O complexo marco para a lexislación sobre a prostitución

Fotograma de Las Elegidas, filme sobre a trata de brancas CC-BY-SA eldiario.es

“A igualdade de xénero será inalcanzable mentres os hombres compren, vendan e exploten mulleres e nenas”

Exposición de motivos da lei abolicionista sueca

Prostitución sería aquela actividade á que se dedica quen mantén relacións sexuais con outras persoas a cambio de diñeiro. Porén, o historiador Francisco Vázquez García afirma que para completar a definición é preciso facer referencia a que o feito de que certas condutas na nosa sociedade sexan caracterizadas como actos de prostitución non depende das condutas en si mesmas senón do xeito de percepción e definición social das mesmas. O historiador sostén que estas definicións non son invariables, senón que mudan dunha sociedade a outra e dun período a outro

Un bosquexo da industria do sexo

O último informe da ONU sinala que uns catro millóns de persoas se prostitúen cada ano no mundo, retribuíndo á industria do sexo uns sete billóns de dólares anuais. O organismo estima que dúas terceiras partes das ganancias son xeradas pola explotación sexual forzosa. Estes datos situarían á industria do sexo como o terceiro negocio máis lucrativo do mundo, detrás do tráfico de armas e o de drogas.

A industria do sexo sería o terceiro negocio máis lucrativo do mundo, detrás do tráfico de armas e o de drogas.

No caso do Estado Español, un informe de 2007, elaborado pola Comisión Mixta dos Dereitos da Muller do Congreso dos Deputados indica que existen unhas 300.000 mulleres que exercen a prostitución no Estado Español. Ben é certo que, dada a súa situación actual á marxe da lei, é difícil asegurar cifras exactas. A Asociación Nacional de Empresarios de Locais de Alterne (ANELA) calcula que esta cifra se achega máis ás 400.000 traballadoras sexuais. Un estudo da Junta de Estremadura calculou, no 2005, que a cifra estaba en 500.000.

Unha das principais entidades que se dedican á protección da muller prostituída, APRAMP, sitúa tamén en 300.000 mulleres a cifra. A asociación tamén calcula que un 20% das prostitutas levan a cabo a súa tarefa na rúa, mentres que o resto faino nalgún dos case 4.000 clubs, casas ou prostíbulos que se cre que existen en España.

ANELA calcula que, coa legalización da prostitución, a Axencia Tributaria podería recadar 2.880 millóns de euros ao ano

ANELA calcula que, coa legalización da actividade, a Axencia Tributaria podería recadar 2.880 millóns de euros ao ano. Para a Tesourería da Seguridade Social, se o calculo se realiza coa cota oficial vixente para os empregados por conta propia, o ingreso roldaría os 1.100 millóns de euros, estimando a existencia de 400.000 prostitutas. 

Situación legal no Estado Español

A situación á que se enfrontan as traballadoras do sexo é de alegalidade e incertidume. Nunha rúa poden multalas e, se cruzan á seguinte, noutro municipio, se cadra non. Tampouco é o mesmo que estean en Cataluña ou en Galicia ou que a estrada sexa estatal ou autonómica…

O exercicio da prostitución no Estado Español non é delito. Éo o proxenetismo (lucrarse da prostitución de terceiras persoas) e a trata co propósito de explotación sexual. O baleiro xurídico neste eido favoreceu que proliferen ordenanzas municipais que prohíben expresamente “ofrecer, solicitar, negociar ou aceptar servizos sexuais mediante pago” na vía pública tanto como sentenzas xudiciais que recoñecen os dereitos laborais das prostitutas.

O exercicio da prostitución no Estado Español non é delito. Éo o proxenetismo (lucrarse da prostitución de terceiras persoas) e a trata co propósito de explotación sexual.

No ámbito autonómico, a Generalitat de Cataluña modificou a lei para que os Mossos poidan sancionar a clientes e meretrices na rúa con ata 30.000 euros se negocian servizos na rúa. A polémica medida leva aparellada a creación dun ficheiro que inclúe o nome, o DNI, a dirección, a data de nacemento, a nacionalidade de clientes e prostitutas sancionadas.

A Generalitat de Cataluña modificou a lei para que os Mossos poidan sancionar a clientes e meretrices na rúa con ata 30.000 euros se negocian servizos na rúa

Para a profesora de Ciencias Políticas Marta Lois é preciso avanzar nunha normativa estatal  “que supere a  polarización abolicionismo versus regulación e que dea conta de que as mulleres que exercen a prostitución son titulares de dereitos fundamentais que deben ser protexidos e que teñen plena capacidade para expresar as  súas demandas nas cuestións que lles afectan directamente”.

