Admitida a trámite a paralización cautelar do derrubamento da Casa da Xuventude

A Casa da Xuventude, na Praza do Matadoiro de Compostela Dominio Público Praza Pública

O xulgado de Santiago de Compostela admitiu a trámite a medida cautelar de paralización do proceso de derruba da Casa da Xuventude solicitada pola Plataforma Cidadá Defender O Público-A Casa Da Xuventude é nosa. Esta medida cautelar servirá para non acometer o derrubamento mentres non se dite sentenza sobre o recurso contencioso–administrativo que a plataforma presentou no mes de febreiro.

Esta medida cautelar servirá para non acometer o derrubamento mentres non se dite sentenza sobre o recurso contencioso–administrativo que a plataforma presentou en febreiro

A solicitude de paralización cautelar admitida a trámite polo xulgado faise, explican, "para evitar o grave prexuízo que a derruba supón para a conservación do patrimonio cultural da cidade histórica de Santiago ao modificar a estrutura da praza medieval, protexida polo Plan Especial, e ante a perda dun edificio destinado a equipamento público, que forma parte do patrimonio público do Concello e polo tanto tamén de toda a cidade".

Dende a Plataforma sinalan, ademais, que o derrubamento "constitúe unha infracción urbanística por ser contrario ao establecido no Plan Especial de Protección da Cidade Histórica vixente, que protexe a estrutura e as aliñacións da Praza do Matadoiro e que para o edificio propón unicamente un tratamento das súas fachadas para mellorar a integración ambiental do edificio no conxunto". E con respecto á "suposta finalidade pública de mellorar a accesibilidade ao parque de Belvís" co derrubamento do edificio proposto, a plataforma subliña que "o propio Plan Especial xa prevé esta conexión a través da parcela contigua" que xa está clasificada como Zona Libre tanto polo Plan Especial como polo PXOM.

A Plataforma fai fincapé tamén no "dispendio que supón" o derrubo dun edificio valorado en 1.200.000 euros e para o que ademais se gastarían mais de 700.000 euros entre o derrubo e a reurbanización

A Plataforma fai fincapé tamén no "dispendio que supón" o derrubo dun edificio de 1.600 m2 destinado a usos socio culturais, valorado en 1.200.000 euros e para o que ademais se gastarían mais de 700.000 euros entre o derrubo e a reurbanización.

A Plataforma Cidadá asegura que seguirá levando a cabo iniciativas "para defender o patrimonio público da cidade, e evitar a destrución dun equipamento público coma este que o propio Plan Xeral destina a usos socio culturais". Ademais deste recurso contencioso administrativo presentado ante os xulgados, e das denuncias feitas ante o Valedor do Pobo e a Fiscalía, presentarase tamén unha nova denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta. A denuncia presentada o mes pasado ante a Fiscalía xa provocou que esta lle requirira o expediente completo da tramitación do derrubamento ao Concello, para valorar se a tramitación foi correcta ou pode haber responsabilidades pola infracción urbanística denunciada e pola posible malversación do Patrimonio público que se produce ao derrubar un edificio público en condicións de uso.

Desde a Plataforma cidadá pídese manter o edificio con usos socio culturais ao servizo da cidadanía e facer a conexión entre a Praza do Matadoiro e o parque de Belvís. Convidan a cidadanía a unirse a esta defensa do interese público, e convocan a unha concentración festiva este sábado á unha do mediodía na Praza do Matadoiro.

A Casa da Xuventude, na Praza do Matadoiro de Compostela Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.