Nace a plataforma 'Voltar á Terra', impulsada por galegos e galegas emigradas

Imaxe da iniciativa © Voltar á Terra

A Galería Sargadelos acolleu este venres a presentación da plataforma Voltar á Terra, impulsada un grupo de galegas e galegos arredor do mundo tras artellar un grupo de traballo que apoiado pola Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Galegos Retornados e a Asociación de Emigrantes Retornados Marusía culminou na creación da plataforma, como explicou Manolo Do Val, pai de moza emigrada e coordinador da iniciativa.

Despois da proxección dun vídeo feito por galegas de todo o mundo lendo un manifesto, Do Val lembrou que en tres de cada catro fogares galegos hai alguén emigrado, e que ademais 200.000 persoas abandonaron Galicia dende o 2007. Pola súa banda, Natalia Cabana, que marcha emigrada a Inglaterra o vindeiro martes, explicou que Voltar á Terra nace coa vontade de xerar conciencia entre as persoas que viven en Galicia e as que que tiveron que emigrar, esixindo entre todas "cambios políticos que nos permitan vivir dignamente no noso país e emigrar cando queiramos, e non cando nos vexamos obrigadas a facelo".

Do Val lembrou que en tres de cada catro fogares galegos hai alguén emigrado, e que ademais 200.000 persoas abandonaron Galicia dende o 2007

Esta mesma situación vivírona varias décadas atrás Xosé Lois Leirós e Manuel Domínguez, voceiros dos emigrantes retornados, que chamaron a fornecer ferramentas propias coma a plataforma "para rachar o círculo de dependencia que nos forza a emigrar". Tamén quixo dar o seu apoio Guillerme Ignacio, membro de Quempallou, que explicou o que supón a emigración desde a perspectiva do familiar e amigo, e interpretou unha cantiga de Cotobade dirixida ás que tiñan que marchar a buscar a vida fóra.

"A emigración non só supón rachar familias e separarse da xente que queremos, senón desvertebrar o noso territorio, introducir fendas xeracionais irrecuperábeis"

No manifesto de Voltar á Terra, que tamén se presentou este venres, destácase que "a emigración non só supón rachar familias e separarse da xente que queremos, senón desvertebrar o noso territorio, introducir fendas xeracionais irrecuperábeis". O texto demanda unha serie de medidas para contrarrestar a actual tendencia, coma "un plano de emprego xuvenil que promova novos espazos de actividade para a xeración de emprego e que potencie o emprendemento", "un plano de apoio ao retornado que permita volver en condicións dignas e con acceso a un posto de traballo digno", o "reforzo dos servizos públicos e contratación de traballadoras no ensino, sanidade e servizos sociais", a "promoción da explotación sustentábel dos nosos sectores produtivos" ou a "derrogación do atraso na idade de xubilación". 

O primeiro paso da iniciativa é a recollida de apoios individuais e de distintas entidades por medio da súa páxina web, para que "xunto as galegas na terra e na emigración que queiran colaborar e unirse a iniciativa", facer valer "os nosos dereitos diante de institucións que terían que representarnos e non forzarnos a marchar".

Presentación de "Voltar á Terra" © Voltar á Terra
Imaxe da iniciativa © Voltar á Terra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.