Minifundios no norte, latifundios no sur

O consumo de sexo de pago é xeneralizado en todo o Estado Español. Porén, curiosamente, a industria sexual adopta un modo similar ao da distribución da propiedade da terra. No centro e noroeste hai minifundios mentres que no sur e este desprégase un modelo de grandes macroclubs e macrochalés.

A industria sexual adopta un modo similar ao da distribución da propiedade da terra. No centro e noroeste hai minifundios mentres que no sur e este desprégase un modelo de grandes macroclubs e macrochalés

En comunidades como Aragón, Castela e León, Asturias ou Galicia existe unha ampla rede dispersa de clubs de estrada de pequeno e mediano tamaño que caracterizan a paisaxe periurbana. Adoitan pertencer a un propietario “nativo” que posúe entre un e catro clubs na localidade. A xestión é similar á dunha empresa familiar: os empregados son veciños e o dono encárgase do reclutamento das mulleres. Os clubs están integrados na vida municipal a través do patrocinio de algún club de fútbol ou outro tipo de actividades locais.

Pola contra, a industria do sur, sobre todo nas zonas turísticas de Andalucía, responde a un modelo de grandes macroclubs que pertencen a unha cadea de negocios de alterne. Adóitanse situar na periferia das grandes cidades e posúen un sistema de emprego máis complexo, formado por empregados estranxeiros (seguridade, camareiros, encargados, etc.) e cunha maior diversidade étnica das mulleres en prostitución

Algúns datos do caso galego

As profesoras universitarias Águeda Gómez Suárez, Silvia Pérez Freire e Rosa María Verdugo Matés levaron a cabo tres estudos sobre o fenómeno da prostitución en Galicia, no 2005, no 2009 e no 2011.

Como resultado destas investigacións, elaboraron unha tipoloxía de clientes en función dos seus discursos entorno á prostitución: misóxino (obxectualiza a muller), amigo (humaniza a muller), consumista (visión mercantilista) e crítico (considera un abuso o consumo pero viuse arrastrado por un grupo social de amizade).

Asemade, contabilizáronse o número de clubs, pisos e barrios de prostitución. 241 clubs de alterne, divididos en 57 na Coruña, 36 en Lugo, 46 en Ourense e 102 en Pontevedra. Tamén se identificaron 323 pisos de contactos: A Coruña 49, Lugo 21, Ourense 25 e Pontevedra 228. Estes espazos son moito máis inestables que os clubs e a rotación de mulleres en prostitución moito máis elevada. Canto aos barrios de prostitución, a actividade baixou considerablemente polas reformas nos inmobles das zonas antigas das cidades historicamente vinculadas coa prostitución. En Galicia o exercicio da prostitución realízase de xeito maioritario por estranxeiras e as brasileiras ocupan máis dun 80%.

 

En Galicia a maioría das prostitutas son estranxeiras, representando as brasileiras un 80%

Canto ás ONG´s que traballan no ámbito da prostitución, e que tiveron un papel importante no estudo do 2011, sinalaron que aparecen con frecuencia casos de trata e recoñecen as dificultades que teñen as mulleres para denunciar dada a súa desprotección. Sinalan tamén que a maioría son estranxeiras e que todas elas son vítimas de necesidades económicas e sociais, sendo poucos os casos de mulleres galegas. Neste perfil adoitan ser drogodependentes ou maiores sen unha rede social de protección que exercen na rúa. Os perfís de cliente son múltiples e é habitual que as mulleres en prostitución comenten que políticos e profesionais de prestixio consuman estes servizos.

Ideoloxía e moral

As respostas á prostitución parten de presupostos morais e ideolóxicos, que se traducen nas claves, xa clásicas, da legalización, a regulación e a abolición. O punto de vista moral tradicional e conservador, divide ás mulleres en boas ou decentes e malas ou dexeneradas. O seu puritanismo conduce a responsabilizar á muller prostituída da súa situación, á vez que entende que o varón ten que satisfacer certas necesidades biolóxicas, para o que ten que recorrer a prostitutas.

A moral conservadora divide ás mulleres en boas e malas. O seu puritanismo responsabiliza á muller prostituida da súa situación

Mantén a xerarquía do home sobre a muller, á que se lle reserva o papel de muller e nai. As súas alternativas á prostitución son: manter a prostitución nunha situación de marxinalidade, apartándoa da vista da sociedade. Porén, hai quen dentro desta opinión prefiren legalizala con vistas ao control sanitario e á obtención de beneficios económicos.

A crítica progresista á moral tradicional denuncia a hipocrisía da marxinación das mulleres prostituídas grazas ao puritanismo da moral tradicional. En cambio, cren que se trata dunha cuestión de liberdade sexual, polo que trata de regularizar a prostitución, sen estudar as relacións entre esta e o crime organizado, baseándose na vontade da
muller de entrar e quedar nesta situación. A súa alternativa é a normalización económica e comercial, acompañada de medidas de axuda sanitaria, psicolóxica e de opinión, para evitar la marxinación social.

