Os traballadores e traballadoras galegas do Rexistro Civil manifestaranse este xoves ás 20 horas en Compostela contra o proxecto do Goberno central de privatizar este servizo, que pasaría a ser xestionado polos rexistradores mercantís e da propiedade. A pesar de que hai dúas semanas o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, anunciou a paralización da reforma, os representantes da Plataforma Galega en Defensa dun rexistro público continúan adiante coas súas mobilizacións, e alertan de que a paralización é só "conxuntural" e que "o ministro de Xustiza non desistiu de privatizar o rexistro".
Pablo Nieves, portavoz adxunto da Plataforma, destaca que o principal motivo da paralización do proxecto é a resistencia e as presións dos propios rexistradores da propiedade, que esixen maiores compensacións ou un maior desenvolvemento do actual proceso de dixitalización da base de datos do rexistro. Ademais, alerta de que "o anuncio do ministro tivo un efecto desmobilizador": "A xente escoitou que se paralizaba a reforma e pensou que xa estaba amañado. Pero é unha paralización conxuntural", repite.
"A informatización do rexistro civil custou 140 millóns de euros, que pagamos entre todos, para darllo agora de balde aos rexistradores. E mesmo así, eles esixen que se complete o proceso"
"Hai partes importantes do rexistro que aínda non están dixitalizadas, practicamente todos os concellos que teñen menos de tres mil habitantes, ou todos os asentos rexistrais anteriores a 1950", explica. "Non é o mesmo que un rexistrador da propiedade xestione o rexistro civil con todos os datos dixitalizados, e que lle dea a un botón, saia impreso un documento e que por iso cobre 12 euros, que que teña que andar buscando un documento do ano 1901 nun arquivo. Para a xestión dunha herdanza ou para a procura de fes de vida este tipo de documentos son necesarios", di. "A informatización do rexistro civil custou 140 millóns de euros, que pagamos entre todos, para darllo agora de balde aos rexistradores. E mesmo así, eles esixen que se complete o proceso", engade.
O outro factor que explica a paralización anunciada por Rafael Catalá é a proximidade das eleccións municipais
O outro factor que explica a paralización anunciada por Rafael Catalá é a proximidade das eleccións municipais. O rexistro civil é un servizo moi importante para moitos Concellos, e moitos alcaldes -mesmo do Partido Popular- posicionáranse publicamente en contra dunha reforma que podería obrigar os seus veciños e veciñas a desprazarse ata as cidades e grandes vilas para a realización de trámites sinxelos. "É un servizo moi inmediato, que funciona ben e a xente valórao", destaca Pablo Nieves. "Por moito que diga o ministro que o servizo estará accesible dende calquera lugar a través da plataforma dixital que quere desenvolver, de momento iso non é posible. A xente está afeita a ir ao seu Concello a solicitar un documento, e no mesmo día xa o ten. Esa inmediatez non lla vai dar unha plataforma informática. Hai moitas persoas que non teñen acceso a Internet ou que non se manexan ben coas novas tecnoloxías", di.
"Esta reforma aféctalles aos cidadáns, non lles afecta aos funcionarios do rexistro, porque como funcionarios pertencen ao corpo de Xustiza e non van perder o seu traballo"
A manifestación convocada pola Plataforma partirá da Alameda de Santiago de Compostela ás 20 horas e rematará na Praza do Obradoiro, onde se lerá un manifesto. Á marcha uniranse 12 coches de funerarias que se uniron á loita en defensa do Rexistro Civil. Nieves subliña que máis alá desta manifestación, a actividade da plataforma continuará nas vindeiras semanas e meses, por exemplo so traballo de recollida de apoios para a Iniciativa Lexislativa Popular impusada por CC.OO. e que xa supera as 100.000 sinaturas. "Estamos tendo unha aceptación moi boa. A xente está entendendo moi ben as razóns desta mobilización e os efectos da reforma. Porque esta reforma aféctalles aos cidadáns, non lles afecta aos funcionarios do rexistro, porque como funcionarios pertencen ao corpo de Xustiza e non van perder o seu traballo. Pero estanse mobilizando porque consideran que este é un servizo que hai que defender", afirma.
"As taxas non redundaron en beneficio da cidadanía, a xustiza é aínda máis lenta que antes, porque cada vez hai menos medios e funcionarios"
"Un servizo privatizado non é un mellor servizo" -engade- "É un servizo que é máis caro e que dificulta esa inmediatez que hoxe ofrece o rexistro civil. Se se privatiza, isto non estaría asegurado". Nieves compara o efecto da privatización do rexistro coas taxas impostas para o acceso á Xustiza: "As taxas non redundaron en beneficio da cidadanía, a xustiza é aínda máis lenta que antes, porque cada vez hai menos medios e funcionarios. O cidadán tivo que pagar dúas veces pola xustiza, nos seus impostos e nas taxas, e non ten un mellor servizo". "Eses 500 millóns de euros que se recadaron en taxas xudiciais en 2014 son un terzo de todo o orzamento de Xustiza para 2015", engade. "No rexistro civil, o mesmo" -conclúe- "A reforma vai mellorar o servizo? Non, só vai beneficiar un grupo moi pequeno de profesionais liberais, os rexistradores".
Unha posible privatización tería, ademais, efectos sobre a privacidade dos datos dos cidadáns e cidadás
Unha posible privatización tería, ademais, efectos sobre a privacidade dos datos dos cidadáns e cidadás, e a ausencia de filtracións ás empresas non estaría garantida, alerta: "Os datos da cidadanía van ser xestionados por unha empresa privada. Córrese o risco de que se perda o control da custodia de datos. Pensemos na importancia que para un seguro privado pode ter a información sobre os antecedentes familiares de defunción dunha persoa".