Máis dun milleiro de camas hospitalarias permanecerán pechadas en Galicia este verán. Unha situación que se repite todos os anos e da que a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, responsabiliza ás vacacións do persoal sanitario, que fai imposible manter o nivel de actividade do resto ano.
O anuncio foi respondido de inmediatos polos sindicatos. CIG-Saúde sinalou que “o peche de camas é unha medida política que afonda no desmantelamento da sanidade pública" e que "o único que se consegue é paralizar, durante catro meses, a asistencia sanitaria pública, que é o seu obxectivo, facilitando a derivación de doentes á sanidade privada”. De igual xeito, CC.OO. criticou que a Xunta agardase a despois das municipais para concretar o peche e lembrou que 20.000 persoas que sairían das listas de espera se se mantivese a actividade durante o verán e non se pechasen camas. Mosquera respondeu a isto afirmando que "para operar estes pacientes fan falla profesionais especializados e con alta cualificación profesional e neste momento nas listas do paro, afortunadamente, no están eses profesionais".
CC.OO. criticou que a Xunta agardase a despois das municipais para concretar o peche e lembrou que 20.000 persoas que sairían das listas de espera se se mantivese a actividade durante o verán e non se pechasen camas
Neste senso CIG-Saúde denunciou que a Xunta opte por reducir servizos no canto de contratar máis persoal, entre os milleiros de persoas que se atopan nas listas de substitución. O sindicato lembra que neste momento hai máis de 7.000 enfermeiras e enfermeiros inscritos nas listaxes de contratación e que no pico máis alto de contratación traballan un 23,27%. Ademais, hai case 6.000 auxiliares de enfermería dos que só traballan o 21,45%; máis de máis 5.300 celadoras e celadores anotados e só traballan o 11,72%; máis de 3.000 de persoal de servizos xerais, dos que traballa o 3,80%, e máis de 1.000 técnicas e técnicos de laboratorio dos que só traballa o 9%.
Os traballadores denuncian que esta situación provoca "malestar" entre o persoal, pois "cada ano o parón estival axuda a que o sistema se retarde co conseguinte incremento en listas de espera e a sobrecarga de traballo no servizo de urxencias, así, como o acumulo de pacientes en salas e corredores esperando que se lles asigne unha cama para poder ingresar". Tamén o PSdeG-PSOE esixiu a comparacencia no Parlamento da conselleira Rocío Mosquera, considerando "temeraria" a medida e unha "burla" á cidadanía, e destacando que “os profesionais sanitarios teñen dereito a vacacións e as infraestrutura teñen que ser melloradas, pero iso non pode ir en contra do dereito á atención sanitaria de calidade da cidadanía”.
CIG-Saúde denunciou que a Xunta opte por reducir servizos no canto de contratar máis persoal, entre os milleiros de persoas que se atopan nas listas de substitución
En resposta ao peche de camas anunciado están sendo convocadas concentracións de protesta en varias cidades e vilas galegas. Por exemplo, en Vigo Sanitarios Galegos Públicos mobilizarase este mércores ás 12 horas no Hospital Nicolás Peña de Vigo. E as centrais sindicais con representación na Área Sanitaria de Ferrol faán o mesmo este xoves no vestíbulo do Hospital Arquitecto Marcide.