos mariñeiros galegos

Protesta dos mariñeiros galegos contra o Goberno noruegués © Long Hope

Acordo unánime no Parlamento galego para instar a que o Estado demande a Noruega, resposta e recomendacións sobre o camiño a seguir desde a Comisión Europea a preguntas de AGE e unha proposición non de lei do BNG no Congreso para que o Goberno central leve o país nórdico ao Tribunal de Europeo de Dereitos Humanos. A loita dos mariñeiros galegos xubilados que reclaman o cobro das súas pensións, e que son negadas polo Executivo noruegués, ameaza con acabar na Xustiza se a ofensiva política non dá resultado

Atendendo ás reivindicacións deste colectivo, Bloque e AGE -principalmente- encabezaron a ofensiva contra a inxusta situación que sofren arredor de 10.000 mariñeiros galegos e as súas familias que pelexan polo cobro das súas pensións tras anos ocupados no estranxeiro. Son ex traballadores da mariña mercante que pasaron longas tempadas traballando en barcos de Noruega e que pagaron elevados impostos a Oslo, pero que agora, despois de retirados, ven como non perciben nada en forma de pensión de xubilación malia estar empregados con contratos legais e logo de pagar elevadas cotizacións sociais de ata o 45% do soldo.

O Goberno noruegués rexeita o pagamento destas pensións argumentando que os mariñeiros non eran emigrantes ao non estar traballando fisicamente en terra, malia que si pagaban impostos e as súas empresas tiñan a sede no país nórdico. O problema afecta a todos aqueles mariños mercantes que traballaron para compañías de Noruega entre 1952 e 1994, ano no que o Estado se incorporou ao espazo económico da UE e regularizou unha situación da que quedaron fóra milleiros de españois. Segundo a asociación de mariños Long Hope, asociación que xunta os afectados, serían 12.000 os mariñeiros con dereito a estas pensións en toda España e deles, máis do 80% serían galegos.

O Parlameno galego acordou por unanimidade instar a Madrid a que demande a Noruega

O pasado martes, o Parlamento galego acordou por unanimidade -e tras iniciativa do BNG- instar o Goberno central a que interpoña unha demanda contra Noruega por discriminar os mariñeiros galegos embarcados nos seus buques ao exixirlles a residencia para a súa inclusión no sistema de Seguridade Social. O mesmo solicitou o Bloque a través do grupo mixto no Congreso dos Deputados logo de remitir tamén varias preguntas ao Executivo sobre esta situación. 

Ao tempo, a comisaria europea de Emprego, Marianne Thyssen, ratificou a AGEe a conveniencia de que España e Noruega cheguen a un acordo a través de acordos bilaterais para arranxar o problema dos mariñeiros galegos, algo que está recollido no propio regulamento comunitario. Non obstante, a eurodeputada galega da coalición, Lidia Senra, aclara que este mesmo regulamento "non só abre a posibilidade deste diálogo entre os dous Estados, senón que establece claramente que toda prestación que non tivera sido liquidada ou que fora suspendida a causa da nacionalidade ou da residencia da persoa interesada será, a petición desta, liquidada ou restablecida".

A Comisión Europea recomenda un pacto entre España e Noruega, pero advirte tamén da vía xudicial e da denuncia dos mariñeiros austríacos a Holanda nun caso semellante

Ante esta posibilidade, Senra cre que a comisaria "debería utilizar o marco das relacións con Noruega para incidir no cumprimento desta norma" e advirte que ela mesma recoñece que os mariñeiros galegos non puideron afiliarse ao réxime noruegués "debido ás propias leis do país, que lles exixía ser residentes".

A comisaria Thyssen, na súa resposta a AGEe, alega "razóns de xustiza social" para sinalar que as autoridades competentes españolas e norueguesas poderían "establecer contactos con vistas á celebración dun acordo bilateral en interese dos traballadores en cuestión", subliñando tamén que a Comisión "defende a conclusión de tal acordo".

E vai máis aló ao poñer en coñecemento da deputada galega "un caso semellante", o dos mariñeiros austríacos que traballaron en buques holandeses antes de que Austria se adherise á UE, recentemente presentado ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, indicándolle expresamente a Senra que "se o Tribunal falla en favor dos demandantes, isto será de grande interese para os mariñeiros do Estado que traballaban en navíos noruegueses", e comprometéndose a mantela "informada sobre o desenvolvemento relativo a este caso".

O Estado gañaría unha demanda a Noruega ante o Tribunal de Dereitos Humanos, segundo o experto Xosé Manuel Carril

Xa que logo, recomenda acudir á xustiza no caso de que este caso saia adiante, malia que a iniciativa política do Estado con Noruega, tal e como lembra Senra, debería abondar para achegar unha solución. O recurso aos tribunais é cada vez máis factible. Así o asegura tamén o profesor e voceiro do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, un dos maiores expertos no réxime laboral especial no mar, que no seu último libro ratifica a posición de Long Hope ao coincidir coa demanda dos mariñeiros e mesmo coa Comisión Europea sinalando a inxustiza social de non ter cobrado a pensión ao non ter en conta Noruega que os buques onde traballaban non son máis que un cacho de terra do pavillón cuxa bandeira leve. Xa que logo, o Estado gañaría a demanda se acude ao TEDH, unha demanda que tamén se podería presentar de maneira particular. 

Peirao en Oslo (Noruega) CC-BY-SA Lars Tiede

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.