0 Gardados para despois

Galicia, no podio das autonomías con maior privatización da sanidade

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Galicia ocupa o podio e sitúase como a terceira comunidade autónoma cun maior grao de privatización sanitaria, só superada por Madrid e Cataluña. Así se desprende do segundo informe sobre A privatización sanitaria das CCAA, elaborada pola Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (Fadsp) e que fai balance fundamentalmente dos datos do pasado ano 2013, xunto a algúns de 2014, destacando que esta vaga de privatizacións "continúa" na actualidade "en practicamente" todos os territorios do Estado e que posiblemente as modificacións dos últimos meses "aínda fosen o peor". 

Galicia sitúase no grupo de "elevado grao de privatización" sanitaria, por detrás tan só de Madrid e Cataluña

A comunidade autónoma galega sitúase entre as catro que a Fadsp considera que teñen un "elevado grao de privatización", xunto ás dúas citadas anteriormente e máis Illas Baleares, mentres que no grupo cun "baixo grao" de privatización atópanse Andalucía, Asturias, Castilla-La Mancha e Extremadura. Nun nivel medio, todas as demais. 

Para levar a cabo esta clasificación, e logo dun detallado estudo, a Fadsp avalía aspectos de aseguramento, financiamento privado, recursos deste sector privado ou porcentaxe de gasto sanitario público dedicado directamente a contratación cos centros privados. Todos eles tirados das cifras que achega o Ministerio de Sanidade, o de Facenda, o IDIS (Instituto para el Desarrollo e Integración de la Sanidad) ou o propio INE. 

A plataforma SOS Sanidade Pública xa destacou nos seus últimos estudos que nos últimos cinco anos o orzamento sanitario en Galicia sufriu un recorte do 12,3%, que supuxo a eliminación de máis de 2.000 postos de traballadores sanitarios e o peche de case 500 camas hospitalarias nos centros públicos.

O estudo asegura que Galicia destaca polo maior gasto da cidadanía á hora de contratar seguros privados

O informe da Fadsp insiste no proceso privatizador no país e destaca que tanto Cataluña como Madrid dedican unha maior provisión de fondos ao financiamento da xestión por parte de empresas privadas, mentres que Galicia e Baleares destacan por un maior gasto por parte da cidadanía para contratar seguros privados e algúns servizos como os de odotoloxía. 

Para facer a clasificación que sitúa Galicia como a terceira comunidade con maior privatización sanitaria -e que repite no posto do informe anterior- tense en conta a porcentaxe de poboación cuberta por mutualidades de funcionarios, o gasto en seguros privados e sanitario do propio peto per capita, a porcentaxe de camas hospitalarias privadas sobre o total, a de equipamento de alta tecnoloxía en centros privados, a de gasto sanitario dedicado a contratación con centros alleos ao sistema público ou a presenza de modelos da chamada "colaboración público-privada", unha modalidade esta que foi reforzada pola Xunta a través da lei que permite o traspaso de pacientes do Sergas

Segundo os diferentes datos que achega o estudo, un cidadán galego dedica unha media de 454 euros ao ano a pagar de forma individual servizos sanitarios ou farmacolóxicos, fronte aos 300 dun andaluz ou aos 332 dun estremeño. En canto ao gasto medio por persoa para seguros privados, en Galicia sitúase nos 107 euros, fronte aos 56 de Navarra ou os 267 de Madrid, ambas as dúas nos dous extremos.

Case unha cuarta parte das camas sanitarias en Galicia son privadas

No que se refire á porcentaxe de camas sanitarias privadas sobre o total, en Galicia sitúase nun 23,8%, moi lonxe do 56,3% de Cataluña, pero tamén moi afastada do 8,3% de Castela-A Mancha. E case unha cuarta parte, 2.354 dun total de case dez mil. 

Ademais, e en canto á cantidade de equipamento de alta tecnoloxía en centros privados, o país alcanzaría o 39% do total, só superada neste caso polo territorio catalán e polas Illas Baleares. Xa por último, e sobre o gasto sanitario dedicado á contratación con hospitais non públicos, esta porcentaxe chega ao 5,8%, unha cifra inferior á media de todos os territorios. 

Na presentación do informe, o presidente da Fadsp, Marciano Sánchez Bayle, nos últimos anos produciuse un "deterioro do sistema sanitario público, o que fai que todo o que poida busque alternativas no sector privado". Segundo di, trátase dun xeito de premiar o funcionamento do sistema privado e favorecer o seu lucro a costa da sanidade pública. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.