Dende marzo de 2014 está en vigor en Galicia a denominada lei de garantías de prestacións sanitarias, un dos emblemas da segunda campaña electoral de Alberto Núñez Feijóo que ten como medida estrela a limitación de 60 días para a espera cirúrxica e de 45 para consultas especializadas. Como veu relatando este diario, por baixo desa promesa de garantía máxima de espera está un mecanismo de trasvase de doentes á sanidade privada, toda vez que se o Servizo Galego de Saúde incumpre o seu autoimposto límite de 45 ou 60 días está facultado para enviar os doentes a un centro privado no que lle realicen a intervención ou a proba. Neste contexto a plataforma SOS Sanidade Pública vén de deseñar un procedemento a través do que a cidadanía pode, cando menos, tentar seguir sendo tratada na sanidade pública.
"A sanidade pública é a única que garante que todas e todos recibamos a mesma asistencia sanitaria cando estamos enfermas e enfermos", afirma o colectivo, formado por profesionais sanitarios, sindicatos e os grupos da oposición parlamentaria. A súa aposta, explican, é a de tentar frear un modelo que "establece unha sanidade para ricos e outra, para pobres", xa que a propia lei estipula que "as persoas que dispoñan de diñeiro suficiente, poderán ser atendidos na sanidade privada adiantando os cartos" e despois "o Sergas devolverallos ao presentaren a factura". Neste escenario, que cabe facer?
SOS Sanidade Pública propón rexistrar un escrito solicitando asistencia pública cada vez que o Sergas derive un doente á privada apoiándose na nova lei
"Cando che oferten realizar unha proba ou unha intervención cirúrxica na sanidade privada" SOS Sanidade propón redactar un escrito "dirixido á Xerencia de Xestión Integrada", seguindo o modelo que acompaña esta información, deseñado para o caso de Santiago de Compostela. Nese escrito, indican, o paciente debería "esixir que nos dean as citas para as exploracións radiolóxicas e outras probas diagnósticas, que non nos deixen no limbo, pendentes de aviso". No caso das cirurxías, o escrito recalmará "que se nos incorpore á lista de intervencións cirúrxicas" a realizar nos centros públicos. "Cada persoa -subliñan- deberá enviar un escrito" a través do rexistro de entrada de cada área sanitaria "cada vez que reciba unha denegación de ser atendida na sanidade pública".
A plataforma procura que "os servizos sanitarios funcionen en quendas de mañá e tarde" e que para isto se doten do persoal necesario
SOS Sanidade comezará a espallar esta proposta o vindeiro día 17 cunha palestra en Compostela na que explicarán os obxectivos desta campaña. Trátase, anticipan, de que "os servizos sanitarios funcionen ininterrompidamente en quendas de mañá e tarde" e que para isto se doten do persoal necesario, no caso de "continuar a suprimir postos de traballo na sanidade pública". "Que os cadros de persoal se adapten ás necesidades sanitarias da poboación, que non se pechen as camas, que non estean infrautilizados os quirófanos", resumen.
No caso de continuar o modelo consagrado na nova lei, aseguran, seguirase a "destruír a sanidade pública, encarecendo o custo sanitario e perdendo calidade" co "único obxectiov de que as empresas privadas se lucren con cartos públicos". Asemade, alertan, "as complicacións que poidan xurdir" nestes doentes derivados á privada "serán atendidas na sanidade pública e será esta a que repare as desfeitas". Ademais, resaltan, "os doentes crónicos e pluripatolóxicos" son "rexeitados" nos centros privados, toda vez porque "non son rendibles economicamente" e por iso "o seu tempo de espera non conta". "A sanidade é un dereito universal, non un negocio a repartir entre os amigos", conclúen.