A Xunta reacciona e recuperará os xacementos arqueolóxicos danados na Mariña

Forno romano nas Catedrais © Adega

A Xunta reacciona. Logo da reclamación de entidades como MariñaPatrimonio, Adega e outras organizacións culturais da zona, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural vén de informarlles que autorizará de forma urxente a intervención solicitada para a recuperación do foron romano de Esteiro, situado no espazo protexido das Catedrais, en Ribadeo. Ademais, o mesmo departamento da Administración tamén anunciou que porá en marcha medidas "eficientes" de coberta e protección doutro xacemento arqueolóxico en perigo na comarca, a vila-factoría romana de Estabañón, na praia de Area de Viveiro, en grave "deterioro" pola ausencia de medidas serias para evitar o desgaste que desde hai tempo provoca o mar. 

A Xunta recuperará o forno romano de Esteiro e aplicará medidas "eficientes" para a protección do xacemento de Estabañón

As promesas da Xunta e do Servizo de Costas nas Catedrais chegan logo de que as devanditas entidades anunciasen publicamente a realización dun roteiro pola zona para tratar de "poñer en valor a importancia deste xacemento" e chamar a atención "sobre o risco que ten de desaparecer se non se actúa axiña". As diferentes asociacións implicadas amosan así a súa "satisfacción" pola resposta das administracións ante "as demandas da sociedade civil que, consciente da importancia do patrimonio, reclama a súa protección". 

Patrimonio "avaliará e comproborá" o estado de todos os xacementos arqueolóxicos da Mariña

A Dirección Xeral de Patrimonio, segundo aclaran as entidades demandantes, compromoteuse tamén a "avaliar e comprobar" o estado no se atopan todos os xacementos arqueolóxicos costeiros da Mariña. Pero agora, é urxente arranxar os problemas que sofren algúns como o de Estabañón, un xacemento do que Costas retirou hai un ano as árbores que, situadas diante de parte da factoría romana, supoñían unha barreira natural de protección. Tamén houbera o intento de construción dun paseo marítimo sobre a zona e unha evidente falta de protección das catas arqueolóxicas que a mesma Costas abriu en 2007 tras prometer 3,2 millóns para recuperar este lugar. Pero nada se fixo desde aquela, ata que o mar volveu estragar e facer desaparecer mesmo algunhas pías para salgar

Este xoves 19 de marzo, MariñaPatrimoino organiza unha charla informativa na Casa das Letras de Ribadeo na que se dará cumprida información sobre os valores patrimoniais do forno romano de Esteiro, a canle e as vetas auríferas das Catedrais, así como da presenza de varias minas romanas na Mariña lucense. Xa o domingo, oito organizacións realizarán un roteiro por todos os xacementos arqueolóxicos mencionados e por outros da comarca ao que xa se apuntaron máis dun cento de persoas. Será cando se informe á cidadanía sobre as últimos compromisos adquiridos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Forno romano nas Catedrais © Adega
A única pía de salgar que sobrevive aos temporais en Estabañón © MariñaPatrimonio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.