Unha cadea humana unirá Salvaterrra e Monçao este luns

Imaxe conmemorativa do 20 aniversario de PNO Dominio Público Ponte nas Ondas!

Alumnos e alumnas de centros de ensino de Salvaterrra do Miño e Monçao realizarán este luns 13 de abril unha cadea humana sobre a ponte que une as dúas localidades, nunha acción organizada por Ponte... nas ondas! en conmemoración, precisamente dos 20 anos da inauguración da ponte internacional João Verde-Amador Saavedra.

A xornada comezará ás 10.30 horas co inicio da cadea humana. Ao son da canción Máis perto (composta por Uxía e Segundo Grandío para Meniños Cantores) os mozos e mozas das dúas beiras uniranse e soltarán globos coa lema “Un Patrimonio para o futuro", no que lembrarán a iniciativa das escolas de Galicia e do Norte de Portugal para a inscrición do patrimonio inmaterial galego-portugués na Lista Representativa da UNESCO. Haberá tamén xogos infantís e un concerto a cargo de Magín Blanco. En 2007 a Asociación Ponte... Nas Ondas! realizara un vídeo, no que 2.000 mozos e mozas pedían sobre as pontes do Miño unha nova oportunidade para a Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

Hai uns meses a Asociación embarcouse nun novo intento para que o patrimonio inmaterial galego-portugués sexa recoñecido pola Unesco, despois de que hai dez anos a proposta non fose aceptada, en parte polo limitado apoio do Goberno portugués á proposta. Santiago Veloso, responsable da iniciativa, expresou a súa confianza en que desta volta a cultura galego-portuguesa si acade esta distinción.

O pasado 28 de marzo Salvaterra do Miño e Monção celebraron oficialmente o vinte aniversario da inauguración da ponte internacional entre as dúas vilas. Tamén Ponte…nas Ondas! celebrou nesas datas os seus vinte anos cunha emisión radiofónica especial.

Imaxe conmemorativa do 20 aniversario de PNO Dominio Público Ponte nas Ondas!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.