O Parlamento aprobou este luns por unanimidade a Lei de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais, unha norma que vén encher o baleiro legal existente na cuestión e que, a través de distintas medidas e protocolos, axudará a mellorar as condicións dos e das pacientes, asegurando unha morte digna. De igual xeito, a lei constituirá un importante apoio para o traballo dos e das profesionais.
A nova norma, que recolle as recomendacións realizadas pola Comisión Galega de Bioética, define e reforza a sedación paliativa e a sedación na agonía, elementos xa habituais na práctica clínica das unidades de coidados paliativos. Ademais, estende e garante estes coidados a todos os centros sanitarios do país, e impulsa medidas de formación continua para que todos os e as profesionais teñan a mellor preparación ao respecto. A lei, impulsada nun comezo polo PSdeG-PSOE a través da deputada Carmen Acuña, suscitou unha unanimidade pouco habitual entre os e as parlamentarias.
A lei, impulsada nun comezo polo PSdeG-PSOE a través da deputada Carmen Acuña, suscitou unha unanimidade pouco habitual entre os e as parlamentarias
Acuña afirma que a lei "sitúa a Galicia á vangarda nas garantías dos dereitos das persoas” e salienta o avance que a norma supón tanto para os pacientes coma para os profesionais, que agora vén garantidos os seus dereitos e protexido o seu traballo. "Dábase un paradoxo" -explica- "pois en Galicia temos un rexistro de instrucións previas -ti podes definir como queres que te traten ao final da túa vida-, pero non había lei ou garantía ningunha que obrigase a que puideses recibir eses coidados que ti decidiras". De igual xeito, a parlamentaria comenta que no caso dos profesionais, a maior parte das medidas e protocolos que se prevén na lei xa se viñan realizando de forma habitual na práctica diaria, "pero o persoal sanitario non tiña un respaldo legal ante unha hipotética denuncia". A ausencia dunha lei específica condenaba a pacientes e profesionais a unha certa "clandestinidade".
"En Galicia temos un rexistro de instrucións previas: ti podes definir como queres que te traten ao final da túa vida, pero non había lei ou garantía ningunha que obrigase a que puideses recibir eses coidados que ti decidiras"
O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Miguel Santalices, destacou pola súa banda que a norma “procura unha boa morte na que a dor e o sufrimento se reduzan mediante uns coidados paliativos axeitados, cuestións que serán de obriga para os profesionais”, en referencia á non inclusión de cláusulas de obxección de conciencia para a aplicación de ningún dos tratamentos previstos. Santalices destacou que “a cidadanía demanda calidade na morte e nos temos que dar resposta a esa demanda a través dun contexto ético e xurídico”,
A norma segue o ronsel aberto por Andalucía, que conta cunha lei que en boa medida serviu de modelo á proposta socialista e ao texto finalmente aprobado. Tamén Aragón e Navarra contan con normas que regulan esta cuestión. Pola súa banda, Euskadi abandeira o debate sobre a despenalización do suicidio asistido; hai dúas semanas a cámara vasca aprobou unha proposición de lei presentada polo PSE (e que contou co apoio de PNV, EH Bildu e UPyD e a única oposición do PP) na que se solicita ao Congreso a modificación do Código Penal para acadar a despenalización do suicidio asistido. Así mesmo, Euskadi comprometeuse a colaborar cos parlamentos das demais comunidades para levar este debate ao primeiro plano de cara ás eleccións xerais de outono.
Euskadi abandeira o debate sobre a despenalización do suicidio asistido
"É importante poñer enriba da mesa o debate sobre a morte. Hai moito runrún sobre a eutanasia e antes ou despois será un debate que teremos que dar", afirma Carmen Acuña a este respecto. De feito, recoñece que á hora de iniciar o trámite deste texto legal, o PSdeG-PSOE dubidou "se presentar unha lei máis esixente ou se ir paso a paso". "E optamos por isto último: aprobar esta lei e que despois a sociedade vaia avanzando neste camiño, cara á posibilidade do suicidio asistido", di. En calquera caso, destaca que "conseguimos introducir algúns elementos na lei, de carácter aberto, que seguro que poderán ser aproveitados polos profesionais de coidados paliativos, que son os que van marcando a pauta".
"É importante poñer enriba da mesa o debate sobre a morte. Hai moito runrún sobre a eutanasia e antes ou despois será un debate que teremos que dar"
Acuña salienta que se trata dun primeiro paso "importante" na defensa dos dereitos das persoas ao remate da súa vida, pero que ten como obxectivo final "aprobar unha Lei estatal que determine unha carteira de servizos mínimos no Sistema Nacional de Saúde". Subliña que, de forma inmediata, o máis importante é a difusión que se lle dea a esta lei e ás posibilidades que introduce. "Ata agora xa dispoñíamos en Galicia dun rexistro de instrucións previas, pero moita xente non o coñecía, polo que a súa aplicación era limitada", comenta. "Por iso é tan importante que esa lei que hoxe aprobamos se dea a coñecer", engade. A Asociación Dereito á Morte Digna, que se atopaba representada este luns no Parlamento por algúns dos seus membros, xa anunciou que axudará á difusión da nova norma.