TTIP: Nin se vota, nin se debate

Eurodeputados e eurodeputadas opostas ao TTIP, esta mañá CC-BY-NC-ND GUE/NGL

Moitas veces sinálase o deficit democrático no funcionamento das institucións europeas, sobre todo nas accións da Comisión, para a que moitas voces reclaman un maior control a cargo da Eurocámara, elixida polos cidadáns. O Parlamento, de feito -coas eivas que pode presentar calquera outra cámara lexislativa- ten servido para o debate de importantes asuntos, para a fiscalización de moitas políticas e para darlles voz a numerosos colectivos do continente. Porén, a falta de transparencia e democracia que vén caracterizando dende o seu inicio as negociacións sobre o TTIP deixou en evidencia esta semana o propio funcionamento da cámara.

A cámara tiña esta semana a posibilidade de debater (e aprobar ou rexeitar) o informe Lange, unhas pautas negociadas entre todos os grupos políticos que debían fixar a posición do Europarlamento nas conversas do Tratado de Libre Comercio e Investimentos, marcándolles (aínda que se forma non vinculante) unhas liñas vermellas aos negociadores da Comisión. O debate debía servir, ademais, para poñer o foco da opinión pública sobre un acordo que pode determinar a política e a economía de todos os países de Europa para as vindeiras décadas.

Este mércores pola mañá unha axustada votación da cámara determinou suspender tamén o propio debate, por 183 votos a favor, 181 en contra e 37 abstencións

Porén, este martes pola tarde decidiuse que non habería votación, aludindo á "falta de consenso" sobre o texto e botando man dun mecanismo que permite adiar o voto cando un documento supera as 50 emendas (este contaba con máis de 200). E este mércores pola mañá unha axustada votación da cámara determinou suspender tamén o propio debate, por 183 votos a favor, 181 en contra e 37 abstencións. A votación permitiu comprobar o ruxe-ruxe que foi crecendo nos últimos días: a división interna existente no grupo socialdemócrata, unha división crecente que tería debilitado o bloque favorable ao Tratado (conservadores, liberais e socialistas) e que explicaría -sinalan dende as bandas da esquerda e dos verdes- a decisión de adiar a votación, por temor a un resultado negativo.

Só 11 eurodeputados socialdemócratas pronunciáronse a favor de suspender o debate; unha gran maioría (42) votou en contra; e outros 33 abstivéronse. Os representantes do PSOE escolleron esta última opción

Na votación realizada a primeira hora deste mércores o grupo Popular, o grupo dos Conservadores e Reformistas e o grupo Liberal votaron de forma unánime (ou case) a prol de adiar a votación, entre eles os representantes de PP, UPyD e PNV. En contra de suspender o voto pronunciáronse todos os representantes da Esquerda Unitaria e Verdes-ALE, así coma o UKIP ou o Movemento 5 Estrelas italiano, e entre eles os eurodeputados e eurodeputadas de IU, Podemos, Bildu, Compromís-Equo e a galega Lidia Senra (AGEe), así coma o representante de CDC. Os deputados de Ciudadanos non participaron. O que máis chama atención é a división dos votos dos parlamentarios e parlamentarias socialdemócratas: Só 11 a favor de suspender o debate; unha gran maioría (42) votou en contra; e outros 33 abstivéronse. Os representantes do PSOE escolleron esta última opción.

Senra cualifica a paralización de "escándalo" e "auténtica burla aos milleiros de cidadáns e cidadás que tiñan postas as súas expectativas no debate"

A decisión de suspender o debate, ao igual que o anuncio do aprazamento da votación, espertou as críticas dos grupos opostos ao TTIP. Lidia Senra (AGEe) esixiu a paralización das negociacións ata que haxa un debate e votacións no Parlamento que fixen un control democrático sobre elas. Senra cualifica a paralización de "escándalo" e "auténtica burla aos milleiros de cidadáns e cidadás que tiñan postas as súas expectativas no debate". Para a eurodeputada de AGEe, esta suspensión "responde a que non queren que se manifeste o descontento cada vez maior que hai co TTIP; a medida que a cidadanía vai sendo consciente do que se xoga, aumenta a presión". E tamén constitúe, engade, "un intento á desesperada de seguir negociando agochados como estiveron facendo ata agora", procurando "que non se reflicta no Parlamento Europeo o que se está a dicir na rúa". "O Partido Socialista europeo está moi dividido precisamente pola conciencia do que hai en xogo, pero o núcleo duro dos socialistas e conservadores estaban a favor do ISDS", afirma.

Os grupos de esquerda esixen a paralización das negociacións ata que haxa un debate e votacións no Parlamento que fixen un control democrático sobre elas

A eurodeputada galega salientaba xa este martes pola tarde que a suspensión, na que cría ver a debilidade da posición dos grupos favorables ao Tratado, era unha "vitoria" da cidadanía e da mobilización social: "Sempre dixemos que cando a cidadanía soubese o que se estaba negociando, comezaría a opoñerse de forma maioritariamente ao TTIP. Este movemento incrementouse nas últimas semanas, e esta presión parece que fixo efecto sobre moitos eurodeputados e eurodeputadas". "O que non sei" -engadiu- "é se fixeron ben adiando a votación, porque algún día se terá que votar e na medida en que sigamos sacando isto á luz, e que a cidadanía sexa máis consciente dos efectos do tratado, o rexeitamento será maior". "O noso obxectivo ten que ser acompañar esas mobilizacións e seguir sendo a voz da rúa neste Parlamento", concluíu.

Pola súa banda, Ana Miranda (BNG) considera que o sucedido representa un "rapto da democracia" e salienta que "o debate está mudando dentro da Eurocámara". "Nos pasados meses, só cunha minoría en contra do TTIP, as posicións foron evoluíndo grazas ao gran debate que na sociedade civil se foi dando nos últimos seis meses, cara a posicións máis flexibles. A curta diferencia no resultado do voto amosa esa reviravolta da situación, producto da mobilización contra o TTIP nos pobos europeos", engade. "Seguiremos traballando na nosa lexítima oposición ao TTIP, tratado que vulnera a soberanía dos pobos incluido o galego", conclúe.

Ana Miranda (BNG) considera que o sucedido representa un "rapto da democracia" e salienta que "o debate está mudando dentro da Eurocámara"

Tamén este martes pola tarde, Pablo Iglesias esixía a paralización das negociacións ata que o Parlamento se pronunciase, e sinalaba que "semella que a algúns lles gusta a democracia só cando gañan eles, e cando non pois utilizan distintos mecanismos para evitar que se vote. Que non haxa debate e votacións sobre o TTIP e se sigan levando a cabo estas conversas a porta pechada é algo escandaloso". De igual xeito, Marina Albiol (IU) denunciaba que a suspensión "deixa en suspenso a democracia" e que os grupos maioritarios "manipularon o regulamento ao seu antollo"; Albiol engadía "seguirán pospondo a votación sobre os ISDS ata que teñan a seguridade de que o informe será aprobado".

Resultado da votación celebrada este mércores pola mañá na cámara CC-BY-NC-ND Parlamento Europeo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.