A loita das comunidades de montes de Pontevedra para reclamar o que é de todos

Instalacións do campo de tiro de Cernadiñas Novas © http://www.cernadinasnovas.es/

Os montes comunais ocupan unha superficie moi importante en Galicia, unhas 700 mil hectáreas, ao redor da cuarta parte da extensión total do país. Porén, décadas atrás o espazo representado polos montes veciñais en man común era aínda máis importante. Dende o século XVIII os montes veciñais en man común sufriron unha grande indefensión legal, que fixo que a súa superficie total se fose reducido, até ser un terzo do que era hai tres séculos. O crecemento da poboación, a expansión da urbanización e a necesidade de terreos para novas instalacións industriais foron pouco a pouco comendo ese espazo de terreo que non era nin público nin privado, que era de todos os veciños pero de ningún en concreto, e de ninguén máis que de calquera deles. O capitalismo, a partir do século XVIII, non entendeu ese concepto. Tampouco o Estado.

O proceso de apropiación acelerouse durante o franquismo, mesmo cunha base legal. A Lei de Montes de 1957 consagrou a equiparación legal dos montes veciñais cos montes públicos de titularidade municipal. Deste xeito, as parcelas periurbanas de cidades e vilas fóronlles cedidas entre os anos 40 e 70 ás distintas administracións para instalacións, edificios e equipamento educativos e sanitarios, para usos industriais, militares ou comerciais. Unha parte foi ocupada, igualmente, por empresas públicas hoxe privatizadas.

Algunhas das comunidades de montes máis e mellor organizadas veñen loitando por recuperar parte dos terreos que décadas atrás lles foron ripados, con algúns casos moi rechamante na comarca de Pontevedra

Nos últimos anos algunhas das comunidades de montes máis e mellor organizadas veñen loitando por recuperar parte dos terreos que décadas atrás lles foron ripados, con algúns casos moi rechamante na comarca de Pontevedra. Aí está, por exemplo, o caso das comunidades de Salcedo, Figueirido e Vilaboa, que batallaron durante anos para que lles fora recoñecida a propiedade dos terreos que ocupaa a base da Brilat. Finalmente, o pasado ano o Ministerio de Defensa accedeu a asinar un convenio polo cal lles pagará 1.800 euros anuais por hectárea aos comuneiros e comuneiras. Ou a loita que dende hai un tempo mantén a comunidade de montes de Mourente para reclamar a titularidade dos terreos que ocupa, entre outras instalacións, o Hospital de Montecelo, sobre todo nun momento en que o proxecto de construción dun novo hospital en Monte Carrasco, deixa no aire o futuro de Montecelo como hospital público de Pontevedra.

A estes dous casos cómpre engadir un novo tirapuxa, encabezado desta volva polos comuneiros e comuneiras de Xeve, que reivindican os terreos que dende os anos 60 ocupa o campo de tiro de Cernadiñas Novas. Estas terras foron cedidas en 1973 polo Concello de Pontevedra ao Movimiento Nacional, pasando despois a ser xestionados pola Xunta. A comunidade de montes está a piques de presentar unha demanda xudicial para reclamar a titularidade, un proceso no que contan coa colaboración do mesmo avogado que xa levou o caso dos terreos da Brilat. Non buscan o pagamento dunha indemnización ou dun canon anual, senón simplemente o recoñecemento da propiedade, sobre todo pensando nun futuro próximo no que o campo de tiro sexa trasladado a outra localización, como de feito xa se anunciou hai un tempo. En 2010 a Xunta anunciou que nun prazo máximo de catro anos construiría unhas novas instalacións en Cotobade, un plan que segue vixente malia os atrasos. Na década pasada os comuneiros xa reclamaron a titularidade deste espazo, nun proceso xudicial que lles recoñeceu a propiedade sobre unha parte, deixando o resto para a Xunta.

 

Terras arrebatadas nos anos finais do franquismo

Os comuneiros de Xeve non buscan o pagamento dunha indemnización ou dun canon anual, senón simplemente o recoñecemento da propiedade, sobre todo pensando nun futuro próximo no que o campo de tiro sexa trasladado a outra localización

Carlos Morgade, presidente da Mancomunidade de Comunidades de Montes de Pontevedra, salientou nun artigo que as cesións efectuadas durante o franquismo "realizáronse frecuentemente sen posibilidade de reversión, ou cun carácter indefinido" e que ademais non se tiveron en conta "os dereitos das comunidades desposuídas nin o seu parecer sobre o novo uso das parcelas" e "nin sequera se consideraron os prexuízos que tal cambio de uso supoñían para a economía agraria da poboación afectada". Morgade lembra que moitas veces esta usurpación era acompañada de "falsas promesas aos veciños sobre supostos dereitos preferentes no uso das novas instalacións ou na ocupación dos postos de traballo xerados".

Morgade escribiu que a indefensión legal que os montes veciñais sufriron dende o século XIX "foi froito do individualismo promovido polo liberalismo económico, que consideraba anticuada e anacrónica a existencia de propiedades colectivas privadas de procedencia non romana e que, ademais, non entendía a importancia do monte como complemento imprescindible para a economía agraria galega".

A Lei de Montes Veciñais en Man Común de 1968 recoñeceulles finalmente a titularidade e o aproveitamento dos montes veciñais aos habitantes de parroquias e aldeas, previa clasificación como tales

A Lei de Montes Veciñais en Man Común de 1968 recoñeceulles finalmente a titularidade e o aproveitamento dos montes veciñais aos habitantes de parroquias e aldeas, previa clasificación como tales, para o cal estableceu a creación nas catro provincias galegas dos xurados clasificadores. Porén, ao longo da década dos 70 o roubo de terras continuou e mesmo se acelerou, coincidindo cunha fase de crecemento das cidades e vilas galegas. As administracións seguiron dispoñendo dos montes veciñais coma se fosen propios. É nestes anos, sobre todo despois de 1977, cando se producen intensas mobilizacións dos veciños en defensa dos montes comunais.

Os xurados provinciais de clasificación iniciaron o seu traballo, con poucos medios e escasa pericia e rigor. E continuárono despois da aprobación en 1980 da nova Lei de Montes Veciñais en Man Común, froito en boa medida das mobilizacións dos anos anteriores. O artigo 12 desta lei especifica que “non será obstáculo á clasificación dos montes como veciñais en man común a circunstancia de estar incluídos en catálogos, inventarios ou rexistros públicos con asignación de diferente titularidade, agás que os asentos se practicaran en virtude de sentenza ditada en xuízo declarativo”. De igual xeito, a lei galega sobre Montes Veciñais en Man Común, aprobada en 1989, confirmou que a clasificación como veciñal serao “con independencia do seu aproveitamento actual”.

Hoxe, a batalla xudicial continúa, apoiándose nos dereitos históricos e na lexislación aprobada nas últimas décadas, máis garantista coas comunidades

Porén, en moitos casos os xurados provinciais amosaron durante anos "unha clara traxectoria de defensa dos intereses patrimoniais do Estado e fieis ó mandado da Administración, que neste órgano administrativo é xuíz e parte", segundo denuncia Carlos Morgade, o que foi asentando de facto o espolio realizado nas décadas anteriores, e a pesar do recollido na lexislación. Hoxe, a batalla xudicial continúa, apoiándose nos dereitos históricos e na lexislación aprobada nas últimas décadas, máis garantista coas comunidades.

Instalacións do campo de tiro de Cernadiñas Novas © http://www.cernadinasnovas.es/
O hospital de Montecelo, dende Santa María CC-BY-SA juantiagués
Instalacións da base da Brilat © Brilat

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.