"Algo que venden y nosotros lo compramos (…) pero es como una relación de poder, es decir, yo pago y por tanto haces lo que yo quiera ¿no? (…) el poder a través del dinero (…) tener esa sensación de poder, a lo mejor en eso también está envuelto descargar mucha frustración". Así define a prostitución e as motivacións que levan aos homes a pagar por sexo unha das cen persoas entrevistadas (un home da Coruña, neste caso) que conforman El putero español (Editorial Catarata), unha investigación realizada pola profesora da USC Rosa M. Verdugo, a investigadora Silvia Pérez e a docente da Universidade de Vigo Águeda Gómez, con quen falamos.
Na análise, financiada polo Instituto da Muller, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o Concello de Ourense, as autoras conclúen que en moitos dos casos o que os clientes buscan vai máis aló do pracer ou o desafogo sexual, e que en moitos casos as motivacións son comlpetamente alleas ao sexo: "Sospeitamos que o que buscan é reforzar, reafirmar a súa identidade viril masculina, máis que o pracer sexual en si. Aínda que nas súas respostas adoitan apelar á satisfacción sexual, eles mesmos recoñecen que en moitas ocasións estas relacións non son tan satisfactorias, polas condicións nas que se levan a cabo ou porque a muller tenta que acaben canto antes".
Catro tipos de clientes
As autoras clasifican os clientes en catro grandes grupos: o misóxino, o amigo, o crítico e o mercantilista
As autoras clasifican os clientes en catro grandes grupos: o misóxino, o amigo, o crítico e o mercantilista. O primeiro grupo está formado por persoas que mostran "un desprezo moi grande cara as mulleres". No segundo grupo os homes "desenvolven a súa sociabilidade en espazos prostitucionais e que acaban tendo relacións afectivas ou incluso de parella coas prostitutas, que empatizan con elas, pero que nunca deixan de exercer o privilexio de consumir". Definen como cliente crítico a aquel que, aínda que aínda que consumiu prostitución algunha vez "por ser parte da subcultura masculina e habitual en despedidas de solteiros, ceas de empresa, festas de fin de curso" entende que detrás deste negocio hai “xente sufrindo e que o sexo de pago é un produto do capitalismo e do patriarcado".
"Interpretan este espazo con lóxicas de dereito do consumidor, mercantilizando as relacións humanas. Non lles xera ningún dilema ético ou moral nin pensan no que hai máis alá deste acto"
O grupo que máis lles chamou a atención ás investigadoras é o que denominaron mercantilista, que ademais se corresponde coas xeracións máis novas: "Detectamos que hai xente moi nova, universitaria, mesmo adolescentes, que seguen acudindo a estes espazos prostitucionais, e que combinan isto con relacións normais coas súas parellas". "É coma se relacionasen este espazo co ocio e co consumo. Eles o que fan é comprar algo que se vende", explica. "Non teñen un discurso misóxino ou de rexeitamento da muller, senón que acoden á prostitución como un produto de consumo máis, como mercan roupa nunha tenda ou cambian a carcase do seu móbil. E neste caso o que fan é mercar emocións", di. "Mesmo sendo xente nova, formada, criados nunha educación non sexista, interpretan este espazo con lóxicas de dereito do consumidor, mercantilizando as relacións humanas. Non lles xera ningún dilema ético ou moral nin pensan no que hai máis alá deste acto. E neste perfil atopamos todo tipo de homes, de todo tipo de nivel formativo, de ocupación, de idade e de ideoloxía, tanto de dereitas como de esquerdas", comenta.
"Anemia afectiva"
Mantense "unha figura do home vinculada a unha especie de hipersexualización da súa condición de home, e semella que iso o teñen que demostrar todo o tempo, sobre todo ante outros varóns"
Águeda Gómez explica que "ata hai trinta anos a figura do home tradicional estaba moi relacionada co seu rol de pai, de provedor, de protector". Porén, hoxe o home xa non é provedor exclusivo, o que borra ese referente tradicional. O que si se mantén, di, "é unha figura do home vinculada a unha especie de hipersexualización da súa condición de home, e semella que iso o teñen que demostrar todo o tempo, sobre todo ante outros varóns". "No espazo prostitucional teatralízase ese despregue de masculinidade excesiva, supostamente natural e necesaria para un equilibrio psicolóxico do varón", comenta. "Moitos dicían 'é que eu o necesito', como se as mulleres non tivésemos necesidades sexuais. Pola mesma tradición xudeocristiana, a nós víusenos como figuras procreadoras pero asexuadas, coma se iso non fose importante para nós. Todo o contrario que para o home, para quen o sexo tería que formar parte da súa natureza necesariamente", destaca.
"O relato da pornografía relaciona a erotización cunha subordinación ou dominación da muller. Pero cando teñen unha relación de iguais, non pagada, teñen que negociar coa outra persoa e non poden reproducilo así"
Á vista das testemuñas directas que participan no libro, a profesora Gómez tamén o vincula "ao proceso de erotización que en moitos casos se realiza a través da pornografía e con referencias a ela". "O relato da pornografía relaciona a erotización cunha subordinación ou dominación da muller polo home; eles queren reproducir iso, porque iso foi o que os erotizou, pero cando teñen unha relación de iguais, non pagada, teñen que negociar coa outra persoa e non poden reproducilo así", explica. "No espazo prostitucional, como eles son os que pagan, eles son os que mandan, e poden recrear iso que viron na pornografía", engade. “Hombres en estado puro, donde pueden manifestar todo el machismo que tengan, e incluso nosotras les aplaudimos porque el juego está así pactado (…). Hay clientes que se creen que por pagarle a una… no tenemos sentimientos y te pueden pedir cualquier cosa”, destaca unha das mulleres en prostitución entrevistadas, de orixe cubana.
