Ana Miranda, liberada

Concentración celebrada este luns en Vigo CC-BY-SA GZ Foto

Ana Miranda foi xa liberada polas autoridades israelís, que a mantiñan retida na localidade de Ashdod, xunto cos restantes activistas, xornalistas e tripulación que viaxaban no Marianne de Gotemburgo en dirección a Gaza. Rumbo a Gaza, a organización que dende España dá soporte á III Flotilla da Liberdade, informa que a galega está viaxando nestes momento nun avión en dirección a Madrid, onde chegará ás 10.40 horas.  O ex presidente tunisiano Moncef Marzouki e o deputado árabe do parlamento israelí Basel Ghattas tamén abandonaron xa as instalacións militares nas que estaban retidos. Onte á noite Ana Miranda xa puido falar por teléfono co consul de España en Xerusalén.

O Marianne, escoltado pola Armada israelí, chegou ao porto de Ashdod ao redor das nove da noite. Aínda que o asalto foi "limpo", como destacaban as autoridades xudeas, e non se rexistraron feridos, Rumbo a Gaza informa de que un dos tripulantes si foi atacado cunha pistola eléctrica durante a abordaxe.

Este luns celebráronse concentracións en solidariedade con Palestina e en apoio aos e ás activistas da Flotilla, en especial de Ana Miranda, en Vigo, A Coruña, Compostela, Ourense, Pontevedra, Ribeira e Foz. No acto celebrado en Vigo, diante do MARCO, denunciouse o asalto "ilegal e nun acto de pirataría" realizado por Israel ao barco da Flotilla cando navegaba en augas internacionais. Tamén se demandou dos gobernos galego e español que esixisen a garantía dos dereitos e a seguridade das persoas retidas, nomeadamente de Miranda, e a súa posta en liberdade. Sinalouse, igualmente, que Israel "leva décadas vulnerando os dereitos e a dignidade do pobo palestino e practicando o colonialismo coa complicidade da chamada comunidade internacional".

O BNG defenderá este martes na Xunta de portavoces do Parlamento unha Declaración Institucional para que a cámara galega manifeste a súa "repulsa ante estes graves feitos e afirme "o seu recoñecemento das reivindicacións do pobo palestino e o seu dereito á autoderminación"; demandará igualmente do Executivo central que recoñeza o Estado palestino sobre as bases das fronteiras anteriores a 1967, “tal e como establece a resolución aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 29 de novembro de 2012”, votada favorablemente por España.

Concentración celebrada este luns en Vigo CC-BY-SA GZ Foto
Moncho Iglesias le o manifesto na concentración celebrada en Vigo CC-BY-SA GZ Foto
O Marianne, a pasada noite xa no porto de Ashdod © Rumbo a Gaza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.