Pallasos en Rebeldía protestan espidos ante o 'muro da vergoña' de Melilla

Os tres activistas, espidos ante a valla © Carlos Cazurro

Iván Prado, voceiro de Pallasos en Rebeldía, e a compañía de circo Kanbahiota protestaron este luns ante o valo construído en Melilla na fronteira entre España e Marrocos. Os tres activistas subiron ao propio muro da vergoña, para posteriormente espirse ante el, destacando que "ante os muros de opresión, de vergonza e de silencio cómplice toda a humanidade está espida" e cualificando esta barreira, levantada para impedir o paso de persoas dun país a outro como "un atentado contra a dignidade e os dereitos da humanidade". Trala acción, axentes da Garda Civil interrogaron a Iván Prado e pedíronlle os seus datos.

"Ante os muros de opresión, de vergonza e de silencio cómplice toda a humanidade está espida"

Pallasos en Rebeldía denuncia “o silencio colectivo” que se estende ao longo dos doce quilómetros entre a fronteira de Marrocos e España na cidade de Melilla, onde en 1998 comezou a construírse esta barreira física e artificial “que atenta contra a liberdade e os dereitos das persoas individuais e do conxunto da humanidade”. Trátase de tres valos de seis metros que, desde o ano 2013, volven contar con coitelas en gran parte do seu percorrido que provocan graves feridas a aquelas persoas que tentan cruzala. Unhas coitelas que foron retiradas no 2007 polo seu perigo e que o Estado español volveu colocar, a pesar das protestas de organismos internacionais e colectivos de defensa dos dereitos humanos. 

Con anterioridade, Pallasos en Rebeldía xa levara a cabo accións de denuncia ante muros de separación erguidos noutros lugares do mundo, coma o aramado que o goberno marroquí mantén no Sáhara ou a barreira israelí de Cisxordania.

Pallasos en Rebeldía xa levara a cabo accións de denuncia ante outros muros de separación, coma o aramado que o goberno marroquí mantén no Sáhara ou a barreira israelí de Cisxordania

Os activistas lembraron que as persoas migrantes que tentan cruzar o triplo valo poñen en risco a súa vida e que, de feito, producíronse varias mortes desde a súa construción. Tamén fixeron fincapé  en que as autoridades españolas “lonxe de acatar a lexislación estatal, europea e internacional e garantir o respecto aos dereitos humanos e o principio de non devolución, repatrian de forma sistemática e sumaria a persoas que se atopan en territorios español tras atravesar este muro, violando así as leis e as liberdades fundamentais que atesoura calquera cidadán do mundo”. O Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas cuestionou recentemente esta práctica.

Prado destacou que Pallasos en Rebeldía “utiliza, ante a inxustiza, as súas armas: o nariz vermello, o sorriso e o humor” que “non hai fronteira que o circo non poida atravesar nin ningunha barreira derrubar”. “Os pallasos non son máis que o neno que, aos ombreiros do adulto, atrévense a sinalar ao emperador e gritarlle que está espido”, engadiu

Subidos ao 'valo da vergonza' © Carlos Cazurro
Subidos ao 'valo da vergonza' © Carlos Cazurro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.