"A educación fai moita énfase en certos aspectos, coma a prevención das enfermidades de transmisión sexual, pero non tanto no coñecemento do corpo humano, ou nas relacións que se poden manter con outra persoa"
Para Gómez, isto denota "unha carencia de referentes afectivo-sexuais". "A educación fai moita énfase en certos aspectos, coma a prevención das enfermidades de transmisión sexual, pero non tanto no coñecemento do corpo humano, ou nas relacións que se poden manter con outra persoa", destaca. A investigadora subliña que "a nosa educación xudeo-cristiana é moi misóxina, moi androcéntrica e moi homofóbica. Todo iso desemboca en moitas carencias afectivo-sexuais, herdadas tamén da ditadura, e que se foron reproducindo, sen que houbese unha revolución suficiente na educación regrada como para poder cambiar ese tipo de enfoques". Chega a falar dunha "anemia afectiva" xeneralizada na sociedade, que afecta a homes e a mulleres. "Vemos as grandes diferenzas que existen con outras culturas e outros países, nos que hai unha comunicación moito maior entre as persoas, cunha relación co corpo distinta, moito máis plena e consciente, e nos que a prostitución existe unicamente para os turistas", di. "O consumo masivo de prostitución existente en España é un síntoma de que algo está fallando, de que hai unha certa infelicidade en moitas persoas, que non son quen de ter unha vida sexual plena", conclúe.
Programas televisivos como Mujeres y hombres y viceversa “difunden modelos esterotipados, tradicionais e machistas que non axudan a cambiar os modelos de relación”
Para a profesora do departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo, “se tivésemos outro tipo de referentes, iso evitaría esa teima por reproducir situacións de subordinación ou dominación”. E destaca que programas televisivos como Mujeres y hombres y viceversa “difunden modelos esterotipados, tradicionais e machistas que non axudan a cambiar os modelos de relación”. “Na India” -comenta- “en templos relixiosos, ves figuras practicando o acto sexual en diferentes posturas, alí entenden que a vía da sexualidade é válida para o acceso á transcendencia, ao sagrado. E en cambio aquí consideramos a sexualidade como algo sucio, algo que hai que esconder, e iso leva a que vivamos unha relacións que non son plenas”.
España, á cabeza do consumo de sexo de pago
"Queremos que este libro sexa unha pequena achega para abrir unha reflexión sobre os motivos polos que se acode tan masivamente ao sexo de pago"
Águeda Gómez rexeita entrar no debate entre a abolición e legalización da prostitución, senón que prefire ir á base e ás causas da demanda de sexo de pago, que en España acada cifras de récord: "Non queremos meternos en ámbitos máis xurídicos, pero si cremos que é importante cambiar a mentalidade hexemónica, cremos que a énfase ten que estar na educación". "Queremos que este libro sexa unha pequena achega para abrir unha reflexión sobre os motivos polos que se acode tan masivamente ao sexo de pago, cando vivimos en sociedades libres nas que se debería poder canalizar este desexo sexual sen dirixirse a espazos de poder nos que o que paga é o que manda", di. No libro cítase neste senso un fragmento do libro de Manuel Castells e Marina Subirats Mujeres y hombres. ¿Un amor imposible?, no que destacan que "A reconstrución da relación entre mulleres e homes pasa por unha aceptación mutua da fin do patriarcado como forma de organización básica da familia e da sociedade".
Un informe de 2007 calculou que ao redor de 300.000 mulleres exercen a prostitución no conxunto do Estado
Un informe elaborado pola Comisión Mixta dos Dereitos da Muller e da Igualdade de Oportunidades do Congreso dos Deputados en 2007 calculou que ao redor de 300.000 mulleres exercen a prostitución no conxunto do Estado, sendo a gran maioría pobres, inmigrantes e en situación irregular, e que o 99,7% dos clientes son homes. Ese mesmo informe calculaba que os españois gastaban 50 millóns de euros diarios en prostitución. Outro estudo, publicado en 2006, sinalaba que o 11% dos homes españois demandaran servizos sexuais no último ano, unha proporción que duplicaba as cifras de Portugal ou Alemaña e que multiplicaba por dez as cifras de Francia ou Reino Unido.
A investigación de Águeda Gómez, Silvia Pérez e Rosa M. Verdugo componse dun cento de entrevistas a mulleres que exercen a prostitución (43), clientes (29), empregados e donos de clubs de alterne e traballadores e traballadoras sociais, ademais de varios grupos de discusión. Unha parte moi importante destas entrevistas realizáronse en Galicia, debido á procedencia das investigadoras e a que a parte principal do financiamento do estudo partiu da Universidade de Vigo e do Concello de Ourense.
As autoras sinalan que en Galicia funcionan máis de 240 clubs de alterne e uns 323 pisos de contactos, cunha distribución, común a todo o norte de España, de locais de pequeno tamaño
A realidade da prostitución en Galicia está recollida de forma exhaustiva, polo tanto. As autoras sinalan que en Galicia funcionan máis de 240 clubs de alterne e uns 323 pisos de contactos, cunha distribución, común a todo o norte de España, de locais de pequeno tamaño, xestionados "de forma semellante a unha empresa familiar", normalmente por persoas da propia localidade "integrados na vida municipal a través do patrocinio dalgún club de fútbol do lugar ou doutro tipo de actividades locais". O libro lembra outros estudos recentes, que sinalan a procedencia maioritaria do Brasil das traballadoras do sexo en Galicia. Tamén realiza unha análise da rede de prostitución descuberta no marco da Operación Carioca, coas súas múltiples conexións con instancias políticas e policiais.