Mariñeiros galegos que traballaron durante anos en buques noruegos e que non reciben prestación social ningunha malia ter pagado impostos naquel país manifestáronse este xoves de novo, desta vez en Compostela, para reclamar que o Executivo central demande a Noruega ante o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo.
Os mariñeiros galegos que non cobraron prestación social ningunha reclaman que o Goberno central demande a Noruega
Os manifestantes, agrupados na asociación de ex mariños Long Hope, denuncian que Noruega "violou" a acta europea de dereitos humanos durante 40 anos. Son 12.000 afectados, dos que 8.000 son galegos. Ante a situación, e fartos de promesas incumpridas, aiman a boicotear os produtos noruegueses en España "ata que devolva os dereitos sociais aos mariñeiros que traballaron 40 anos nos seus barcos".
A asociación dos ex mariños afectados pide a Feijóo que se implique en "axudar a súa xente"
Durante a súa marcha, os ex mariñeiros pediron a Feijóo que se implique en "axudar a súa xente" e malia que cren que a Xunta "xa empeza a mover ficha", consideran tamén que aínda non fixo nada "positivo" por eles. Alberto Paz, voceiro da asociación, aclarou a Praza que a asociación ten xa "a denuncia na man" para "presentar ante os tribunais de Noruega" en canto consideren. Agardan, non obstante, que a demanda se presente desde a Administración do Estado ou que o Goberno chegue a un acordo co país nórdico, para o que esperan a colaboración e axuda do Executivo galego.
Asuntos Exteriores recibirá os afectados, que acudirán xunto Xosé Manuel Carril, experto que demostra nun informe que o Estado gañaría a demanda
"Mentres non haxa solución, seguirémonos manifestando, cando menos catro veces ao mes", insiste Paz, que anuncia unha nova mobilización ante na Coruña o vindeiro día 22. Ademais, anuncia que o Ministerio de Asuntos Exteriores vai recibir a asociación de mariñeiros afectados o vindeiro día 27. Segundo di, nesa xuntanza estará tamén Xosé Manuel Carril. O profesor, voceiro do BNG na Coruña e candidato á alcaldía é un dos maiores expertos no réxime laboral especial no mar. O seu informe sobre a situación dos mariñeiros en Noruega ratifica a posición de Long Hope. Alí aclárase a coincidencia coa demanda dos mariñeiros e mesmo coa Comisión Europea, sinalando a inxustiza social de non ter cobrado a pensión ao non ter en conta Noruega que os buques onde traballaban non son máis que un cacho de terra do pavillón cuxa bandeira leve. Xa que logo, o Estado gañaría a demanda se acude ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH) -tal e como lle reclaman-, unha demanda que tamén se podería presentar de maneira particular.
O caso é que o Parlamento galego xa acordou por unanimidade -e tras iniciativa do BNG- instar o Goberno central a que interpoña unha demanda contra Noruega por discriminar os mariñeiros galegos embarcados nos seus buques ao exixirlles a residencia para a súa inclusión no sistema de Seguridade Social. O Estado gañaría esa demanda, segundo o profesor Xosé Manuel Carril. E iso é o que lle van lembrar ao Goberno central, que aínda non presentou denuncia ningunha para arranxar un problema que dura demasiados anos.