A alternativa da crítica progresista é a normalización económica e comercial da prostitución, acompañada de medidas de axuda sanitaria, psicolóxica e de opinión, para evitar a marxinación social

Quen teñen intereses comerciais no mundo da prostitución argumentan principalmente que é un lucrativo negocio que legalizado aportaría seguridade económica ás
prostitutas e grandes ingresos tributarios ao Estado
. Coa fin de dar aparencia de normalidade á súa actividade, moitos propietarios de prostíbulos lograron legalizar a súa asociación, ANELA, e defenden a exclusión de menores e drogas nos seus negocios. Basean a súa actividade na libre vontade da prostituta, do cliente e do empresario dos clubs de alterne que configuran unha relación laboral ou empresarial máis. A súa alternativa é a legalización.

Quen teñen intereses comerciais no mundo da prostitución argumentan que é un lucrativo negocio que legalizado aportaría seguridade económica ás prostitutas e grandes ingresos tributarios ao Estado


O punto de vista asistencial entende que a prostitución ten a súa causa na explotación e na violencia sobre a muller e as minorías sexuais, polo que dedican grandes esforzos para paliar os efectos desta explotación. A súa alternativa enmárcase entre a prohibición e certas medidas regulatorias de segunda orde, especialmente sociais e económicas. A súa función é principalmente paliativa.

O punto de vista asistencial entende que a prostitución ten a súa causa na violencia sobre a muller, polo que dedican grandes esforzos para paliar os efectos desta explotación

Por último, o feminismo de clase entende que a causa da prostitución é a discriminación e a violencia machista que sofre a muller, ao que se suma a exclusión
económica e social, cuestión agravada polo tráfico global de persoas que nutren os beneficios del crime organizado
. Critica o chamado “mercado del sexo”, ao significar este a maior obxectualización, ou consideración da muller como un mero obxecto. Outorgan dignidade á labor das prostitutas con expresións como “traballadoras do sexo".

A raíz da súa crítica non se basea en cuestións morais senón de discriminación económica, social e de xerarquización. A liberación sexual non pode prexudicar a miles de mulleres pobres e discriminadas, sendo normalmente o varón o beneficiario.

O feminismo de clase entende que a causa da prostitución é a discriminación e a violencia machista que sofre a muller, ao que se suma a exclusión, cuestión agravada polo tráfico global de persoas que nutren os beneficios del crime organizado.

A súa alternativa pasa pola abolición da prostitución e a penalización de proxenetas e clientes-prostitutidores, á vez que loita pola igualdade real e efectiva das persoas.

Neste debate, destacan as razóns que esgrimen los detractores da súa legalización ou despenalización  fronte a todo tipo de medida de amparo administrativo ou legal, sexa a pura legalización ou a esixencia de diversos controis administrativos ou sanitarios que dean aparencia de “normalidade”. Afirman que a eliminación de barreiras legais supón tamén a eliminación das barreiras éticas e sociais desta forma de escravitude. Ben é certo que non hai tantos anos o camiño cara á prostitución viña sinalado pola crueza económica pero hoxe é a adicción ás drogas e a condición de clandestinidade ás que se aboca ás inmigrantes indocumentadas as que marcan o itinerario á discriminación e marxinación social que gravan secularmente a estas mulleres. O grao de opresión e de actitudes coactivas sobre calquera persoa que se ve inmersa neste mundo, alcanza nas mulleres indocumentadas a categoría de pura e simple escravitude.

Que facer?

O marco no Estado Español é complexo, pois a falta de medidas estatais na lexislación da prostitución provocou unha xaula de grilos na que cada concello chía ao son que quere. Tampouco hai concienciación pedagóxica sobre os clientes nin outro tipo de pasos dados na senda da abolición. Os sucesivos gobernos tampouco tiveron a valentía de estudar o camiño da regulación. En xeral esta falta de contundencia nun ou noutro ámbito repercute negativamente nas prostitutas, provocando máis inseguridade e unha estigmatización do colectivo.

Para Lois “o debate entre as posturas abolicionistas e as regulatorias está en exceso polarizado e, en ocasións, impide posibilitar unha nova vía que impugne esta disxuntiva que xera confrontación  e atrancos para levar iniciativas neste campo".

Para a politóloga malia que “a legalización podería ser un instrumento de protección para as mulleres que exercen actualmente a prostitución, ao mesmo tempo, traería consigo a asunción pública e social dunha desigualdade que non axuda a súa desaparición como opción de vida que senón que a consagra”. Ao fío disto engade que  “a prostitución dá conta da desigualdade entre mulleres e homes e pon no centro a dimensión patriarcal e mercantilista da sociedade. Defender  a prostitución apelando  á suposta liberdade das mulleres para prostituírse é confundir a elección  coa ilusión da liberdade”.

