Asbestose: A enfermidade silenciosa

Enterro dunha das vítimas © Rober Amado

"Só queda demandar. Demandar o INSS. Demandar as mutuas. Demandar as empresas. Demandalos a todos. E quedar só. Diante dun xuíz. E convencelo de que o que te está matando non é unha gripe mal curada".

Ferrol é a cidade de España -e mesmo de toda Europa- cunha maior incidencia da asbestose, unha enfermidade pulmonar causada pola inhalación de fibras de amianto, un elemento illante empregado durante décadas na industria e na construción, mesmo moitos anos despois de que os seus efectos negativo estivesen máis que probados. Calcúlase que só na comarca de Ferrolterra o número de afectados supera os 3.500, cun goteo de unha ou dúas ducias de mortes ao ano. Non é un tema do pasado, aínda que dende os anos noventa este material deixase de empregarse; a enfermidade ten un período de latencia de 30 ou 40 anos, polo que aínda se manifestarán novos casos ata o ano 2030. E máis e máis mortes.

A asbestose non só afecta a Ferrol. A situación reprodúcese en cidades industriais de todo o Estado, de Avilés a Cartagena, de Cádiz a Getafe ou Cerdanyola del Vallès, sumando máis de 80 mil afectados en España, dos que ao redor de 50 mil morreron ou morrerán nesta década ou na seguinte. Vigo rexistra igualmente moitos damnificados, aos que hai que engadir casos máis illados relacionados tamén coa construción.

“Hai pouco publicado sobre o tema, e o que hai trata fundamentalmente o aspecto médico ou o aspecto legal. Decateime de que o persoal, que é o que menos se tocou, é o tema fundamental"

A pesar da forte incidencia da enfermidade nalgunhas zonas, o asunto non ocupa un lugar preferente nas axendas dos medios. Tampouco hai demasiados libros nin documentais publicados. O fotoxornalista e sociólogo ferrolán Roberto Amado vén de publicar Peregrinos del amianto (editado por Libros.com), un texto produto de dous anos de traballo e entrevistas con afectados e expertos. “Hai pouco publicado sobre o tema, e o que hai trata fundamentalmente o aspecto médico ou o aspecto legal. Decateime de que o persoal, que é o que menos se tocou, é o tema fundamental", explica. Amado presentará a obra en setembro na cidade departamental, nun acto que quere converter nun debate entre os afectados, as autoridades, as empresas, entre todos os actores implicados, para poñer o foco público sobre o tema. Tamén tentará facer presentacións noutras cidades nas que o problema do amianto ten unha incidencia grande.

 

Ata o 2001, silencio

“Un día atópaste cun colega, un home deses fornidos e grandes. Atópalo confuso, con moito menos peso e con dificultades para respirar. Traballa en monturas a flote, ou é soldador, coma ti, coma moitos outros Pouco despois entéraste de que morreu e, coma el, van caendo varios. Sóache iso do cancro de pulmón. Pero fas caso omiso (...) O tabaco, a bebida. Xa sabes ti como van esas cousas. Ata que alguén che di que o que tes é un tipo de cancro raro. E ti faste preguntas”

Ata o ano 2000 apenas se falaba do tema. En Ferrol había un número inusitadamente alto de mortes por enfermidades do pulmón, por cancro de pleura, sobre todo entre homes que traballaban ou traballaran nos estaleiros. Pero nin se lle daba un nome nin se atopaba o nexo e orixe. Nese momento, grazas á acción individual dalgúns afectados e dalgúns médicos, conseguiuse rachar o certo tabú e opacidade que parecía rodear esta enfermidade.

Roberto Amado relata no libro ese momento, en conversas con algún dos protagonistas, comezando polo histórico obreiro e sindicalista Rafael Pillado -un dos que destapou o caso-, ou co médico Carlos Piñeiro, un dos maiores expertos na materia, que impulsou -ao principio case en solitario- a investigación médica sobre a enfermidade. En 2001 unha completa información publicada por La Voz de Galicia múdao todo, a pesar das moitas resistencias existentes, mesmo no interior dalgúns sindicatos, que nun primeiro momento acusaron os denunciantes de "crear alarmas inxustificadas" nun momento difícil para o sector naval.

No libro Roberto Amado relata ese momento, en conversas con algún dos protagonistas, comezando por Rafael Pillado -un dos que destapou o caso-, ou co médico Carlos Piñeiro

A partir de aí os afectados comezáronse a organizar, creando por exemplo Agavida (Asociación Galega de Vítimas do Amianto), que leva 15 anos loitando polo recoñecemento oficial desta enfermidade profesional. Os enfermos e as súas familias levan dende entón gañando xuízos contra as empresas nas que traballaban, vitorias xudiciais que chegan de despois de anos de peregrinar entre o hospital e o xulgado. Porén, reclaman que todo isto se faga un pouco máis doado, ao igual que aos mineiros se lles recoñece automaticamente o prexuízo provocado pola súa actividade, a neumoconiose ou silicose. Polo camiño van obtendo pequenos avances. Conseguiuse por exemplo que Navantia lle enviase ao SERGAS, hau sete anos, un listado de seis mil posibles afectados, traballadores que puideron ter algún contacto co amianto. 

Conseguiuse que Navantia lle enviase ao SERGAS, hau sete anos, un listado de seis mil posibles afectados, traballadores que puideron ter algún contacto co amianto.

