Amigos da Terra vén de denunciar a corta a feito (polo pé) de centos de árbores en pleno corazón da Ribeira Sacra ourensá, moi preto de Santo Estevo de Ribas de Sil e a carón do lugar de interese comunitario (LIC) Canóns do Sil. As talas, que afectaron a unha superficie de ao redor de 80.000 metros cadrados, levaron por diante especies moi diversas, tanto autóctonas como alóctonas (carballos, castiñeiros, bidueiros, cerdeiras, choupos, olmos, abetos, cedros, thuias, chamacyparis, criptomerias, acacias, plátanos híbridos...) algún dos exemplares centenarios, e árbores de ata 150 centímetros de diámetro.
A entidade alerta de que esta actuación, visible en quilómetros a redonda, "é unha total contradición co intento de declarar a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO", e supón "unha demostración máis da incapacidade, incompetencia, desleixo e falla de medidas axeitadas dos responsables políticos da provincia de Ourense e da Xunta de Galicia a hora de protexer a biodiversidade e os recursos naturais". As árbores, situadas en terreos propiedade de particulares e tamén de Iberdrola, foran en parte plantadas cando se realizou a construción do Encoro de Santo Estevo de Ribas do Sil. Algunhas delas cumprían a función de "repoboacións hidrolóxico-forestais", realizadas para evitar a erosión, a perda de solo ou escorrentías.
Amigos da Terra anuncian que nos vindeiros días levarán a cabo denuncias ante os distintos organismos responsables: Concello de Nogueira de Ramuín, Consellería do Medio Rural, Consellería de Infraestruturas e Medio Ambiente e Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
En paralelo, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de dirixirse á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, na procura de información sobre unha serie de novas plantacións de piñeiros nun espazo moi próximo, situado no concello de Parada de Sil, e incluído tamén no LIC Canón do Sil e nunha das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. De acordo co establecido no Plan Director da Rede Natura 2000, está actuación está suxeita a autorización preceptiva da Dirección Xeral. Segundo datos de SGHN, entre as especies de aves ameazadas presentes na zona están o miñato real (Milvus milvus), o voitre branco (Neophron pernocpterus), a gatafornela (Circus cyaneus), a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a águia real (Aquila chrysaëtos).