"A legalización é un instrumento de protección para as prostitutas pero traería consigo a asunción pública e social dunha desigualdade que non axuda á súa desaparición como opción de vida que senón que a consagra"

Lois salienta que “a meirande parte das mulleres que exercen a prostitución atópanse nunha situación de gran vulnerabilidade social, e polo tanto a súa escolla está condicionada. Por outra banda, nun sistema que converteu a prostitución nun negocio multimillonario e global, normalizado, defender a libre elección da prostitución resulta un exercicio de esgrima ideolóxico complexo”.

"Nun sistema que converteu a prostitución nun negocio multimillonario e global, normalizado, defender a libre elección da prostitución  resulta un exercicio de esgrima ideolóxico complexo"

A profesora universitaria pon a prostitución en relación coas “migracións globais, co patriarcado na súa fase neoliberal, coa feminización da pobreza, cunha determinada construción da sexualidade e o seu efecto sobre as desigualdades de xénero é devastador”.

“O importante é propor accións e programas públicos para facilitar que aquelas mulleres que desexen deixar de exercer a prostitución podan facelo; é preciso unha alternativa encamiñada a promover o abandono de dito exercicio”, razoa Lois. “Os colectivos pro-legalización teñen  hoxe unha gran visibilidade pero  tamén  están presentes outros colectivos –asociación de exprostitutas- que   loitan por introducir na axenda política verdadeiras políticas de inclusión social e laboral para  garantir que as mulleres que non queiran exercer esa actividade poidan ter unha saída”.

“O importante é propor accións e programas públicos para facilitar que aquelas mulleres que desexen deixar de exercer a prostitución podan facelo; é preciso unha alternativa encamiñada a promover o abandono de dito exercicio”

Lois conclúe que “en definitiva,  son necesarias políticas públicas relacionadas  coa inclusión social, a inserción laboral, o acceso á vivenda, asesoramento  sobre recursos públicos que fagan posible un escenario”.

Hetaira é unha organización pro dereitos. Levan anos traballando con prostitutas. Unha das súas portavoces, Mamen Briz, explica que "non se precisan normas moi especiais para regular, senón que o que se precisa é dotar de dereitos laborais ás traballadoras do sexo. Iso no implicaría esa regularización porque as experiencias que hai, a nivel internacional, de regular, adoitan darse nos estados e sen escoitar as necesidades das prostitutas e deciden, uniteralmente, como se pode traballar, onde se pode traballar pero eluden a parte de dereitos laborais que é o que beneficia ás prostitutas desde o intre no que as consideras cidadás".

"Porque ti decretes que a prostitución estea abolida, vai seguir habendo persoas que procuren estes servizos"

Briz engade que "as únicas propostas abolicionistas que existen actualmente, porque a ideoloxía é unha cousa, pero a realidade outra, criminalizan os clientes, en moitas ocasións, tamén ás prostitutas e pensamos que é unha loita perdida, porque ti decretes que a prostitución está abolida, vai seguir habendo persoas que procuren eses servizos, é como matar moscas a cañonazos". Nesta liña argumenta que "sabemos que Suecia ten unha normativa abolicionista e as condicións de vida e traballo das mulleres foi un estrepitoso fracaso, veu a facerllo aínda máis difícil. A abolición implica unha maior clandestinización".

Briz sinala que "a día de hoxe hai moitas mulleres que erguen a voz para dicir “eu son prostituta” e son mulleres protagonistas das súas vidas e que reclaman os seus dereitos. Outra cousa é que, a sociedade, moralista, non lle guste isto e o negue".

"A día de hoxe hai moitas mulleres que erguen a voz para dicir “eu son prostituta” e son mulleres protagonistas das súas vidas e que reclaman os seus dereitos"

"A prostitución e a trata de persoas son 2 problemas moi diferentes que requiren medidas diferentes", di Briz. "Os gobernos non aplican medidas contra a trata de persoas e, o que é peor, non fan nada polos dereitos das mulleres que se ven nisto e o pouco que fan, fano mal. Por exemplo o goberno vén de dicir que non á xustiza universal cando sabemos que para as grandes redes de trata de persoas son precisas ese tipo de barreiras", engade.

"As condicións legais das prostitutas non lle preocupan demasiado ás autoridades, como tampouco as das traballadoras domésticas, que casualidade, case todas migrantes, que casualidade, case todas mulleres"

"As condicións legais das prostitutas non lle preocupan demasiado ás autoridades, como tampouco as das traballadoras domésticas, que casualidade, case todas migrantes, que casualidade, case todas mulleres. Estamos convencidas de que se foran cuestións masculinas isto estaría amañado desde hai tempo", conclúe a activista.

Anuncios de prostitución nun xornal Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.