A Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 anunciou que recorrerá finalmente ante o Tribunal Constitucional (TC) a anulación, por parte do TSXG, do ditame que obrigaba ao Concello de Vigo a retirar a cruz franquista do monte do Castro. Malia que nun principio o colectivo rexeitara continuar na liorta xudicial pola "dificultade e o custo económico" que supoñía, as "posibilidades reais" de que o TC anule a sentenza do Superior galego decidiunos a seguir. E farano intentando reunir os 3.000 euros necesarios para o recurso a través dunha colecta popular durante os eses de abril e maio e coa que porán bonos de axuda en circulación, de 5 e 10 euros, para que a cidadanía colabore.
A Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 fará unha colecta popular para pagar os gastos do recurso ao TC
Foi o pasado 9 de febreiro cando o TSXG revogou a sentenza do xulgado de Vigo que ordenaba a retirada deste símbolo. Con todo, nun primeiro momento, a asociación decidiu non solicitar o recurso de amparo ante o Constitucional. "Pasado un tempo, chegamos á conclusión de que hai posibilidades reais de que o Tribunal Constitucional anule a sentenza do TSXG. En consecuencia, sería moi frustrante para nós non ser capaces de chegar até o final da vía xudicial, convencidos como estamos de que hai posibilidades de ter unha sentenza favorable", apuntou a asociación este domingo.
Por iso, explicou que iniciará unha campaña para reunir os fondos necesarios para realizar este recurso e fixo un chamamento á "conciencia e ao compromiso antifascista" dos vigueses que se pronunciaron "pola retirada do monumento franquista".
"Hai posibilidades reais de que o Constitucional anule a sentenza do TSXG", asegura o colectivo
Unha historia que vén de lonxe
A Cruz do Castro foi unha iniciativa da Falange, que escolleu o lugar onde se situaría o monumento, aprobado logo polo Concello franquista. Foi inaugurada o 14 de setembro de 1961 coa presenza do ditador e serviu para numerosos actos de exaltación fascista.
A retirada deste símbolo é unha petición que leva anos amosándose na rúa a través de diferentes mobilizacións. Ademais, xa en 2008 se fixo a súa primeira solicitude formal, á que seguirían varios escritos da Asociación pola Memoria Histórica. Recolléronse máis de 4.000 sinaturas e contouse co apoio de moreas de asociacións, forzas políticas e diferentes colectivos, pero o goberno municipal nunca respondeu.
A retirada deste símbolo é unha reclamación de hai anos, apoiada por milleiros de sinaturas e colectivos
Ante o silencio oficial, o 19 de xullo de 2011 o colectivo insistía no reclamo ao abeiro legal do dereito de petición (recollido no artigo 29 da Constitución e regulado na Lei 4/2001) amparándose na Lei 52/2007 de memoria histórica. Malia que a administración municipal tiña obriga legal de respostar, non o fixo, e a asociación presentou unha demanda para a protección dos dereitos fundamentais diante do xulgado número 1 de Vigo, que o 19 de decembro de 2011 obrigaba ao Concello a se pronunciar expresamente sobre a solicitude, inadmitíndoa "motivadamente" ou tramitando o procedemento oportuno.
A resposta non chegaría até o 1 de marzo de 2013, case cinco anos despois da presentación da primeira petición formal. A Xunta de Goberno Local resolvía nesa data denegar a petición de retirar o monumento fascista. Ante esa negativa, a asociación promoveu o recurso contencioso-administrativo, diante do xulgado número 2 da cidade, do que naceu o proceso xudicial que concluíu coa sentenza que mandatou o Concello a retirar a Cruz da ladeira do monte do Castro.
O pasado mes de setembro, PP e PSOE volvéronse para rexeitar a demolición da cruz franquista. No pleno da corporación local do 29 de setembro, os votos de populares e socialistas rexeitaron unha moción do BNG na que se solicitaba que non se recorrese a sentenza xudicial que obriga a derrubala por considerala un símbolo franquista que atenta contra a dignidade das vítimas.