Tamén se constituíu no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol unha unidade específica, cunha ducia de médicos, entre eles tres neumólogos, que decote se ve desbordada pola enorme cantidade de persoas que ten que atender. Houbo tamén unha clara mellora (antes os afectados tiñan que desprazarse a Oviedo), pero Amado sinala que non é suficiente: "podería ser un referente para avanzar no estudo desta enfermidade, pero para iso fan falla máis recursos. Tampouco hai medios suficientes para facer investigación. A investigación chega por iniciativas individuais". Grazas a este equipo, en colaboración con outros, coma o do Hospital Vall d'Hebrón de Barcelona, nos últimos anos foise avanzando moito no estudo desta enfermidade, determinando os seus investigadores e investigadoras que o 97% das doenzas de pulmón dos traballadores do naval ferrolán estaban causadas polo amianto.

Precisamente este xoves CCOO organiza en Compostela unha xornada para concienciar sobre a importancia de se inscribir no rexistro oficial de traballadoras e traballadores con exposición ao amianto, alertando que só o fixeron ata o momento o 2% das persoas potencialmente afectadas pola súa exposición a este material. Este mércores, na rolda de prensa de presentación da xornada, José Rodríguez Valdés, adxunto á secretaría confederal de Saúde Laboral de CCOO, alertou de que nos vindeiros 15 anos se poderían producir "ao redor de corenta mil ou cincuenta mil mortes directas por doenzas cuxa orixe está no amianto". Carlos Mella, secretario xeral da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO de Galicia, subliñou que "a concienciación debe chegar á poboación en xeral, pois as doenzas derivadas da exposición ao asbesto pódense producir tamén en familiares porque as fibras do amianto se impregnaban nas fundas de traballo —que se lavaban na casa— e mesmo no cabelo".

 

A resistencia continúa nas empresas

"Se o traballador vai reclamar unha indemnización, a compañía defende que ese empregado non estaba en contacto co amianto. E aí comeza a peregrinaxe dos xuízos, durante anos"

A actitude de Navantia e doutras empresas segue sendo de total resistencia. "A empresa optou por negalo todo, e prefire ir pagando indemnizacións contadas. Hai pagamentos importantes, por riba dos 200 mil euros. Non sei ata que punto lles sae rendible a eles e ao Estado, que é quen ten que pagar", afirma Roberto Amado. Xa dende 1900 houbo voces de alarma contra a perigosidade do amianto, que se comezou a retirar partir dos anos 50 ou 60 nos Estados Unidos. Mesmo en España leis dos anos 40 xa introducían alertas polo risco existente. As empresas españolas escúdanse en que dende o ano 1980 non se comprou novo material, pero mesmo así seguíanse empregando sen protección nin avisos as vellas mantas de amianto.

"Se o traballador vai reclamar unha indemnización, a compañía defende que ese empregado non estaba en contacto co amianto. E aí comeza a peregrinaxe dos xuízos, durante anos" -explica- "Tes que explicarlle a túa situación a un xuíz, tes que demostrar que o teu cancro ten a súa orixe en ter traballado con amianto. E, mentres, a empresa eleva todos os argumentos posible para negar que a enfermidade se xerase no lugar de traballo". "Non é coma o famoso estatuto do mineiro. Se ti tes silicose e estiveches contratado na mina, xa tes dereito á indemnización. Non tes que demostrar nada máis", engade. 

A pesar do apoio de AGE e BNG, a maioría absoluta do PP botou abaixo a proposta do PSdeG-PSOE, defendendo o popular Aurelio Núñez Centeno que os enfermos están "perfectamente atendidos"

Tamén hai resistencia política. Aínda o pasado ano o PSdeG-PSOE presentou no Parlamento Galego unha proposición para crear un fondo de indemnización á vítimas con cargo ás aseguradoras, as empresas e a Seguridade Social; pedíanse tamén fondos para a investigación sobre o cancro derivado da exposición ao amianto e un programa de vixilancia epidemiolóxica. A pesar do apoio de AGE e BNG, a maioría absoluta do PP botou abaixo a proposta, defendendo Aurelio Núñez Centeno que os enfermos están "perfectamente atendidos" e que a asbestose está xa recoñecida como "enfermidade profesional". Membros da Asociación Galega de Vítimas do Amianto, que seguían o pleno no hemiciclo foron expulsado tras amosar unha faixa reivindicativa.

"É unha enfermidade moi fodida, cando se manifesta supón un ano enteiro de agonía e iso non se paga, non se compensa economicamente"

Os afectados reclaman xustiza e recoñecemento, máis que cartos. "É unha enfermidade moi fodida, cando se manifesta supón un ano enteiro de agonía e iso non se paga, non se compensa economicamente", destaca Amado. O autor destaca que clave é "a rabia que dá o sentirse humillados despois de tantos anos, e ter que pelexar ata o final por obter unha indemnización que non serve para nada (...) Custa admitir que o final da túa vida foi adiantado", escribe.

E así seguen as cousas. Todo avanza: os xuízos, a enfermidade, o tempo, as mortes. “Ao final a nosa asociación vai ser unha asociación de viúvas” di no libro un dos afectados. Din que as fibras do amianto, cando se axitaba unha das vellas mantas que os obreiros empregaban para protexerse, quedaban no aire varios días. De igual xeito, o amianto queda aí, pegado ás súas vidas.

A antiga Astano, hoxe Navantia © Navantia
Portada do libro © Libros.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.