O boicot á reválida: "Non é ilegal, é intentar facer menos mala a Lomce"

Cartel contra as reválidas © STEG

"Non cometemos ilegalidade ningunha; o único que intentamos é facer menos mala a aplicación da Lomce". Explícao David Bruzos, secretario de acción sindical de STEG, que vén de lanzar unha campaña de boicot en contra da reválida que terán que levar a cabo os alumnos de 3º de Primaria no vindeiro mes de maio. É unha forma de amosar o rexeitamento contra a Lomce e contra unha das medidas máis discutidas. E unha maneira de evitar algunha das consecuencias máis "prexudiciais" que a aplicación da normativa supón no ensino. 

O STEG asegura que a campaña de boicot á reválida "non é ilegalidade ningunha": "Intentamos facer menos mala a aplicación da Lomce"

Así o aclara o STEG, que explica que a nova lei educativa aprobada polo PP "en contra de toda a comunidade estatal" contempla, entre outras moitas medidas "perniciosas", a realización de "avaliacións diagnósticas externas" que terían que comezar neste presente curso en 3º de Primaria. O sindicato di "opoñerse" a estas probas porque "entran en contradicción coa avaliación continua, porque someten a un estrés innecesario a alumnado de 8 anos de idade e porque cos resultados destas probas tense previsto establecer ránkings que servirán a posteriori para determinar que centros deben levar máis recursos, rompendo os principios de equidade e igualdade de oportunidades".

O sindicato lembra que se pretenden listas de centros "bos, regulares e malos" segundo as reválidas e que estas listaxes servirán logo para destinar "máis e mellores recursos a uns e privar deses recursos a outros, rompendo a equidade e a igualdade de oportunidades". Ademais, a partir do curso 2015-16 estas reválidas limitarán tamén "as opcións de continuación de estudos en niveis superiores para o alumnado que obteña malos resultados nelas". "Condenarán desde 3º de Primaria a unha parate non pequena do alumnado ao fracaso escolar e á exclusión", asegura. 

Durante este curso, esas probas só terán carácter orientativo, polo que "non realizalas non acarreará consecuencias legais nin académicas". Ante esta situación, o STEG pide aos claustros e consellos escolares que se "pronuncien masivamente" contra a realización destas reválidas e solicita ás nais e pais do alumnado que non os leven ao centro educativo ese día para "amosar o desacordo coa devandita proba e reivindicar a súa eliminación". É a súa maneira de "esquivar ou eludir" a proba. 

O STEG reúnese coas anpas galegas para informar de como "esquivar o eludir" a reválida que impón a Lomce en 3º de Primaria

Tal e como lembra Bruzos, ademais, a finais deste ano haberá eleccións xerais no Estado "e todo parece indicar que o PP non revalidará a maioría absoluta". "Non sei se terá moito sentido seguir adiante coa aplicación dunha lei que non parece que teña moito futuro", asegura, tras aclarar que o STEG xa comezou a rolda de contactos con diversas anpas galegas e que a acollida respecto da súa campaña "está sendo boa". 

"Non leves a túa filla/o ese día ao centro", resume o lema da campaña, que intenta escenificar o rexeitamento a unha das medidas máis controvertidas dunha Lomce que foi fortemente contestada xa polo alumnado e o profesorado durante varias manifestacións, folgas e actos reivindicativos. A idea xorde froito dunha serie de medidas elaboradas pola confederación sindical estatal na que se inclúe o STEG e que fixo unha guía para evitar a aplicación da Lomce. 

A Xunta pretende que sexan os docentes quen corrixan os exames, o que iría contra a propia Lomce, que impón unha "avaliación externa"

A iniciativa implica os pais, pero tamén os profesores, que nalgún caso advirten xa de avisos da Consellería de Educación que irían en contra da normativa que explicita a Lomce. Segundo fontes ás que accedeu Praza, a Xunta avisa xa de que o control nestes primeiros exames de proba, así como a súa corrección, correría a cargo dos propios docentes, polo que xa non sería unha "avaliación externa", como di a lei, ao tempo que se cargaría de máis traballado ao profesorado. Ante esta situación, é moi probable que o boicot non veña só das familias que se unan á campaña, senón de moitos profesores que aludan mesmo á ilegalidade da proposta. 

Cartel contra as reválidas © STEG
Manifestación contra a LOMCE en Vigo CC-BY-SA Agir

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.