Angrois agarda aínda polo seu parque

Veciñanza de Angrois, na inauguración do cruceiro que lembra as vítimas © Concello de Santiago

O 31 de agosto cumpriranse 14 anos da morte dunha nena atropelada por un tren mentres xogaba coas súas amigas xunto ás vías de Angrois. Aquel accidente supuxo a desaparición do parque infantil que existía nas inmediacións, que non volveu reaparecer nin cando, unha década despois, ao construírse o AVE Ourense-Santiago, se valaron por completo as vías que atravesan o barrio. Tiveron que morrer outras 79 persoas, no accidente acontecido hai agora dous anos na curva de Angrois desa liña de alta velocidade, para que os veciños, convertidos en heroes, visen á fin escoitada a súa petición de volver contar cun espazo de esparcemento público. Pero terán que esperar, porque a Administración funciona ao seu propio ritmo e dous anos despois as obras aínda non pasaron da fase de catas arqueolóxicas.

Tras o accidente de Angrois de hai dous anos, os veciños do barrio foron os primeiros que se lanzaron ás vías a socorrer as vítimas. Logo os políticos e os medios de comunicación encargáronse de convertelos en heroes por algo que eles non consideran extraordinario, que faría calquera persoa. Así que ás administracións non lles quedou máis remedio que prometer que atenderían á fin as vellas reclamacións do barrio, e ao parque infantil sumaron un novo espazo para as festas da parroquia, porque o pequeno palco de bloques de formigón co que contaban desapareceu baixo a mole de aceiro do vagón do Alvia que saíu despedido fóra das vías.

O Concello licitou as obras un ano despois do accidente, pero esqueceu realizar o estudo arqueolóxico que require calquera actuación na zona, pola que pasa a Ruta da Prata

Para situar as novas dotacións públicas, apenas dous meses despois do accidente a ministra de Fomento, Ana Pastor, asinou a cesión ao Concello de Santiago de algo máis de 3.000 metros cadrados propiedade de Adif situados ao outro lado da curva do accidente, na súa parte interior. Eran parcelas que se expropiaran durante a construción da liña de alta velocidade pero que, rematados os traballos, xa non tiñan ningunha utilidade para a empresa pública xestora da liña. O goberno municipal do PP, non obstante, aínda tardaría un ano en licitar as obras, que adxudicou en decembro do pasado ano. Por un lado, o parque infantil e unha área de descanso para os peregrinos que chegan a Santiago pola Ruta da Prata que atravesa o barrio contratáronse por 63.500 euros, mentres que unha explanada que faga as veces tanto de pista polideportiva como de espazo para as festas da parroquia custará 94.000 euros.

Ambos os dous traballos adxudicáronse cun prazo de execución de tres meses, polo que xa deberían de estar rematados. Pero nada é doado en Angrois. O Concello non tivo en conta que ao pasar por alí un dos camiños de Santiago tiña a obriga de realizar un estudo arqueolóxico da zona antes de iniciar as obras. Así llo advertiu a Xunta, polo que meses despois de adxudicar a obra o que se iniciaron en Angrois foron prospeccións arqueolóxicas.

A asociación veciñal asegura que o novo goberno local se comprometeu nunha recente visita do alcalde a axilizar a actuación

Así que dous anos despois do accidente de Angrois, os seus veciños seguen sen contar cos espazos públicos que os políticos lles prometeron. As festas parroquiais, coma sempre cada primeiro fin de semana de xullo, tiveron que volver celebrarse tamén este ano alí onde acabou o vagón do Alvia. Isidoro Castaño, secretario da asociación veciñal creada un ano e medio antes do accidente, tómao con resignación. “A ver se as do ano que vén”, di. E asegura que o novo goberno local, de Compostela Aberta, comprometeuse con eles nunha recente visita do alcalde á zona a axilizar ao máximo a actuación. Así o ratifica un voceiro municipal, que asegura que a obra de Angrois é unha das prioridades e lembra que, se non se acomete dentro dun prazo determinado, que non concreta, os terreos volverían a mans de Adif, segundo o convenio asinado.

Eles son o mellor exemplo de que non sempre dispoñer dunha liña de alta velocidade facilita as comunicacións

Outra das reclamacións históricas de Angrois é que algún dos autobuses urbanos que pasa pola estrada nacional próxima, a 600 metros, se desvíe lixeiramente e faga algunha parada no centro do barrio. Castaño di que o anterior goberno local lles transmitiu que non había cartos para poder facelo, mentres que o actual limitouse a prometerlles que o estudaría. Eles a marquesina xa a teñen, xusto sobre o lugar no que se produciu o accidente. Pero só dá servizo aos nenos que usan o transporte escolar. O resto do día apenas serve para que algún veciño se resgarde do sol ou da chuvia nos seus paseos xunto á valada vía do tren. Eles son o mellor exemplo de que non sempre dispoñer dunha liña de alta velocidade facilita as comunicacións.

Imaxe do filme 'Angrois no esquecemento' CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.