A Xunta presume de axuda ao desenvolvemento malia recortala de 12 a 4 millóns dende 2009

Alfonso Rueda asina o convenio de colaboración coa Coordinadora Galega de ONGDs, este luns © Xunta

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou este luns un convenio de colaboración coa Coordinadora Galega de ONGDs para a sensibilización e fortalecemento institucional desta entidade. Rueda enxalzou "o excelente traballo dos profesionais e voluntarios que forman parte das ONGDs en Galicia, polo seu esforzo e a súa entrega diaria" e sinalou que "estas organizacións xogan un papel fundamental no sistema de cooperación para o desenvolvemento, promovendo e xestionando proxectos e fomentando a conciencia da cidadanía para ser máis responsables e solidarios". Unhas palabras coas que é difícil non estar de acordo, pero que contrastan radicalmente co forte descenso das achegas orzamentarias da Xunta ás entidades e proxectos de axuda ao desenvolvemento dende o regreso do PP ao poder, en 2009.

A pesar de que Galicia sempre estivera entre as comunidades autónomas que realizaban unha menor achega ás políticas de cooperación, entre 2004 e 2009 si houbera un crecemento importante destas partidas, dende os 5,4 millóns de euros anuais ata os 11,6 millóns. Seguía representando apenas o 0,1% do orzamento total da Xunta, moi lonxe do obxectivo do 0,7% e mesmo de rexións como Navarra, Castela-A Mancha (que rozaban o 0,5%) ou Baleares e País Vasco (que roldaban o 0,4%), pero a mellora era evidente. 

A partir de 2009 a partida galega comezou a descender, ficando catro anos despois en apenas un terzo do que fora, pasando deses 11,6 millóns a tan só 4,1 (o 0.05% do total)

Porén, a partir de 2009 a partida galega comezou a descender, ficando catro anos despois en apenas un terzo do que fora, pasando deses 11,6 millóns a tan só 4,1 (o 0.05% do total). É certo que o descenso foi xeneralizado en todas as comunidades autónomas e no conxunto do Estado, pois a achega española pasou do 0,46% que acadara nese 2009 a un 0,14% en 2014. De feito, malia o forte descenso rexistrado en Galicia, hai seis comunidades que agora presentan cifras máis negativas. Os Orzamentos da Xunta para este ano 2015 supuxeron un cambio de tendencia na partida destinada a axuda ao desenvolvemento, que por primeira vez se incrementou dende o regreso do PP ao poder. Iso si, a mellora foi tan só de 336 euros, dende os 4.143.379 euros de 2013 aos 4.143.715 actuais.

Os recortes aplicados pola Xunta nesta materia foron moi criticados polas organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD), que denunciaron tamén o incumprimento do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, un texto que xa saíra adiante co voto en contra destas entidades, que o consideraran "un documento de mínimos" por, entre outras cousas, "reducir o número de países prioritarios". O Goberno galego recortaba un 5% o orzamento comprometido e, ademais eliminaba a posibilidade de financiar proxectos a dous anos. A decisión supuña un recorte sobre o recorte, decidindo a Xunta "de forma unilateral" eliminar compromisos para 2015. Ademais das limitacións orzamentarias que nos últimos anos sufriron moitos destes proxectos e entidades, deuse o caso en Galicia e noutros territorios que unha parte importante das partidas concedidas non podías ser gastadas, pois as convocatorias finalmente tiñan unha contía inferior á orzamentada ou as subvencións, simplemente, non se abonaban.

Os recortes aplicados pola Xunta nesta materia foron moi criticados polas organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD), que denunciaron tamén o incumprimento do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017

Na valoración realizada por Oxfam Intermón no seu informe La realidad de la ayuda, destacábase un certo "talante dialogante" da Xunta en cuestións relacionadas coa Cooperación, pois "son oportunamente informadas das actuacións levadas a cabo, os recortes, convocatorias, etc". Porén, sinalábase, "este proceso de diálogo é máis consultivo que verdadeiramente efectivo, como se demostrou durante a discusión do Plan Director de Cooperación Galega 2014-2017, no que só se aceptaron 3 das 30 alegacións feitas". O informe tamén salientaba as eivas na implicación dos concellos e deputacións na axuda ao desenvolvemento, con comportamentos moi diferentes nuns casos e outros. Por exemplo, destacábase a axuda concedida por Vigo ou Lugo ou a colaboración emprestada pola Deputación da Coruña. Tamén a do Concello da Coruña, que con todo a comezos de 2014 eliminaba a convocatoria de cooperación ao desenvolvemento. Igualmente, celebraba a actividade do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forman parte as deputacións de Lugo e A Coruña e ao redor de noventa concellos, que todos os anos realizan unha pequena achega, en función da súa poboación, que serve para financiar proxectos.

