O MGSM denuncia que se están a limitar os ingresos psiquiátricos e a precipitar as altas en Compostela

Hospital de Conxo © David Simón

O Movemento Galego da Saúde Mental denuncia que na Área Sanitaria de Santiago se están a "limitar os ingresos psiquiátricos de pacientes en descompensación aguda e estanse a precipitar as altas, reducíndose temerariamente as estadías hospitalarias". Deste xeito, sinalan, estanse a "concentrar os ingresos na Unidade de Conxo mentres se deixa baleira a do Hospital Gil Casares", o que identifican como unha "estratexia para diminuír ocupacións hospitalarias e cuestionar a necesidade de recursos". "O resultado é a eliminación de facto de recursos sanitarios públicos, xa que non se ofrecen aos doentes", enganden e alertan de que supón crear unha situación de risco grave para a saúde e a vida dos pacientes. O MGSM chama a "rematar con este xeito de administrar e dirixir a sanidade pública, en especial a saúde mental".

"Estanse a limitar os ingresos psiquiátricos de pacientes en descompensación aguda e estanse a precipitar as altas, reducíndose temerariamente as estadías hospitalarias"

Hai menos dun mes, despois de denuncias públicas e mobilizacións contra o seu plan, o Xerente da Área Sanitaria de Santiago comprometeuse a non pechar camas de hospitalización psiquiátrica na Unidade existente no Hospital de Conxo e no resto do Complexo. "Efectivamente, aínda non se pecharon camas psiquiátricas, mais séguense a limitar os ingresos psiquiátricos e estanse a precipitar as altas", alerta a Plataforma. "Dese xeito, paseniño, os executores de recortes van reducindo a ocupación de camas e van podendo, así, prescindir de persoal sanitario, un dos obxectivos que perseguen", alertan.

"Intentan ocupar un número menor que as prazas libres, para que así se poidan soportar os recortes de persoal sufridos"

"A situación é esperpéntica: o límite de ocupación de camas está predeterminado e fixado moi por debaixo dos recursos existentes e das necesidades da área asistencial, seguindo só obxectivos xerenciais, de tal xeito que a pesar de dispoñer de camas, intentan ocupar un número menor que as prazas libres, para que así se poidan soportar os recortes de persoal sufridos", explican.

"Cárgase ás familias coa obriga asistencial e de coidados que corresponde á sanidade pública que xa pagaron cos seus impostos"

Denuncian que "o dano que se está a causar ás persoas con enfermidade mental é grave: néganselle medios asistenciais que están ao seu servizo por dereito, e expóñense a riscos graves para a súa saúde e a súa vida, ao limitarlle a atención que necesitan; e cárgase ás familias coa obriga asistencial e de coidados que corresponde á sanidade pública que xa pagaron cos seus impostos".

Hospital de Conxo © David Simón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.