O servizo de auga volverá ser xestionado directamente polo Concello de Carnota en 2016 se o BNG segue á fronte do Goberno municipal. Anunciouno o alcalde Ramón Noceda nunha das asembleas veciñais que está a realizar para render contas da xestión do goberno municipal e recoller as achegas veciñais ao programa de goberno 2015-2019, e que esta fin de semana tiveron lugar en Caldebarcos, Lira, O Pindo e Quilmas. Nese ano caducará a actual concesión e o servizo poderá volver a mans municipais.
Carnota, coma moitos outros concellos, ten nestes momentos o seu servizo de auga privatizado, "o que supuxo que os beneficios deste servizo non revirten no ben común senón nos balanzos dunha empresa privada, as deficiencias no servizo e a falta de melloras, e tamén a escasa ou nula xeración de emprego no municipio derivada da prestación deste servizo", denuncian dende o BNG. A caducidade da concesión que privatizou a xestión da auga permitirá ao Concello de Carnota revertir a custe cero a privatización deste servizo fundamental a Espina, "que nos últimos anos ten imposto tarifas completamente abusivas para un concello das características do noso, nunca cumpriu coas melloras prometidas e apenas xerou emprego no municipio", destacan.
Carnota aspira a reducir a factura que a veciñanza está a pagar pola súa auga, ao tempo que os seus rendementos axuden a mellorar a calidade do servizo e o seu mantemento, e tamén a xerar preto de media ducia de empregos directos
Coa remunicipalización, que implicará a xestión directa do servizo polo concello, o Concello de Carnota aspira a poder reducir a factura que a veciñanza está a pagar pola súa auga, ao tempo que os seus rendementos axuden a mellorar a calidade do servizo e o seu mantemento, e tamén a xerar preto de media ducia de empregos directos. Asi mesmo, sentaranse as bases para recuperar "en canto sexa posíbel" o saneamento público, "cuxos abusos por parte da empresa xa causaron numerosos rompedeiros de cabeza á veciñanza, e nomeadamente á do Pindo que se viu obrigada a pagar durante anos a factura dun servizo que ninguén lles presta", denuncia a formación nacionalista.
A remunicipalización da auga, en auxe en todo o planeta
A remunicipalización dos servizos de auga é unha tendencia en auxe en todo o mundo. Nos últimos 15 anos ao redor de 180 cidades e vilas de todo o planeta recuperaron a súas xestión directa, que nos anos e décadas anteriores estivera en mans privadas, nunha tendencia que mesmo se está a acelerar. París e Grenoble en Francia, Berlín e Potsdam en Alemaña, Budapest en Hungría, Varese en Italia, Dar es Salaam en Tanzania, Buenos Aires en Arxentina, Hamilton en Canadá ou varias mucipalidades de Malasia xa o fixeron, e en Galicia o concello de Teo está dando os últimos pasos para facelo. De igual xeito, en distintos terriorios do Estado español están en marcha iniciativas semellantes.
Nos últimos 15 anos ao redor de 180 cidades e vilas de todo o planeta recuperaron a súas xestión directa, que nos anos e décadas anteriores estivera en mans privadas, nunha tendencia que mesmo se está a acelerar
En 1996, o 63% da poboación española aínda recibía un servizo de subministro de auga xestionado por entidades públicas, fronte a un 37% de xestión privada. Porén, os procesos de privatización foron avanzando, chegando ao 53% en 2010 e ao 57% na actualidade. Os defensores da remunicipalización destacan que a xestión privada non só encarece o servizo para a cidadanía, senón que incrementa o gasto de auga, xa que a maior consumo maior beneficio. Ademais, en moitas ocasións a actividade das concesionarias é pouco transparente. Finalmente, chámase a atención sobre a necesidade de que os beneficios xerados polo subministro de auga revertan na súa totalidade na mellora do servizo, algo que se podería asegurar cunha xestión pública, no canto de servir para engrosar os beneficios de grandes corporacións.