0 Gardados para despois

Rocío Mosquera e o 'Efecto Streisand', altofalantes da crítica á desigualdade sanitaria

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O Efecto Streisand é un mecanismo comunicativo polo cal o intento de censura ou de ocultamento dunha información por parte dunha persoa ou institución se volve na súa contra, provocando o efecto contrario e facendo que a noticia, ás veces de difusión moi limitada nun principio, multiplique os seus receptores por mor da denuncia desa censura. O efecto leva o nome de Barbra Streisand dende que a artista denunciou en 2003 a un fotógrafo por tomar unha imaxe aérea da súa casa; a fotografía, nun comezo intranscendente, deu a volta ao mundo a consecuencia da demanda xudicial iniciada.

Cando a pasada semana se fixo público que a Consellaría de Sanidade se negara a difundir un informe sobre desigualdade no acceso á sanidade elaborado pola Comisión Galega de Bioética, non eran moitas as persoas fóra do ámbito sanitario que coñecían a existencia deste órgano, e dende logo a audiencia dos seus informes e recomendacións non era masiva. Semella que a censura aplicada polo departamento dirixido por Rocío Mosquera, preocupado polo alcance dun documento crítico, conseguiu exactamente o contrario do que pretendía. Obrigados finalmente a facer público o informe, as súas recomendacións enchen este xoves titulares e portadas nos medios de comunicación. E, ademais, despois de varios días de críticas e de desgaste, a conselleira tivo que aceptar unha reforma no funcionamento desta Comisión de Bioética, que gañará en independencia, ao deixar de estar presidida por un cargo político.

Semella que a censura aplicada polo departamento dirixido por Rocío Mosquera, preocupado polo alcance dun documento crítico, conseguiu exactamente o contrario do que pretendía

A polémica fixo máis fráxil a xa difícil situación de Mosquera, moi criticada por outros asuntos, coma as situacións de colapso nos centros hospitalarios, ou as promesas incumpridas para a dotación de servizos ao Hospital de Lugo. Nos últimos días o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, buscou distanciarse do problema creado, descargando a responsabilidade na súa conselleira ou negando que o informe se referise a Galicia, sinalando que "ese informe non se refire nin á asistencia no SERGAS, nin á súa calidade. É unha opinión, moi respetable, do persoal sanitario sobre determinadas normas estatais".

 

O informe

E que di o documento que tanta preocupación (e despois tantas dores de cabeza) xerou na Consellaría de Sanidade? O informe Desigualdade na asistencia limítase a concluír -ao igual que nos últimos anos fixeron moitas entidades sociais e colectivos médicos- que o RD 16/2012, que restrinxiu o acceso á atención sanitaria a varios colectivos comezando polas persoas migrantes non regularizadas, incrementou a desigualdade sanitaria en España e Galicia. O documento, aprobado o pasado 17 de setembro, consta dun total de 16 páxinas, pero o seu texto, moi sintético, ocupa tan só cinco, nas que analiza a situación de partida, os supostos éticos da cuestión e presenta unhas recomendacións.

O informe conclúe que o decreto de medidas urxentes para garantir a sustentabilidade do SNS "puxo en cuestión os principios de universalidade, equidade e gratuidade do modelo ético do Sistema Nacional de Saúde, ao garantir a asistencia sanitaria completa unicamente daquelas persoas que tivesen a condición de aseguradas ou beneficiarias". E denuncia que puxo en cuestión "o valor superior da igualdade, recollido no artigo 1.1 da Constitución española, e o dereito fundamental á saúde".

O informe conclúe que o decreto  "puxo en cuestión os principios de universalidade, equidade e gratuidade do modelo ético do Sistema Nacional de Saúde"

O texto sinala que unha vez transcorridos algo máis de dous anos dende a súa publicación, os seus efectos "percíbense como parcialmente paliados grazas ao compromiso e ao esforzo dos diferentes axentes e colectivos", mais iso "non derroga esta norma con forza de lei, nin cambia o seu mandato". "Mais ben ao contrario" -di- "a precariedade que xera esta situación e a denuncia permanente que acompaña o empeño de mitigar os seus efectos no ámbito sanitario, xurídico e social, non fan senón reforzar a valoración negativa que a Comisión Galega de Bioética comparte sobre a devandita norma".

A Comisión lembra "a obriga ética de manter un sistema sanitario que non só diminúa as desigualdades en saúde, senón que trate de eliminar as desigualdades inxustas. En definitiva, que as políticas sanitarias ditadas pola Administración sanitaria galega se orienten cara ao obxectivo de lograr a equidade". Neste senso, detecta varias "fontes favorecedoras de situacións de desigualdade na asistencia sanitaria", algunhas "instaladas no sistema con anterioridade e con independencia da publicación do Real decreto lei 16/2012", e outras "directamente relacionadas con el".

A Comisión lembra "a obriga ética de manter un sistema sanitario que non só diminúa as desigualdades en saúde, senón que trate de eliminar as desigualdades inxustas"

En consecuencia, pide "seguir profundando na detección e na análise destas para atenualas e para procurar a súa eliminación". E conclúe recomendando "que, no marco das competencias da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, se adopten e se apliquen as medidas que permitan o obxectivo proposto". O texto péchase dicindo: "Por isto, ademais do deber ético de deixar constancia destas consideracións ante a Administración sanitaria, vese na obriga de lle propoñer que faga a adecuada difusión deste documento". Unha difusión que ata agora tiveran, sen conflitos, todos os documentos aprobados pola Comisión.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.