Galicia sofre ao día sete desafiuzamentos, o 60% deles por impago do aluguer

Protesta de Stop Desafiuzamentos en Santiago CC-BY-SA Merixo

As execucións hipotecarias descenderon en todas as comunidades autónomas do Estado no primeiro trimestre deste ano agás en dúas: Andalucía e Galicia. O país ve, xa que logo, como seguen aumentando os embargos de inmobles para a súa venda tras o impago dunha hipoteca. Un novo dato que desmente a suposta recuperación. Un drama e un evidente problema económico que non equivale sempre ao desafiuzamento dos seus propietarios, aínda que si é sempre o paso previo a esa posibilidade. Pero o caso é que tampouco os lanzamentos descenderon. 

Galicia sufriu máis de sete lanzamentos ao día durante o primeiro trimestre de 2015

Foron máis de sete os desafiuzamentos que de media se produciron cada día en Galicia durante o primeiro trimestre de 2015, segundo os datos facilitados polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Un total de 667, o que supón un lixeiro aumento do 0,16% respecto ao mesmo trimestre de hai un ano e 28 menos que o cuatro trimestre de 2014.  

En Galicia, o 60% destes lanzamentos derivouse de procedementos regulados na Lei de Arrendamentos Urbano (LAU); o 31 % de execucións hipotecarias e o 9% restante obedeceu a outras causas.  Os lanzamentos consecuencia da LAU -e polo tanto da falta de pagamento de alugueres- diminuíron un 5 % en termos interanuais, ao igual que os derivados de execucións hipotecarias, segundo o estudo Efectos da crise económica nos órganos xudiciais que se fixo público este venres. 

O 60% dos lanzamentos en Galicia vén deribado da falta de pagamento de alugueres

As execucións hipotecarias, xa que logo, aumentaron un 3,3% en Galicia fronte ao descenso do 16,6% no conxunto do Estado. Foron 533 as que se levaron a cabo no país no primeiro trimestre deste ano, 17 máis que no mesmo período do exercicio pasado e cen menos que no último trimestre de 2014. 

Os lanzamentos increméntanse no Estado

En canto aos datos a nivel estatal, o informe do CXPX reflicte que, entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo deste ano, o número de lanzamentos practicados en España -que afectan a distintos tipos de inmobles, non só a vivendas e, no caso destas, non só a vivenda habitual- foi de 18.869, o que supón un incremento do 2,1 % respecto dos 18.485 do mesmo período de 2014.

O número de execucións hipotecarias diminúe un 16,6% no conxunto do Estado

No primeiro trimestre de 2015 iniciáronse 20.201 execucións hipotecarias, o que supón unha diminución do 16,6 % respecto das 24.226 rexistradas no mesmo período do ano pasado, segundo o estudo, que lembra que estas execucións hipotecarias son os procedementos tramitados nos xulgados de primeira instancia que permiten esixir o pago das débedas garantidas por peza ou hipoteca ao acredor con escritura de hipoteca ao seu favor debidamente inscrita no Rexistro da Propiedade.

O informe revela que o número de procedementos deste tipo baixou no primeiro trimestre do ano en todas as comunidades autónomas excepto en dúas: Andalucía, onde subiu un 8,6 %, e o caso xa comentado de Galicia, onde aumentaron un 3,3 %. Fóra destes territorios, só a provincia de Segovia experimentou un incremento das execucións hipotecarias.

Os 4.990 procedementos iniciados en Andalucía no período estudado supoñen o 24,7 % do total; seguidos polos 4.085 de Cataluña e os 3.289 da Comunitat Valenciana En conxunto, estas tres autonomías suman o 61,2 % das execucións hipotecarias presentadas no primeiro trimestre do ano en toda España.

Case un de cada catro lanzamentos no Estado produciuse en Cataluña

En canto ao número de lanzamentos practicados no Estado -que afectan a distintos tipos de inmobles, non só a vivendas e, no caso destas, non só a vivenda habitual- foi de 18.869, o que supón un incremento do 2,1 % respecto dos 18.485 do mesmo período de 2014. Case un de cada catro lanzamentos practicados no primeiro trimestre do ano produciuse en Cataluña, que con 4.420 sumou o 23,4 % do total. Séguenlle Andalucía, con 2.857 (15,1 %); a Comuniat Valenciana, con 2.793 (14,8 %); e Madrid, con 2.253 (11,9 %).

Atendendo só aos lanzamentos derivados da LAU, é tamén Cataluña a que representa a maior porcentaxe sobre o total nacional (o 27,4 %); mentres que a Comunitat Valelnciana ocupa o primeiro lugar respecto dos que son consecuencia de execucións hipotecarias, co 20,6 % do total.

Mobilización de Stop Desafiuzamentos Lugo © Stop Desafiuzamentos Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.