"A ría é nosa e non da celulosa". Berrouse unha e outra vez de novo na ría de Pontevedra, nunha nova marcha organizada pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR). Cun calor abafante, a mobilización estivo menos concorrida que os últimos anos, pero volveu amosar o seu rexeitamento á ubicación de ENCE. A APDR, ademais, presentou alegacións ao ditame de Costas sobre a caducidade da concesión á fábrica e que facilitaba o camiño da súa permanencia. Antón Masa, presidente da entidade, cualificou de "falta de respecto" o texto da Administración, argumentando que non recolle as alegacións do colectivo ambiental.
A APDR presenta alegacións ao ditame de Costas, que cualifica de "falta de respecto" por non recoller os argumentos da entidade
Á marcha acudiron representantes de varias organizacións políticas e sociais, entre eles o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, integrantes das mareas ou o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence. Saíron simultaneamente, xunto ao resto de persoas, das alamedas de Marín e Pontevedra para se opoñer á ampliación da concesión da pasteira.
No manifesto lido ao final da marcha, asegurouse que ENCE "vai saír de Lourizán". "Imos restaurar a marisma, os nosos sistemas naturais, as nosas paisaxes e o traballo no mar", asegurouse tras asegurar á cidadán que se vai "recuperar o que nos pertence". Ademais, aludiuse á importancia de "non ser enganados".
"Xa é demasiado tarde e xa ninguén na comarca cre as mentiras dos directivos da fábrica de pasta de papel", din os organizadores
"Agora, logo de 50 anos de destrución e desarranxo ambiental, ENCE ofrécenos o paraíso a cambio da permanencia en Lourizán máis alá do 2018; milleiros de postos de traballo, eliminación de cheiros e molestias, devolución da auga roubada ao Lérez, pagamento dos impostos en Pontevedra, fin da contaminación da ría, creación de riqueza e benestar... Pero xa é demasiado tarde e xa ninguén na comarca cre as mentiras dos directivos da fábrica de pasta de papel", dixeron os organizadores.
"Quen vai crer nestas promesas cando levan facendo todo o contrario ao longo da súa historia na ría? Por que non o fixeron ata agora? Simplemente porque non o van facer nunca!", berrouse, tras prometer o final "da contaminación da ría e do ar e dos pestilentes cheiros e fumes que afectan á saúde". "Entre todos e todas conseguiremos o saneamento da ría e recuperaremos os nosos bancos marisqueiros, as nosas praias e a Illa de Tambo".
"Conseguiremos frear o avance dos monocultivos de eucalipto, as fumigacións tóxicas e a miseria forestal que alimenta os lumes. Recuperaremos as nosas paisaxes e os solos que darán soporte a un bosque diverso e vida e en recursos. Entre todos e todas abriremos o campo para novas posibilidades de desenvolvemento sostible, para a creación de emprego na comarca. Con augas, praias e fondos limpos as oportunidades para a pesca e o marisqueo e para o turismo multiplicaranse", insistiuse, tras advertir tamén que os colectivos contrarios á situación de ENCE van "denunciar as trampas das empresas para permanecer en Lourzán e a impedir prórrogas e artimañas que lles permitan seguir indefinidamente danando o noso medio e a nosa economía".