"A quen nos goberna élle indiferente que a situación dos máis febles da sociedade siga a empeorar. Eles teiman nos recortes en servizos esenciais para a poboación, nomeadamente da sanidade pública". Con estas duras palabras o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) vén de responder ao peche de 15 camas na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Medico - Cirúrxico de Conxo, anunciada pola Consellaría de Sanidade. Un recorte que chega, lembra o colectivo, nun momento de "agravamento" das condicións de saúde mental da poboación, "cuns indicadores de mala evolución incontestables: o aumento de trastornos psíquicos, o incremento dos suicidios, a elevación do consumo de psicofármacos, a maior morbi-mortalidade daqueles que sofren trastorno mental grave".
"A quen nos goberna élle indiferente que a situación dos máis febles da sociedade siga a empeorar"
Ademais, o MGSM acusa a Sanidade de "mentir" nos seus xa coñecidos argumentos empregados para xustificar o peche de camas, principalmente as vacacións do persoal e que "sempre se fixo así". "Non lograron pechar o ano pasado, no que foi o primeiro intento de supresión de prazas psiquiátricas aproveitando o que chaman “peche estacional”. Non é certo que sempre se fixera", sinala o MGSM, que tamén salienta que "os profesionais de saúde mental veñen asumindo dende sempre temporalmente a variación da carga de traballo estacional para posibilitar o descanso de todos/as, sen por iso eliminar ningún recurso asistencial".
O MGSM acusa a Sanidade de "mentir" nos seus xa coñecidos argumentos empregados para xustificar o peche de camas, principalmente as vacacións do persoal e que "sempre se fixo así"
O MGSM denuncia que "o recorte que dende a Consellería e a Xerencia da Área se está a realizar en persoal asistencial fai que se achegue o momento da redución de prazas hospitalarias". E salienta que "non sobra, nin tan sequera temporalmente, unha soa praza de hospitalización psiquiátrica na Área Sanitaria de Compostela, xa que as condicións de saúde mental da poboación están a agravarse" e que "os padecementos psíquicos non son estacionais". Alerta, igualmente, de que dende a Consellaría se está a levar a cabo unha política consistente en "negar" ou "demorar" o ingreso psiquiátrico "ou mesmo dando a alta precozmente", derivando así "de xeito inaceptable a carga do coidado e a asistencia sobre as familias dos pacientes".
O colectivo xa denunciou noutras ocasións que as restricións na hospitalización psiquiátrica teñen como obxectivo "ofrecer unha imaxe de sobredotación de recursos". "Búscase unha falsa rendibilidade dos recursos sanitarios existentes a través dun uso que na realidade limita o dereito á asistencia do paciente" -engaden- "Cremos que todo isto forma parte dun argumentario para reducir recursos, e reducir camas significa sempre reducir persoal".
O colectivo xa denunciou noutras ocasións que as restricións na hospitalización psiquiátrica teñen como obxectivo "ofrecer unha imaxe de sobredotación de recursos"
Miguel Anxo García Álvarez, portavoz do Movemento, sinalaba hai uns meses en entrevista con Praza que segundo o informe SESPAS se produciu "un incremento no consumo de antidepresivos, de hipnóticos e de tranquilizantes, e tamén aumentaron os trastornos de ánimo ou o incremento de consumo de alcol, por exemplo". Circunstancias que se deben "a un cambio significativo das condicións de vida da cidadanía". "Noutros ámbitos os efectos dos recortes e da crise económica poden tardar máis tempo en manifestarse, pero na saúde mental o efecto prexudicial da crise é seguro e é importante", engadía. A falta de cifras oficiais, o MGSM estima o número de suicidios en Galicia en 2014 en 390, moi por riba dos 333 do pasado ano ou dos 275 casos do ano 2010. O aumento é do 41% en catro anos.
"Noutros ámbitos os efectos dos recortes e da crise económica poden tardar máis tempo en manifestarse, pero na saúde mental o efecto prexudicial da crise é seguro e é importante"
"Non é tolerable o peche dun só recurso de atención á saúde mental. A infradotación nesta área asistencial é recoñecida por todos. O empeoramento da saúde mental da poboación por culpa da crise está demostrado" -conclúe o Movemento- "É unha proba de inxustiza, insensibilidade e irresponsabilidade dos nosos gobernantes reducir recursos de hospitalización psiquiátrica nun momento así".