O pleno do Concello de Teo debaterá a vindeira semana a remunicipalización do servizo de auga

Depósito de Rial do Mato, que fornece de auga potable a boa parte do Concello © Concello de Teo

O pleno do Concello de Teo do vindeiro xoves 26 de marzo debaterá e votará varios asuntos relacionados coa municipalización do servizo de auga. Será a culminación dun proceso iniciado hai meses coa proposta de xestión directa do servizo municipal de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración de augas residuais.

Despois de que en xuño de 2014 o Consello Consultivo avalara a fin do contrato de Aquagest, que fora prorrogado por Armando Blanco pouco antes das eleccións de 2007, o pleno de outubro deu comezo ao procedemento administrativo necesario para recuperar para o Concello "a xestión dun ben público como é a auga", destacan dende o Goberno local. A posibilidade de asumir a xestión directa do servizo foi avalada pola Deputación da Coruña cun informe realizado o pasado mes de decembro.

O pleno deberá debater e votar varios puntos relacionados coa municipalización do servizo: a propia proposta de xestión directa; a aprobación do regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración; a modificación do cadro de persoal do servizo e a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por abastecemento de auga, sumidoiros e depuración. Xa este luns, en comisións informativas os grupos políticos presentes na corporación iniciarán os debates sobre estas cuestións.

O estudo de custes para a municipalización estima unha cantidade inferior á actual

Rafael Sisto, concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, destaca “a aposta pola municipalización do servizo por entender que a auga é un ben público que se debe protexer e xestionar tendo en conta criterios medioambientais, de sostenibilidade sen esquecer a eficiencia do sistema”. Sisto explica que en Teo hai unha experiencia de xestión privada da auga de 25 anos “no que se deu un incremento de tarifas e de déficit económico do servizo continuado o que demostra que a xestión privada non resulta eficiente nin dende logo ventaxosa para a cidadanía”.

O Concello de Teo viña destinando 1.350.000 euros anuais ao servizo. O estudo de custes para a municipalización “na proposta máis conservadora tanto no capítulo de ingresos coma no de gastos" -destácase dende o Goberno local- estima un custe total do servizo inferior a 1.130.000 euros. No pleno votarase tamén a modificación da ordenanza fiscal para establecer prezos estables nas acometidas de auga e saneamento que ata o de agora decidía a empresa xestora en base a un orzamento de obra, buscando que deste xeito os custes de acometida sexan estables.

 

O proceso de recuperación da xestión

A actuación de Armando Blanco está a ser investigada pola Fiscalía, nun proceso no que están imputadas trece persoas, entre elas todos os edís populares e independentes que aprobaron a prórroga

Pouco antes das eleccións municipais de 2007 o daquela alcalde, Armando Blanco (PP) aprobou unha prórroga da concesión do servizo municipal de augas á empresa Aquagest. O Consultivo deulle a razón ao Goberno municipal dirixido por Martiño Noriega, que levaba seis anos buscando anular un contrato que obrigaba a veciñanza a pagarlle 1,7 millóns de euros a Aquagest. Noriega sinalou nese momento que o obxectivo agora era "recuperar a xestión da auga" e explicou que "traballaremos para poder municipalizar este servizo, dentro das posibilidades que nos dea o marco normativo actual". A actuación de Armando Blanco está a ser investigada pola Fiscalía, nun proceso no que están imputadas trece persoas, entre elas todos os edís populares e independentes que aprobaron a prórroga.

Noutros concellos de toda Galicia tamén se incrementan as voces que apostan por unha remunicipalización do servizo, por exemplo en Ferrol, onde o tema está de plena actualidade

Noutros concellos de toda Galicia tamén se incrementan as voces que apostan por unha remunicipalización do servizo, por exemplo en Ferrol, onde o tema está de plena actualidade ante o malestar xerado pola nova taxa de saneamento. Unha medida que tamén será impulsada polo BNG en concellos de todo o país, pois forma parte do programa marco da formación para as vindeiras muncipais; de feito, a formación nacionalista impulsou mocións neste senso en localidades coma Vigo, Cambados, Ames ou Cangas. De igual xeito, varias das candidaturas cidadás e de confluencia levan este punto nos seus programas. Porén, en moitas localidades será difícil levar a cabo este obxectivo, por mor da longa duración de moitos dos contratos asinados ou prorrogados con empresas privadas.

Depósito de Rial do Mato, que fornece de auga potable a boa parte do Concello © Concello de Teo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.