"Non pasarán": Un muro en defensa da sanidade pública

'Muro' en defensa da sanidade pública, este luns na Coruña © SOS Sanidade Pública

"Máis que nunca é necesario facer entre todos, cidadanía, pacientes e profesionais, un muro de defensa da nosa sanidade pública. Máis que nunca temos que berrar moi forte 'Non pasarán'. Non destrocen máis a sanidade de todos, a sanidade pública". As portas do ambulatorio do Ventorrillo, na Coruña, acolleron este luns unha acción da plataforma SOS Sanidade Pública, un simbólico muro defensivo en representación da loita que profesionais, pacientes e entidades de todo o tipo están a realizar para frear o avance das privatizacións e dos recortes. Máis dun cento de persoas participaron na convocatoria, que demostrou -en palabras de Ramón Veras, voceiro da plataforma na Coruña- que "os profesionais estamos de garda en defensa da sanidade pública".

Despois de ler o manifesto, os seus organizadores chamaron a formar, enlazando as mans dos e das asistentes, "un muro imposible de romper para Feijoo e a conselleira de Sanidade, un muro que nos asegure unha sanidade para todo o mundo, igualitaria, humana e de calidade". O acto tamén serviu para presentar as concentracións e manifestacións que este xoves percorrerán as rúas de todas as cidades galegas e algunhas vilas baixo os lemas "Os recortes matan" e "Non ao negocio coa saúde".

Máis dun cento de persoas participaron na convocatoria, que demostrou que "os profesionais estamos de garda en defensa da sanidade pública"

Polo de agora SOS-Sanidade Pública confirmou actos en oito localidades para este xoves "contra os recortes e as políticas de desmantelamento e privatización da Sanidade Pública": A Coruña (Casa do Mar, 20 horas), Vigo (Praza de España, 20 horas), Santiago (Praza do Toural, 20 horas), Pontevedra (Hospital Provincial, 20 horas), Ferrol (Praza de Armas, 19 horas), Burela (Hospital da Costa. 20:30 horas), O Barco (Hospital Comarcal Valdeorras. 20 horas) e Ribeira (Praza do Concello, 20 horas).

No acto deste luns na Coruña fíxose fincapé así mesmo en dous asuntos clave para a calidade asistencial e para o benestar de moitos e moitas pacientes: a universalidade e igualdade no acceso á atención sanitaria, sobre o que chamou a atención o censurado informe da Comisión Galega de Bioética: "Para que a sanidade sexa universal, para todo o mundo independentemente da clase social ou dos ingresos económicos", díxose. E tamén o acceso aos tratamentos e medicamentos, cunha mención particular aos afectados e afectadas de Hepatite C: "Para que todo o mundo teña dereito ao acceso a tratamentos  e probas diagnósticas", destacouse.

'Hospital de Campaña', en Vigo

No acto deste luns na Coruña fíxose fincapé na a universalidade e igualdade no acceso á atención sanitaria e no acceso aos tratamentos e medicamentos

Mentres, en Vigo, o BNG instalou un hospital de campaña en plena Rúa Príncipe como acto simbólico de denuncia da situación de emerxencia da sanidade pública pola política continuada de recortes e de privatización do PP, que se traduce nun recorte en 3.000 efectivos do persoal sanitario, e que afecta especialmente á área sanitaria viguesa.

Baixo o lema Tensiónate en defensa da sanidade pública, o portavoz nacional, Xavier Vence, instou a cidadanía a utilizar as eleccións municipais do 24 de maio como primeira oportunidade para derrotar ao PP e dicirlle “non” a súa política sanitaria que entende a saúde como un negocio para as empresas privadas, e que en Vigo ten Povisa como exemplo destacado. "Mentres Povisa ten garantido 75 millóns anuais nun convenio por 8 anos, e segue despedindo persoal, as urxencia do CHUVI se colapsan en explicación de Feijóo porque once operacións de cadeira nunha área sanitaria con cerca de 500.000 usuarios e usuarias potenciais. E, ao mesmo tempo, o futuro hospital xa nace privatizado posto que a infraestrutura é propiedade da empresa construtora, e o Sergas un mero inquilino", destacou.

"Mentres Povisa ten garantido 75 millóns anuais nun convenio por 8 anos, e segue despedindo persoal, as urxencia do CHUVI se colapsan"

De igual xeito, o cabeza de lista BNG-Asembleas Abertas Vigo, Serafín Otero, anunciou que o seu grupo municipal vai levar ao próximo pleno unha iniciativa de apoio contra os traballadores e traballadores despedidos e en folga de fame polos despedimentos de Povisa, para instar a Xunta a que corrixa a imposición da empresa “que afecta a calidade da prestación que presta en Vigo”.

Acción de protesta no centro de saúde do Ventorrillo, este luns Dominio Público SOS Sanidade Pública
Serafín Otero e Xavier Vence, no 'hospital de campaña' instalado polo BNG en Vigo © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.