Descende a taxa de risco de pobreza, pero crecen as dificultades para chegar a fin de mes

% de galegos e galegas con dificultades para chegar a fin de mes © INE

O INE publicou este martes a súa enquisa de condicións de vida correspondente ao ano 2014. Os seus datos amosan un descenso da taxa de risco de pobreza (a proporción de poboación con ingresos por debaixo do 60% da media) en Galicia, que pasa do 17,2% ao 15,4% e sitúase sete puntos por debaixo da media española. Tan só Navarra, Euskadi e Madrid presentan datos menores, mentres que Murcia, Andalucía ou Estremadura presentan taxas por riba do 30%. Tamén descende a taxa de risco de pobreza e exclusión social, que incorpora ademais dos ingresos outros criterios relacionados coa carencia material de determinados elementos ou a falta de emprego; neste caso, sitúase en Galicia no 23,8%, unhas décimas por debaixo dos datos de 2013, pero aínda por riba das cifras de 2010 e 2011. Neste caso a diferenza entre Galicia e a media estatal é menor, de menos de dous puntos.  

Pola contra, hai outros indicadores máis negativos para Galicia e que ofrecen un contraste claro. Aumenta, por exemplo, a porcentaxe de galegos e galegas que non pode manter as súas vivendas a unha temperatura axeitada. É xa o 14,1%, crecendo dende o 12,2% de 2013 e o 7% de 2012. Outros indicadores de carencia material tamén se manteñen en niveis elevados; por exemplo, o 55,3% dos galegos e galegas afirma que non pode permitirse viaxar de vacacións unha semana ao ano, unha porcentaxe inferior á de 2013 (59.2%) pero superior ás dos anos anteriores de crise. De igual xeito, o 36,5% afirma que non pode permitirse enfrontar gastos imprevistos, a mesma proporción do pasado ano e aínda nos niveis máis elevados de todo o período de crise. Nestes indicadores, a situación de carencia material dos fogares galegos sitúase máis ou menos nos niveis medios do Estado.

  2009 2010 2011 2012 2013 2014
Risco de pobreza 20.6 18.1 16.1 18.3 17.2 15.4
Risco de pobreza e exclusión social 24.6 22.7 21 23.8 24.3 23.8

Porcentaxe de persoas en risco de pobreza e exclusión social en Galicia. Fonte: INE

 

De igual xeito, increméntase o número de galegos e galegas que afirman chegar con dificultades ou con moitas dificultades a final de mes. As persoas que din pasar por moitas dificultades son xa o 21,5%, catro puntos máis que o ano pasado e máis do dobre das de antes da crise. O dato galego, neste caso, é peor que a media española (17,5%). De feito, a suma das persoas con dificultades e moitas dificultades é xa do 41,4%, cando en 2008 eran o 27,4%. Tan só en Murcia, Andalucía, Canarias, Estremadura e a Comunidades Valenciana hai máis persoas que din chegar a final de mes con estas dificultades.

No último ano, semella que unha parte da poboación si sentiu unha certa mellora económica, e neste senso creceu a porcentaxe de persoas que din chegar con facilidade a fin de mes. Son o 11,5% dos galegos e galegas (en 2013 eran o 5,9%), unha proporción semellante á de 2008.

  2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014
Dificultade/ Moita dificultade 27.4 32.6 29.9 29.2 30.9 37.7 41.4
Certa dificultade / Certa facilidade 61.2 54.4 57.2 59.4 59.4 56.4 47.2
Facilidade / Moita facilidade 11.4 12.9 12.9 11.4 9.7 5.9 11.5

Dificultades para chegar a fin de mes dos galegos e galegas. En %. Fonte: INE

Taxa de risco de pobreza e exclusión social en Galicia © INE
% de galegos e galegas con dificultades para chegar a fin de mes © INE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.