As axudas para cooperación ten unha importancia fundamental para os países en vías de desenvolvemento. Como destaca a web do Fondo Galego, "non podemos obviar, por imperativos éticos, o noso compromiso coa superación das desigualdades e a pobreza, compromiso non exclusivamente asistencial senón participativo e mesmo crítico coa actual orde de cousas, cómpre ter en conta o efecto multiplicador dos recursos achegados para países en desenvolvemento. Se con 6.000 euros aquí podemos custear pouco máis que a redacción dun proxecto de urbanización dunha rúa, poñamos por caso, en moitos lugares, en países menos desenvolvidos, esa mesma cantidade pode permitir a construción de vivendas para numerosas familias. O noso pouco pode valer de moito".

A Coordinadora Galega de ONG para o desenvolvemento sinalou este mesmo luns, a respecto das máis de mil mortes de persoas migrantes no Meditarráneo, afogadas cando tentaban chegar ás costas europeas, que "o Mediterráneo estase a converter nunha fosa común na que perden a vida miles de persoas, moitas das cales foxen da guerra en busca dun refuxio que, en contra da lexislación internacional, se lles nega. Non tomar cartas no asunto de xeito urxente e eludir as responsabilidades daría conta dunha Europa que despreza flagrantemente os seus valores fundacionais de solidariedade entre os pobos e defensa dos dereitos humanos".

 

Propostas para as eleccións municipais

"Os gobernos de todos os niveis deben responder de forma conxunta ás causas e consecuencias globais e domésticas da pobreza, as desigualdades e a insostibilidade ambiental"

A Coodinadora presentou así mesmo unha serie de propostas para as distintas candidaturas que concorren ás eleccións municipais de maio, destacando que "os gobernos de todos os niveis deben responder de forma conxunta ás causas e consecuencias globais e domésticas da pobreza, as desigualdades e a insostibilidade ambiental". O documento tamén sinala que "a cooperación ao desenvolvemento é unha política pública social fundamental para loitar contra pobreza e as desigualdades" e que "o benestar e o desenvolvemento dos pobos están interrelacionados: os esforzos no ámbito local teñen repercusión a escala global, e viceversa".

O texto componse de 19 medidas que poderían ser adoptadas dende os concellos, que comezan por "garantir dotacións orzamentarias suficientes", que se fixan nun mínimo do 0,2% dos orzamentos municipais. Tamén se propón que que todos os Concellos e Deputacións se asocien ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e que as sete grandes cidades galegas e as catro Deputacións "sexan un exemplo" e "garantan convocatorias abertas en concorrencia competitiva para a posta en marcha de proxectos de cooperación ao desenvolvemento e de Educación para o Desenvolvemento".

O texto componse de 19 medidas que poderían ser adoptadas dende os concellos, que comezan por "garantir dotacións orzamentarias suficientes", que se fixan nun mínimo do 0,2% dos orzamentos municipais

Igualmente propóñense outras medidas de tipo transversal, coma a promoción do comercio xusto e o consumo responsable, a través de campañas de sensibilización, a promoción e oferta deste produtos nas instalacións públicas dependentes dos concellos, e tamén a través da compra pública ética. Tamén o fomento e apoio de iniciativas da economía social no eido local que primen ás persoas por riba do capital e que se xestionen de forma autónoma, transparente, democrática, participativa e ligada ao entorno. 

E, finalmente, pídense compromisos para eliminar a discriminación por motivos de xénero, etnia, idade, orientación sexual, etc. e promover a igualdade de dereitos e oportunidade entre homes e mulleres. Tamén para "loitar de forma efectiva contra o cambio climático" ou para garantir "o dereito humano á auga", para "fomentar o software libre", "erradicar a pobreza enerxética" ou "asegurar o dereito á vivenda".

Orzamento da Xunta para a Cooperación ao Desenvolvemento Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.