Volveu suceder. Con atrancos ata última hora, con cambio de tempo e ata con inéditos problemas de tráfico. Milleiros de persoas retornaron ás rúas de Compostela para celebrar e defender a lingua galega. Convocadas pola Plataforma Queremos Galego e dispostas a exercer de parapeto "contra os ataques" ao idioma chegaron de diversos puntos do país para asolagar as rúas do centro da capital, polas que avanzaron contra o vento e mesmo contra máis dun vehículo estacionado en dobre liña de aparcadoiro a escasos metros de axentes da Policía Local. E é que a cuestións de intendencia non foron menores na reivindicación do galego no Día das Letras do 2012. Menos de vinte e catro horas antes do inicio da marcha un xulgado tivo que garantir o seu normal desenvolvemento e a súa conclusión no palco instalado nunha Praza da Quintana que rebordou notablemente.
"Non queren que saia nos medios" e por iso "o Concello non deixa subir os fotógrafos" ao escenario, alertaba o presidente d'A Mesa e voceiro da plataforma organizadora, Carlos Callón, entre apupos dirixidos ás autoridades locais. Ben distinta foi a reacción ante a presenza do lector e autor do manifesto Voares de Esperanza, que lle puxo letra á manifestación. Coa voz calma de quen se sente querido Fernández Paz converteu a Quintana no salón dun fogar de milleiros de persoas que o escoitaron con respecto defender "a lingua de noso". "Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas", proclamou un dos escritores máis laureados da literatura galega. A protección do idioma debe vir tamén acompañada de "alegría", subliñou, para "desmontar na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego".
Fernández Paz aposta pola "alegría" para "desmontar na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias"
As verbas de Agustín Fernández Paz resumían boa parte dos sentimentos de quen este xoves percorreron o centro de Santiago. "Levo vindo moitos dezasetes, e os que veñan", sorría o músico Roberto Sobrado ao inicio da marcha, na Alameda, onde colectivos sociais, educativos, sindicais e políticos puñan en formación as súas faixas mentres as gaitas e os bombos xa dotaban á xornada de festiva banda sonora. Primeiro, a simbólica pancarta principal, sostida por diversos representantes do mundo da cultura e que pode ser tamén adoptada como metáfora das reclamacións do día. O seu texto viña reivindicar a vixencia dun artigo do Estatuto de Autonomía que as polémicas do ex Valedor do Pobo converteron en símbolo, o 5.1: "o galego é a nosa lingua propia". A continuación, a faixa das entidades promotoras de Queremos Galego e despois, unha infinidade de símbolos, faixas e bandeiras dun amplo abano político e social. O BNG e a súa organización de mocidade, Galiza Nova, as Xuventudes Socialistas, o Encontro Irmandiño, A Mesa, Esquerda Unida, Nova Escola Galega, a CIG, o STEG... pluralidade de siglas espalladas entre non poucos carteis de fabricación artesanal que lembraban retranqueiramente o Goberno galego. E ao fondo, o sonoro "bloco laranja", formado por entidades e persoas partidarias do reintegracionismo e na mesma zona a AGAL, acompañada polos sonoros tambores do Trópico de Grelos.
"Non cansaremos de berrar o evidente"
"A lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel", relatoulle Fernández Paz aos congregados na Quintana. Quizais dende a consciencia de que moitos dos presentes levan un bo número de anos de militancia, no máis amplo sentido do termo, na defensa da lingua, o escritor chairego lanzou unha advertencia para aleń da praza: "Non cansaremos de berrar o evidente", sinalou. "Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo". "Arriba, corazóns galegos!", animou, parafraseando a Valentín Paz Andrade.
Callón lembra os "190.000 libros" desbotados pola Xunta só "por estaren escritos en galego"
E se algo non houbo foi desánino tanto nas rúas polas que transcorreu a mobilización como no acto final. "Na Galiza, en galego, na escola, en galego, na universidade, en galego", reclamaba enerxicamente un grupo de mozos. Moi próximos a eles unha pancarta caseira lembraba o titular de Educación, Jesús Vázquez, e as súas polémicas enquisas: "despois de hacer esto imos a prejuntar si los mozos queren matemáticas", declaraba o paródico conselleiro dende as alturas. Pero non foi Vázquez o único alto cargo lembrado na protesta. O presidente da Xunta que, en verbas do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, "se dedica a poñer flores á lingua galega" mentres "fai o posíbel e imposíbel para que o noso idioma non poida tirar para adiante", ou o alcalde de Santiago, Ángel Currás, foron tamén branco dialéctico dos asistentes e tamén de Callón na súa intervención final.
Coa actriz Iria Sobrado como condutora do acto o presidente d'A Mesa fixo balance por tres anos de xestión do Executivo encabezado por Feijóo, a quen lle atribúe a intención de procurar que "so un idioma", o castelán, "teña dereitos" en Galicia. Os "190.000 libros" retirados do ensino "por estaren escritos en galego", o gasto de "máis de catro millóns de euros" en reformas lingüísticas ou a "censura" ao manifesto do Correlingua foron algúns dos fitos máis apupados nunha marcha da que, censura Callón, apenas se ocuparon os medios públicos e non precisamente por desexo dos seus profesionais. Con todo, non todo é negativo para o idioma, subliña o tamén voceiro de Queremos Galego, quen dedicou unha especial mención aos "medios de comunicación que devolven a pluralidade ao noso país", como Dioivo, Sermos Galiza e Praza Pública, citou.