O Primeiro de Maio da non recuperación en Galicia

A cidadanía ateiga unha manifestación en Galicia CC-BY CIG

Galicia afronta un novo Primeiro de Maio entre as proclamas de "recuperación" que chegan desde o Goberno central e desde a Xunta e os datos que evidencian o estancamento da economía galega, a precariedade e temporalidade no emprego e un mercado laboral cun comportamento aínda peor que o do conxunto do Estado. 

Así, e segundo os últimos datos da EPA, a destrución de emprego en Galicia duplica a do Estado, tras caer a cifra de ocupados en case 13.000 persoas no primeiro trimestre do ano e quedar por debaixo do millón. Ademais, o paro disparouse en case 12.000 máis e o número de fogares con todos os seus membros parados aumentou en 6.500 alcanzando xa os 94.900.

A destrución de emprego en Galicia duplica a do Estado e o país é o que menos crece de toda España

Ao tempo, descende a cobertura e protección e tan só un terzo das persoas sen traballo cobra algunha prestación. O emprego a tempo parcial por obriga disparouse un 85% no país nos últimos cinco anos, cunhas 100.000 persoas traballando a media xornada por non poder atopar un emprego a xornada completa. E mentres, a economía galega queda á cola do crecemento, cun incremento do PIB do 0,5% no pasado ano, case un punto inferior á media estatal e o peor dato de entre todos os territorios do Estado. 

Son estas e outras moitas cifras as que levan os sindicatos a insistir na necesidade, máis ca nunca, de saír á rúa o vindeiro venres. A CIG presentou xa as manifestacións, que percorrerán Galicia baixo o lema Contra a pobreza, emprego e Salarios Digno e achega precisamente datos que aclaran que desde que comezou a crise no país non só se perderon milleiros de empregos, senón que se produciu "un empobrecemento xeralizado da clase traballadora". 

A CIG advirte que en Galicia hai en realidade arredor de "medio millón de parados e paradas"

O seu secretario xeral, Suso Seixo, destacou que o único tramo de asalariados que medrou nos últimos anos foi o que cobra a metade do salario mínimo e lembrou tamén que hai máis de 177.000 persoas que son consideradas como "ocupadas" nas estatísticas pero cuxos ingresos brutos son inferiores a 1.872 euros ao ano. "Con 150 euros brutos ao mes non podemos consideralas empregadas”, advertiu quen cre que a eses 275.700 desempregados que sitúa a EPA habería que engadir preto de 200.000 máis. "Estariamos falando de medio millón de parados e paradas", engade quen advirte tamén da parcialidade provocada polas "reformas laborais de PP e PSOE" e dun modelo económico que “aboca a clase traballadora a unha situación de pobreza mesmo tendo emprego”.

A CIG sairá á rúa en doce localidades, con manifestacións nas sete cidades e nas principais vilas do país, e cunha principal, a que se celebrará en Vigo ás 11.30 horas desde a Doblada. Tamén na cidade olívica, o autodenominado sindicalismo "alternativo" celebrará a súa mobilización nacional, aínda que desenvolverá outra marcha desde as 11 da mañá na praza de Fernando o Católico. 

O sindicalismo "alternativo", organizada arredor das Marchas da Dignidade, cre que "sobran os motivos para a mobilización"

As centrais organizadas arredor das Marchas da Dignidade (CUT, CNT, CGT, STEG, Sindicato de Xornalistas, Sindicato Ferroviario ou Sindicato de Elevación) advirten que neste Primeiro de Maio "sobran os motivos para a mobilización" e "continuar na loita contra a corrupción xeralizada, a privatización dos servizos públicos, a miseria enerxética ou a falta de vivendas". 

 

"Xa abonda desta ditadura disfrazada de democracia"

No manifesto conxunto, censuran unhas reformas laborais que conseguiron "o obxectivo dos empresarios de ter traballadores sen dereitos" e un modelo co que "seguen aumentando os beneficios dos banqueiros e capitalistas a costa do sufrimento e miseria da meirande parte da poboación". Para as Marchas da Dignidade, "chegou o momento de dicir que xa abonda desta ditadura disfrazada de democracia" e cren que é un "estado de excepción" aquel no que se desaloxa as persoas das súas casas violentamente, se corta a luz ou a auga ou cando non hai "ningunha estabilidade laboral e o despido depende só da vontade do empresario". 

Os sindicatos "alternativos" insisten ademais na "necesidade da acumulación de forzas, a unidade da clase obreira e os sectores populares". "De non ser así, non poderemos asinar o certificado de defunción deste capitalismo feroz", din quen volven reclamar "pan, traballo e teito". 

UGT e CCOO saen á rúa para denunciar unha suposta saída da crise que "impulsa un capitalismo máis agresivo e deprime as condicións laborais"

Pola súa banda, UGT e CCOO desenvolverán de novo conxuntamente as súas manifestacións baixo o lema Así non saímos da crise. Ambos os dous sindicatos destacan que o marco baixo o que se celebra este novo Día Internacional do Traballo é o da "certeza dede que as políticas aplicadas desde 2010 alimentaron en Galicia, en España e en toda Europa unha recesión de devastadores efectos sobre o emprego, a cohesión social e a calidade de vida da cidadanía". "Pretendeuse saír da crise impulsando un capitalismo máis agresivo, deprimindo as condicións laborais, recortando os servizos públicos e os sistemas de protección social", lembran as centrais, que rexeitan "rotundamente estas políticas de austeridade e recortes que mostraron sobradamente o seu fracaso".

"É imprescindible cambialas e aplicar unha nova estratexia de saída conxunta da crise, que reduza as desigualdades, incremente as oportunidades económicas e de vida digna da maioría social, dentro dun marco de liberdades democráticas plenas", lembran Comisións e UGT, que sairán á rúa nas sete cidades, ademais de en Viveiro e Vilagarcía, e que levará a cabo a súa manifestación central na Coruña, ás 12 desde a praza da Palloza.

Cabeceira da manifestación de CC.OO. e UGT en Vigo © Juan Martínez
Acto das Marchas da Dignidade en Vigo © Marchas da Dignidade - Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.