Alerta en Povisa ante a inminente execución dos 13 despedimentos

Manifestación contra os despedimentos en POVISA polas rúas de Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Alerta entre o persoal de Povisa. Se nada o impide, este luns a dirección do policlínico, hospital de referencia para máis de 100.000 persoas da área de Vigo en virtude dun concerto co Sergas, executará os 13 despedimentos que o plantel tenta evitar dende hai semanas por medios diversos, incluíndo a folga de fame de dúas traballadoras e un traballador. A indignación entre o persoal sanitario trasncendeu este domingo o propio centro hospitalario e espallouse polas redes sociais para denunciar unha situación laboral que, advirten, afecta directamente á asistencia aos doentes.

No nome das súas compañeiras e compañeiros unha das traballadoras de Povisa, Ruth, púxolle voz á protesta a través dun vídeo. Despois da multitudinaria manifestación que hai  poucos días percorreu as principais rúas de Vigo explica que que esta folga de fame "non é só polos 13 despedimentos", senón tamén polas persoas que teñen que utilizar o hospital, "pola calidade asistencial". "Dende 2009", explica, o centro vén aplicando "recortes, despedimentos, coaccións", ademais de impoñer os ditados da reforma laboral "nunha empresa con beneficios".

Ademais do freo aos despedimentos, sinala Ruth, a preocupación do persoal tamén é puramente sanitaria. "Como profesionais da saúde" reclaman que "se lles dea unha saúde axeitada e de garantía aos usuarios". Por iso, resume, "pedimos por favor que esta mensaxe se difunda: precisamos traballar en condicións dignas, unha atención sanitaria adecuada e calidade asistencial". 

A CIG denuncia "presións psicolóxicas próximas á tortura" contra o persoal en folga de fame

Esta enésima voz de alarma chegaba poucas horas despois de que a CIG Saúde denunciase publicamente o que considera "presións psicolóxicas próximas á tortura" por parte da empresa ás cara ás traballadoras e o traballador en folga de fame "para tentar que abandonen a protesta" coa que reclaman que os despedimentos non cheguen a producirse. "A dirección do centro -afirman- impediu que o servizo médico da empresa lles realizase a analítica de control e deu orde para que se prendese a luz cada media hora e se pasase unha pulidora no lugar onde dormen para evitar o seu descanso", aínda que "este labor se fai cada cinco meses e agora aínda non tocaba".

A central sindical dirixe as súas protestas cara á dirección de Povisa pero tamén cara á Consellería de Sanidade. O departamento autonómico, salientan, non pode "ollar cara a outro lado", xa que este é "un centro que atende primordialmente pacientes da sanidade pública" grazas a un "concerto millonario que, polo visto, serve para financiar despedimentos". "Esiximos que Rocío Mosquera", conselleira de Saniade, "asuma a súa responsabilidade e inste a Povisa a readmitir as 13 persoas" que van ser despedidas "e remate coa política laboral de recortes, despedimentos, arbitrariedades e represión", conclúen.

Persoal de Povisa en folga de fame CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.