Sarria: Concentracións, retirada de faixas e propaganda en 3D a dous meses das eleccións

Concentración celebrada hai uns días © Plataforma Sarriana polo Río

Unha parte moi importante da cidadanía de Sarria leva máis dun ano mobilizada contra o proxecto de encanamento do río, un plan moi agresivo con efectos irreversibles para a paisaxe natural da ribeira ou para algunhas das súas pontes. Neste tempo a veciñanza organizada na Plataforma Sarriana polo Río mantivo unha presenza constante na rúa, nos medios e nas redes sociais. Esta mesma fin de semana unha nova concentración protestou contra o plan de derrubo da ponte da rúa Calvo Sotelo da localidade, unha infraestrutura con máis dun século de historia e que se quere substituír cunha nova, cun gasto superior ao medio millón de euros.

Nos últimos meses, nos que asistimos a un continuo tirapuxa tamén no terreo legal, con constantes recursos e paralizacións das obras por orde xudicial, os defensores do proxecto, encabezados polo propio Goberno local, tamén estiveron moi activos, tanto nos despachos, coma a través de declaracións públicas. Porén, semella que a medida que se achegas as eleccións municipais de maio, a menos de dous meses xa, as posicións comezan a tensarse aínda máis.

Esta mesma semana o Partido Popular de Sarria volveu poñer en funcionamento o seu perfil en Facebook, difundindo unha serie de proxeccións en 3D do aspecto que presentaría a ribeira, en concreto o espazo próximo á propia ponte da rúa Calvo Sotelo, unha vez rematadas as obras, unhas imaxes que a Plataforma Sarriana polo Río criticou, cualificánoas de "propaganda".

De igual xeito, o Goberno municipal de Sarria ordenou este mesmo luns a retirada e confiscación de dúas das faixas que foran penduradas hai uns días pola Plataforma nas proximidades da ponte, previa solicitude de permiso no propio Concello, que -aseguran dende a Plataforma- non chegou a responder afirmativa nin negativamente á petición. Nas faixas podíase ler "Grazas, Sarria" e "Sen medo ós gobernantes, sen medo ó caciquismo, sen medoá represión". Segundo representantes da Plataforma, foi o propio rexedor José Antonio García quen deu a orde directa de retiraralas. Os activistas víronse obrigados a demandar a axuda da Policía Local e da Garda Civil, para evitar que as pancartas fosen retiradas. A Plataforma Sarriana polo Río sinala que o alcalde "está amosando a escasa consideración que lle merecen os veciños de Sarria e as súas opinións, que sexan ou non coincidentes coas del, si deben ser repetadas nun estado de dereito" e conclúen que "coas súas actitudes o señor. García só está conseguindo manchar reiteradamente o cargo institucional que na actualidade ostenta e que debería respetar en todo momento".

 

Contra o derrubo da ponte

"A demolición desta ponte é un absurdo e un despilfarro, como xa foi a do finado Toleiro"

Ao redor de 200 veciños e veciñas concentráronse este domingo sobre a ponte ameazada de derrubo, sinalando que "a demolición desta ponte é un absurdo e un despilfarro, como xa foi a do finado Toleiro" e que "os sarriaos non estamos dispostos a asumir ese custo". Está previsto que as obras de eliminación desta infraestrutura e de construción dunha nova ponte comecen a vindeira semana, unha actuación que terá un custe de 510.584 euros e que obrigará a cortar o tráfico durante oito meses, ata novembro.

Na concentración, representantes da Plataforma fixeron tamén balance da mobilización que manteñen dende hai 15 meses, destacando que as súas accións buscan "preservar o patrimonio que nos legaron os nosos maiores para transmitilo aos sarriaos do futuro", co obxectivo "de salvagardar non só as pontes, as árbores e o río, senón tamén a idea e, sobre todo, a práctica, da cidadanía responsable".

"Durante este longo ano, un grupo de persoas moi diferentes mobilizámonos e loitamos, forzadas a protexer o patrimonio de todos ante a escandalosa pasividade da Administración", dixeron, salientando que "nesta loita vímonos empurrados a demostrar o que Sarria é e non é". Explican que "Sarria non é un punto nun plano dun distante despacho oficial. Sarria non é só unha circunscrición electoral da que extraer votos cada catro anos. Sarria non é unha vila de xente conformista, resignada e medorenta". "Sarria é os seus ríos, as súas pontes, as súas árbores, e os sarriaos, os de aquí e os de todas partes, os do pasado e os do futuro, os que hoxe estamos reunidos neste acto e os que non", engadiron.

Outra das críticas da Plataforma ten que ver coa negativa do Concello de Sarria a responder ás solicitudes oficiais de información realizadas en marzo do pasado ano, como tampouco respondeu en primeiro termo ás solicitudes do propio Valedor do Pobo, algo que foi sinalado no seu recente informe polo alto comisionado, que criticou especialmente o Goberno local de Sarria como unha institución "recalcitrante" á hora de responder ás súas peticións de información. 

"Sarria non é un punto nun plano dun distante despacho oficial. Sarria non é só unha circunscrición electoral da que extraer votos cada catro anos. Sarria non é unha vila de xente conformista, resignada e medorenta"

A Plataforma lembra que o Concello de Sarria está  a incumprir a Lei 27/2006, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente, Lei que lle impón a obriga de responder no prazo dun mes ás solicitudes de información ambiental. "A día de hoxe o Concello de Sarria segue sen responder", subliña a Plataforma, para quen "ou eses informes conteñen información comprometedora para o Concello ou para as outras administracións implicadas no proxecto de encanamento ou o Concello de Sarria está dando mostras máis unha vez da escasa consideración que lle merecen os veciños de Sarria".

Recreación en 3D distribuida polo PP do proxecto de derrube da ponte © PP de Sarria
Concentración celebrada hai uns días © Plataforma Sarriana polo Río
Concentración celebrada hai uns días © Plataforma Sarriana polo Río
Dúas das faixas penduradas pola plataforma © Plataforma Sarriana polo Río
Retirada das faixas por orde do Goberno municipal © Plataforma Sarriana polo Río

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.