0 Gardados para despois

Adeus, touradas

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"O IMCE vén de iniciar o expediente de finalización de contrato e suspensión da Feira Taurina". Con este breve texto, publicado na súa conta de twitter, o Concello da Coruña confirmaba a fin das touradas na cidade, poñendo remate a un espectáculo que ao longo das últimas dúas décadas fora sostido economicamente polos cartos públicos, primeiro de forma directa e, nos últimos anos, de maneira indirecta. A subvención indirecta que o Goberno municipal de Carlos Negreira viña entregando aos organizadores da feira ascendía a 95 mil euros, sumando o aluguer do Coliseum, o custe da montaxe da praza de touros ou a cesion da banda de música. Esta subvención case igualaba os 104 mil euros que, por exemplo, en 2013 se recadaron pola venda de entradas.

O concelleiro de Cultura, José Manuel Sande, e o empresario Tomás Entero, propietario de Tauro Siglo XXI, concesionaria da Feira, mantiveron á unha do mediodía unha xuntanza na que os representantes do Concello reiteraron unha vez máis a súa intención de finalizar o contrato asinado o pasado ano polo Goberno de Negreira, que incluía a cesión do Coliseum. Concello e empresa manterán unha nova reunión ás cinco desta tarde para seguir negociando a contía da indemnización á que Tauro Siglo XXI ten dereito pola suspensión da feira, e que dende María Pita se calcula nun 10% do valor do concurso, de ao redor de 60 mil euros.

Ferreiro subliña que o Goberno local non "prohíbe" a celebración das touradas pois non ten "competencias" para facelo, senón que simplemente se limita a non ceder un recinto municipal para este uso

En rolda de prensa o alcalde, Xulio Ferreiro, afirmou que o Concello vai actuar "segundo o interese común", destacando que as corridas de touros contan cun apoio moi pequeno na cidade, algo constatado por "enquisas" (coma a realizada por Obradoiro de Socioloxía para Galicia mellor sen touradas) e pola propia asistencia (moi escasa nos últimos anos) ao espectáculo. “O ano pasado había máis xente manifestándose en contra das touradas que como público nas mesmas”, sinalou.

O rexedor destacou que o custe da rescisión do contrato será inferior á subvención indirecta que o Concello viña entregando: “Os cálculos son diversos, pero pensamos que para o Concello a Feira Taurina supón un desembolso aproximado duns 60.000 euros; dos que esperamos aforrar 50.000”. Subliñou ademais que o Goberno local non "prohíbe" a celebración das touradas pois non ten "competencias" para facelo, senón que simplemente se limita a non ceder un recinto municipal para este uso. Deste xeito, por suposto, se algún promotor taurino atopa outro recinto, de propiedade privada, e considera que a organización dunha corrida de touros podería ser economicamente rendible (algo moi improbable sen axudas públicas), podería organizala na cidade.

A Marea Atlántica sempre sostivo que a supresión das touradas na cidade era un punto "innegociable" do seu programa: "Nin un euro do concello, nin un metro cadrado de bens municipais para o maltrato animal. O goberno municipal non será cómplice de eventos como as touradas baseados no maltrato a un ser vivo. Rematou a vergoña de que un concello que representa ao xeral da cidadanía coruñesa preste apoio económico (ou facilite bens como o Coliseo) para o maltrato animal", dicíase no programa da formación.

A empresa difundira nos últimos días unha proposta de programación para a Feira Taurina, que tiña prevista a súa celebración o 1 e 2 de agosto no Coliseum. Porén, a feira finalmente non se celebrará. Era cuestión de tempo. Xa o pasado ano o concurso para a licitación deste espectáculo de tortura animal quedara deserto antes do verán, e na repetición da convocatoria, en setembro, o Concello só recibira a oferta de Tauro Siglo XXI. E iso, a pesar das facilidades outorgadas polo Goberno local e do mantemento das axudas indirectas.

A subvención indirecta que o Concello viña entregando aos organizadores da feira ascendía a 95 mil euros

As touradas continúan polo tanto o seu proceso de desaparición en Galicia. Este ano xa non se organizaron en Sarria, grazas á marcha do PP do goberno municipal, e tamén en Pontevedra a súa continuidade podería comezar a estar no aire, se se confirma a eliminación das subvencións que a Feira Taurina que se celebra nas festas da Peregrina viña recibindo da Deputación. No programa marco de goberno para as deputacións provinciais asinado por PSdeG-PSOE e BNG prevese "a eliminación de subsidios dedicados á organización de touradas".

