Illa Pancha: Outro espazo público reconvertido para o lucro privado

Illa Pancha, en Ribadeo © Illa Pancha non se toca

O pasado venres o Consello de Ministros autorizou a conversión nun hotel do faro de Illa Pancha, en Ribadeo, no marco do proxecto Faros de España, que busca impulsar o desenvolvemento instalacións hoteleiras nos faros de toda a costa española. A actuación beneficiará a José Luis López Braña, un hostaleiro de Ribadeo que hai ano e medio se dirixira ao Ministerio de Fomento interesándose pola posibilidade que instalar alí un establecemento deste tipo.

Porén, a noticia espertou dende o primeiro momento unha gran polémica e oposición, sobre todo en Ribadeo e na súa comarca. Cuestiónase sobre todo a utilización para o lucro privado dun espazo público (aínda que pechado na actualidade), unha práctica que tamén xerou debate e rexeitamento recentemente no castelo de Monterrei, no parque de Bens (A Coruña) ou nos montes de Cabral (Vigo). En poucos días creouse unha petición online e un grupo de Facebook que supera xa as 2.500 adhesións. 

Denúnciase que "con este proxecto non só se está negando a democratización dun espazo que pertence a todos, senón que se abrirá o camiño para a degradación dun enclave único. Todo iso sen falar do significado que posúe o faro en si mesmo para os ribadenses como símbolo, e parte do seu patrimonio". Sinálase ademais que a actuación non respecta "o carácter do edificio nin o feito de atoparse nun entorno privilexiado", cualificada "como solo rústico de interese paisaxístico". Chámase a "conservar a esencia" de Illa Pancha, subliñando que "un faro, ademais dunha construción, é un lugar máxico, un símbolo, un monumento aos homes do mar, e, polo tanto, non vendible e público".

Demandan "que se abra o espazo ao público, pero que non se utilice a súa apertura para a creación de ningún negocio pasando por riba dos dereitos do pobo ribadense e atentando contra a propia natureza"

Dende este espazo de denuncia aberto nas redes faise un chamamento "a todas as organización, asociacións e demais colectivos, así coma aos partidos políticos, para que apoien este reclamo da cidadanía: que a nosa Illa Pancha siga sendo nosa". Demandan "que se abra o espazo ao público, pero que non se utilice a súa apertura para a creación de ningún negocio pasando por riba dos dereitos do pobo ribadense e atentando contra a propia natureza".

O proxecto prevé reconverter o antigo faro (que estivo en servizo entre 1860 e 1983) nun hotel que contará unicamente con dúas habitacións, dúas suites de 40 metros cadrados. Ademais, instalarase unha cafetaría aberta ao público. O obxectivo é que o complexo poida estar operativo xa o 6 de decembro, inicio da Ponte da Constitución

Porta de acceso a Illa Pancha © Illa Pancha non se toca
Illa Pancha, en Ribadeo CC-BY-NC-ND P.Sole

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.