Os afectados polas preferentes en Galicia manteñen vivas as súas demandas en Europa

Representantes da Coordinadora galega das plataformas afectadas polas preferentes © A. Miranda

Os afectados polas preferentes en Galicia volveron este xoves a alzar a súa voz ante o Parlamento Europeo. Representantes da Coordinadora Galega de plataformas de afectados polas preferentes e subordinadas (CGPAP), viaxaron a Bruxelas para expresar a súa problemática ante a Comisión de Peticións da Eurocámara, que se reuniu para escoitar ducias de diferentes denunciantes contra os abusos hipotecarios e os produtos tóxicos financeiros do Estado español. A Eurocámara anunciou que seguirá investigando a venda irregular destes produtos e para iso pedirá á Comisión que se pronuncie sobre se o España vulnerou a lexislación da UE. 

Os voceiros das plataformas galegas de afectados mantiveron vivas as demandas ante a intención do PP de pechar as peticións

Foron Xesús Domínguez e Xulio Vicente, voceiros da CGPAP, os que se encargaron de denunciar o que consideraron un "pelotazo" e unha "estafa organizada con cómplices necesarios" a que se levou a cabo en Galicia coa comercialización de preferentes e subordinadas por parte das antigas caixas galegas. Así, lembraron que "aínda faltan por recuperar os cartos dunhas 10.000 familias, uns 200 millóns de euros". Co apoio do BNG, os dous representantes quixeron manter vivas as súas demandas ante a intención do PP de forzar ao peche das peticións da lexislatura interior e o ruxe-ruxe de que os populares querían acabar coas 40 denuncias de abusos bancarios no Estado. 

"Dúas caixas de aforros logo fusionadas, 1.800 millóns de euros e 116.000 afectados segundo os últimos datos do FROB". Con estas cifras quixo sintetizar Xesús Domínguez a dimensión das prácticas abusivas levadas a cabo polas antigas Caixa Galicia e Caixanova. "Pensabamos que eramos menos os afectados", aclarou quen dixo tamén que, xa en distintas fases, acabaranse por recuperar uns 1.600 millóns en canto acaben todas as demandas. "Pero faltan aínda 200 millóns, que son os aforros de 10.000 familias", engadiu, tras advertir que a propia Abanca recoñece que cando menos queda un 8% e sobre uns 110 millóns por devolverlle a unhas 8.000 familias. 

"Foi unha estafa organizada con cómplices necesarios", lembraron os voceiros dos preferentistas galegos

"Malia que Abanca prometeu unha solución en canto mercaron Novagalicia Banco, non se fixo nada efectivo aídna; prometéronnos devolver os cartos e fixérono con todos os representantes ligados ás plataformas pero quedan aínda 10.000 familias", desvelou Domínguez, que lembrou que a entidade resultante da fusión "recibiu 9.000 millóns do rescate bancario" mentres Banesco pagou "tan só 1.000 por ela e en cómodos prazos ata 2018". "Agora gaña nun ano máis de 1.100 millóns... Iso no noso país ten un nome: pelotazo", espetou. 

Domíguez lembrou que "nada lle impedía" a Novagalicia Banco continuar como entidade pública e non asumir unha cantidade perdida na posterior operación "que supón o mesmo que se recortou en toda a sanidade española" nos últimos anos. "Mentres, secuestrouse a comisión de investigación posta en marcha no Parlamento galego, impuxéronse taxas xudiciais para dificultarnos a vía xudicial e aprobouse a Lei Mordaza para calarnos", denunciou, tras recordar que o 90% dos contratos de preferentes e subordinadas foron anuladas por varías vías e que o 100% das demandas xudicias lles dan a razón aos afectados. "Foi unha estafa organizada, con cómplices necesarios e faltan, cando menos, máis de 100 millóns por devolver", finalizou. 

As plataformas reclaman a devolución de todos os cartos e que os responsables sexan levados ante a xustiza

Os representantes galegos reclamaron a devolución dos aforros ás familias, que os responsables "senten ante a xustiza" e que "se depuren responsabilidades políticas" tanto pola "estafa das preferentes" como pola "imposición masiva de sancións" ás persoas que protestan contra ela en Galicia. Así, Xulio Vicente, lembrou as "promesas" do PP nas últimas campañas electorais asegurando que se devolverían todos os aforros e denunciou a "impunidade total" dos políticos. Ao tempo, criticou as "máis de 50 sancións impostas polo Goberno por valor de 20.000 euros" a ducias de mannifestantes en Galicia e puxo o exemplo de Domitila, a anciá de 82 anos acusada de saltar un cordón policial. "Non se leva ao xulgado os que rouban millóns de euros, pero si aos que rouban unha galiña. Isto é o que pasa no Estado español", rematou, antes de que todos os galegos afectados presentes reclamasen que se manteña a demanda aberta na Eurocámara. 

Antes, os representantes dos afectados galegos foron apoiados por eurodeputados de Bildu, ERC ou Compromís. Lidia Senra, europarlamentaria de AGEe falou durante a súa quenda de "estafa xeralizada con colaboración necesaria do Goberno español" e pediu á Comisión "manter a petición aberta e chegar ao fondo da investigación" e lograr que as institucións europeas "fagan que se devolvan todos os cartos, se repare o dano causado ás familias, se sancione ás entidades bancarias e se establezan as responsabilidades políticas". A representante do PP, pola súa banda, defendeu a actuación da Xunta e do Executivo central.

A Comisión de Peticións da Eurocámara solicitará máis información para determinar se España violou a normativa comunitaria

A presidenta da Comisión de Peticións, Cecilia Wikström, acordou ao final da sesión, solicitar toda a documentación sobre o tema das preferentes á Comisión Europea para logo decidir, entre todos os coordinadores, a fórmula a través da cal se trasladan as demandas ao Parlamento Europeo para determinar se a estafa supuxo unha violación da normativa comunitaria por parte do Estado español. 

Representantes da Coordinadora galega das plataformas afectadas polas preferentes © A. Miranda
Xulio Vicente e Xesús Domínguez, en Bruxelas © A. Miranda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.