 

As reaccións dos protaurinos no twitter

Pouco despois de confirmarse a intención do Concello da Coruña de finalizar o contrato da Feira Taurina, algúns defensores deste espectáctulo de tortura animal deixaron mostra do seu descontento nas redes sociais, na propia conta de twitter da administración municipal ou empregando o hashtag #SiALosTorosEnACoruña. As críticas facían referencia, sobre todo, a unha suposta prohibición das corridas de touros por parte do Concello, inexistente, e apelaban á liberdade e á cultura: "No nos pueden quitar la libertad", "¡Basta ya de totalitarismos encubiertos!", "#SiALosTorosEnACoruña y en todos los lugares donde la represión de infames seres pretende dejarnos sin cultura!", "Harto de q siempre los partidos políticos usen a los toros para ganar votos y asi disimilar cosas mas importantes", "La tauromaquia ni tiene colores ni pertenece a ningún partido, la tauromaquia es del pueblo". Algún tuit mesmo responsabiliza da decisión a Pablo Iglesias ("El coletas de Podemos venía de progre y es un dictador. Ahora también destruye empleo") e outro chega a meter polo medio a gastronomía (No tienen derecho a quitar los toros mientras ellos maltratan pulpos").

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Domingos Merino, outravolta en María Pita

Domingos Merino, o primeiro alcalde da Coruña elixido tralo remate da ditadura, en 1979, estivo moi presente no acto de investidura de Xulio Ferreiro como rexedor, o pasado 13 de xuño. Ferreiro fixo varias referencias no seu discurso a ese outro alcalde, naciojnalista, de esquerdas, elixido nunha coalición de confluencia (Unidade Galega). O alcalde da Marea Atlántica mesmo definiu esa xornada como "alegre e histórica para a Coruña", as mesmas palabras que Merino empregara no seu discurso de investidura 36 anos antes: “hoxe é un dia alegre e histórico para A Coruña.

O alcalde da Marea Atlántica definiu a súa investidura como "un día alegre e histórico para a Coruña", as mesmas palabras que Merino empregara no seu discurso 36 anos antes

Ao igual que hai un mes, aquel 19 de abril de 1979 tamén había moitas persoas na praza de María Pita, e a elas dirixiuse Merino para salientar o carácter galeguista e progresista que sempre definira a cidade: "A Coruña ten que ser un faro para Galicia, algo do que todos os galegos nos sintamos orgullosos. A creación das Irmandades da Fala, da Cova Céltica e da Academia Galega, entre outras, son probas evidentes de que A Coruña non está de costas a Galicia". Merino prometeu tamén abrir o concello á cidadanía, convidando a veciñanza a participar no goberno municipal: "o Concello ten que ser a casa de todos e todos os cidadáns deben ter a posibilidade de participar na política municipal".

O 13 de xuño Ferreiro lembrou aquela data na que "recuperabamos a democracia que nos roubaran corenta anos atrás, e con ela, coa democracia, A Coruña recuperaba a ilusión por devolverlle aos reloxos o tempo sepultado no silencio do Campo da Rata" e engadiu que "oxalá sexamos quen de estar, parafraseando ao alcalde Merino, á altura das circunstancias".

O compañeiro do ex rexedor, Jorge Méndez, entregoulle a Ferreiro, de parte de Merino, dúas fotografías e un texto de ánimo, e agradeceulle as varias mencións feitas no discurso de investidura

A presenza das palabras de Merino no discurso de investidura de Ferreiro non fora a primeira chiscadela da Marea Atlántica á súa figura e ás súa xestión. Estas sucedéranse en varios momento ao longo da campaña electoral, e mesmo Xulio Ferreiro explicitou esta referencia na entrevista cruzada con Martiño Noriega que Praza publicou días despois das eleccións: "Evidentemente Domingos Merino é un referente na vida municipal desta cidade, con esa intención de abrir o Concello á xente e permitir a participación dos veciños e veciñas na toma de decisións", dicía Ferreiro.

Este luns Domingos Merino volveu entrar en María Pita. O compañeiro do ex rexedor, Jorge Méndez, entregoulle a Ferreiro, de parte de Merino, dúas fotografías e un texto de ánimo, e agradeceulle as varias mencións feitas no discurso de investidura.