0 Gardados para despois

"Chegará un punto no que mesmo o PP se decate de que defender as touradas en Galicia non ten sentido"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A finalización do contrato da feira taurina da Coruña -anulando a cesión do Coliseum e outras axudas económicas indirectas- era unha noticia esperada dende o mesma noite do 24 de maio, cando os resultados electorais amosaron a perda da maioría absoluta do PP. Mesmo así, a confirmación de que este verán non haberá touradas na cidade (cando menos neste recinto e con apoio público) espertou unha indisimulada alegría nos movementos sociais que durante ou últimos anos traballaran para acadar este obxectivo. É o caso de Rubén Pérez, un dos voceiros de Galicia, mellor sen touradas.

Pérez destaca a importancia do feito de que "xente que leva moitos anos traballando contra as touradas na Coruña e noutras localidades agora está nos concellos, nos gobernos municipais"

"O goberno municipal, por primeira vez dende 1991, amosou unha postura acorde coas demandas políticas e sociais", destaca, lembrando ademais o aforro que a suspensión do contrato terá para as contas municipais. Pérez destaca a importancia do feito de que "xente que leva moitos anos traballando contra as touradas na Coruña e noutras localidades agora está nos concellos, nos gobernos municipais", nun proceso xeral "no que o activismo social entrou nas institucións". "Isto fai que se tome en conta á cidadanía e ás súas demandas", engade.

"Pode funcionar para activar e reactivar a xente oposta ás touradas noutras zonas, como Pontevedra, Sarria ou Padrón"

"Ata hai moi poucos anos na Coruña apenas se falaba deste tema, nin das subvencións que recibían os taurinos, e aos poucos as cousas foron mudando", lembra, e destaca o efecto positivo que o sucedido na Coruña pode ter para o activismo noutros lugares: "pode funcionar para activar e reactivar a xente oposta ás touradas noutras zonas, como Pontevedra, Sarria ou Padrón. Como xa foi un impulso a lei catalá hai cinco anos". "Non estamos afeitos a gañar, e gañarmos algunha vez é importante para amosarlle á cidadanía que se poden mudar as cousas. Se non hai esa esperanza, os movementos de cambio fanse máis complexos", di.

Tras a suspensión da feira na cidade herculina, Pontevedra vai ficar como o único lugar de Galicia nos que subsista a celebración dun espectáculo taurino nun recinto fixo. Rubén Pérez explica que na cidade do Lérez "a situación é diferente, pois en Pontevedra o lobby taurino si ten unha praza en propiedade". En todo caso, amósase optimista de cara a un progresivo debilitamento e maior cuestionamento social da feira pontevedresa: "Veremos se o Concello vai reducindo progresivamente o actual convenio, como parece que estaría disposto a facer, segundo algunhas declaracións. E tamén se a Deputación [que pasará a ser gobernada por PSdeG-PSOE e BNG] suprime todas as actuais axudas económicas: a compra de entradas para regalalas despois, a colocación de valados publicitarios na praza de touros, as axudas ás peñas taurinas, a contratación de publicidade nun anuario taurino de nula relevancia...". "Vai ser unha guerra de posicións e todo iso vai debilitalos moito", di.

"Temos que mirar cara adiante, cara a esas eleccións autonómicas que poden converterse nun plebiscito nesta cuestión"

"O movemento abolicionista en Galicia ten que manter a actividade" -destaca Rubén Pérez- "hai que fortalecer esa retirada dos subsidios, e temos que mirar cara adiante, cara a esas eleccións autonómicas que poden converterse nun plebiscito nesta cuestión". "Se hai unha mudanza importante na correlación de forzas, habería a posibilidade de presentar con éxito unha ILP, como se fixo en Catalunya. Creo que en Galicia se pode comezar a debater seriamente sobre este tema, porque o único partido que está votando en contra é o PP e chegará un punto no que eles mesmos se decaten de que defender as touradas en Galicia non ten sentido, e de que unicamente se manteñen para contentar unha minoría moi pequena da sociedade, como unha excepción nas leis contra o maltrato animal", di.

 

Os protaurinos centran as súas esperanzas nas prazas portátiles

O propietario de Tauro Siglo XXI barallaba este luns a opción de realizar corridas en "prazas portátiles" nalgún dos concellos da comarca coruñesa

A inmediata reacción dos protaurinos ao anuncio do Concello foi de denuncia ao que consideran un "ataque á liberdade", chegando a acusar o Goberno local de "prohibir" as touradas (cando as administracións locais non teñen competencias para iso), unha incorrecta interpretación da decisión do Goberno municipal que mesmo se repite en medios de comunicación profesionais, coma o ABC, que afirma que A Coruña "prohibirá los toros" (sic). O propio empresario taurino, Tomás Entero, anunciou que recorrerá ante a Xustiza a decisión do Concello, na procura dunha indemnización económica maior e afirma que "é unha mágoa que os touros se maltraten de forma tan vil dende algunhas institucións". Entero sinalou para a Agencia EFE que "cando estes partidos radicais olen algo de España deciden dilapidalo sen importarlles que coartan tamén liberdades a moitos dos seus cidadáns" e advertiu que "loitaremos para que os touros non desaparezan do arraigo cultural de Galicia". O propietario de Tauro Siglo XXI barallaba este luns a opción de realizar corridas en "prazas portátiles" nalgún dos concellos da comarca coruñesa. Entero afirma que ten "catro ofertas firmes na provincia da Coruña para facer a feira cunha praza portátil".

Ante a posibilidade de que finalmente se concrete a instalación dun destes recintos portátiles nalgunha localidade próxima á Coruña (ou na mesma cidade), Rubén Pérez sinala que o empresario “sabe perfectamente que a maior parte dos toureiros que el propuña non lle van ir a unha praza portátil”. E aínda que hai precedentes próximos de mantemento de touradas (con recintos portátiles) en localidades nas que -como Viana do Castelo- o Goberno municipal se posicionara contra este espectáculo, Pérez lembra que despois das eleccións municipais de maio "ao lobby taurino quédanlles só pequenas vilas nas que poder facer isto”. O voceiro do colectivo abolicionista asume que a supresión da feira coruñesa podería ter como consecuencia un certo incremento da asistencia en Pontevedra, "pero moi pequeno, porque a asistencia real na Coruña, pagando entrada, era moi reducida”, sinala.

Rubén Pérez sinala que o empresario “sabe perfectamente que a maior parte dos toureiros que el propuña non lle van ir a unha praza portátil”

As redes sociais non adoitan ser un reflexo fiel da realidade social, pero semella que a supresión da feira taurina da Coruña tivo un impacto realmente pequeno entre eses afeccionados aos que os colectivos protaurinos adoitan aludir cando reivindican o seu dereito a que este espectáculo reciba subvencións públicas. Xa dende o domingo viñeran propoñéndose en twitter algúns hashtags para que os e as internautas deixasen constancia do seu apoio á continuidade das touradas na Coruña. #SialosTorosenACoruña sumou 49 tuits (43 deles retuits) e outras etiquetas habitualmente empregadas por este grupo, como #Coruñataurina ou #Galiciataurina sumaron 65 e 75 referencias, respectivamente, durante a última semana. Unha mostra do escaso interese que as touradas espertaban na Coruña. "En A Coruña la reacción de la ciudad y del sector ha llegado tarde, muy tarde. La feria llevaba tiempo más muerta que viva". Non o din os colectivos animalistas, senón os responsables de GaliciaTaurina, un portal informativo dedicado a promover a tauromaquia, nunha boa conclusión.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.